Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2017 Páx. 43047

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2017 pola que se aproba o modelo de resolución pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria, como corresponde cun contorno no cal a utilización dos medios electrónicos é xa o habitual, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos fechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

Os documentos resultantes dunha actuación administrativa automatizada poden ser asinados, de conformidade co artigo 42 da devandita lei, utilizando un selo electrónico de Administración pública, órgano, organismo público ou entidade de dereito público, baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado.

A Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no punto 3.4 do seu protocolo, determina que a creación de selos electrónicos se realizará mediante resolución das secretarías xerais, secretarías xerais técnicas, direccións xerais ou persoa titular da dirección da entidade pública instrumental competente, que deberá ser publicada en sede electrónica.

Desta forma, parece necesaria a definición dun modelo común de resolución no ámbito da Administración xeral e do sector público autonómico para a formalización das actuacións administrativas automatizadas incluíndo todos os elementos requiridos pola normativa vixente.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o modelo de resolución, que figura como anexo, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Segundo. Ordenar a publicación do modelo na intranet da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2017

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO

(Logo do órgano ou entidade
responsable da actuación)

missing image file

Modelo de resolución conxunta do [órgano superior ou de dirección da Administración xeral ou entidade responsable da actuación) e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no punto 3.4 do seu protocolo, determina que a creación de selos electrónicos se realizará mediante resolución das secretarías xerais, secretarías xerais técnicas, direccións xerais ou persoa titular da dirección da entidade pública instrumental competente, que deberá ser publicada en sede electrónica.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito de [indicar o ámbito]:

a) [Descrición da actuación 1].

b) [Descrición da actuación 2].

c) ...

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) O [órgano superior ou de dirección da Administración xeral ou entidade responsable da actuación] como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A [Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou entidade responsable da Administración tecnolóxica dos sistemas que dan soporte á actuación] como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) O [órgano superior ou de dirección da Administración xeral ou entidade responsable da actuación] como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. [Opcional, só no caso de sinatura con selo de órgano e que este non exista] Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «[Nome do selo: como nome do selo poderá utilizarse o nome do órgano superior ou de dirección da Administración xeral ou entidade responsable da actuación, ou ben o nome do sistema ou servizo electrónico]» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade así como a responsabilidade do seu uso corresponderá a [órgano ou entidade responsable da actuación].

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: [NIF do órgano superior ou de dirección da Administración xeral ou entidade responsable da actuación].

b) Organismo subscritor: [nome do órgano superior ou de dirección da Administración xeral ou entidade responsable da actuación].

c) Nome do selo: [nome do selo].

[Escoller unha das seguintes cláusulas dependendo de que a sinatura se realice con selo de órgano ou código seguro de verificación (CSV)].

Cuarto. [Só no caso de sinatura con selo de órgano] Autorizar a [Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou entidade responsable da Administración tecnolóxica dos sistemas que dan soporte á actuación] para utilizar o selo electrónico denominado «[Nome do selo]» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. [Só no caso de sinatura con código seguro de verificación (CSV)] Autorizar a [Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou entidade responsable da Administración tecnolóxica dos sistemas que dan soporte á actuación] para utilizar un código seguro de verificación (CSV) para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Quinto. [Só no caso de sinatura con selo de órgano] Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «[Nome do selo]» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela,

[Nome do órgano superior ou de dirección da Administración xeral ou entidade responsable da actuación]

Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia

[Nome e apelidos da persoa titular]

[Nome e apelidos da persoa titular]

missing image file