Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 20 de setembro de 2017 Páx. 42834

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 5 de setembro de 2017 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Ernesto Guerra da Cal.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Ernesto Guerra da Cal con domicilio na rúa Exército Español, bloque 21, 1º dereita, 15406 Ferrol.

Feitos:

1. Manuel María Vicente Lopes Zebral, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Ernesto Guerra da Cal constituíuse en escritura pública outorgada en Ferrol o 25 de novembro de 2016, ante o notario Bruno Otero Afonso, co número 2552 do seu protocolo, por Manuel María Vicente Lopes Zebral, que actúa no seu propio nome e dereito. Esta escritura foi emendada por outra outorgada ante o mesmo notario o 4 de maio de 2017, co número 954 do seu protocolo.

3. A fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto ou fin principal estudar, coñecer, dar a coñecer, pesquisar, divulgar, publicar o pensamento, obra e vida de Ernesto Guerra da Cal, mellorar e desenvolver a súa teoría e obra por calquera medio legal e, subsidiariamente, de Ricardo Carvalho Calero, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, João Vicente Biqueira e Murguía, entre outros.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Manuel María Vicente Lopes Zebral, como presidente; Víctor Manuel López Casal, como vicepresidente, e María Sánchez-Andrade Sánchez, como secretaria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Ernesto Guerra da Cal, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 4 de setembro de 2017.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Ernesto Guerra da Cal e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza