Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 18 de setembro de 2017 Páx. 42662

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de agosto de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Coirós (expediente IN407A 2015/252-1).

Expediente: IN407A 2015/252-1.

Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: LMT, CT e RBT Caresma e anexo 1.

Concello: Coirós.

Feitos:

1. O 23 de agosto de 2016 o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

– Liña eléctrica de media tensión aérea a CT Fontefría, a 15 kV, cunha lonxitude de 0,983 km, coa orixe no apoio nº 71 existente da LMT BEG-707, tramo entre a derivada ao CT Cortella e a derivada ao CT Área de Servizos Coirós (expediente 415/09), condutor tipo LA-56 mm2 e final no CT Caresma (proxectado).

– Centro de transformación intemperie Caresma, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 15000/400-230 V.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución de información pública: 14 de outubro de 2015.

– DOG: 11 de novembro de 2015.

– BOP: 27 de outubro de 2015.

– Xornal La Voz de Galicia: 23 de decembro de 2015.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 6 de novembro de 2015.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

Mediante anuncio publicado no BOE do 17 de febreiro de 2017 notificouse aos interesados descoñecidos, de conformidad e co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

4. Realizada a visita de campo para examinar a localización das instalacións, apreciouse unha posible limitación á constitución da servidume indicada no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, nun predio afectado pola expropiación. Realizouse comunicación á distribuidora para que aclarase este punto, que presentou o anexo 1 ao proxecto, no cal se eliminaba a afección ao predio indicado.

5. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

– Gerardo Orgeira Gómez e outros, mediante escrito do 12 de novembro de 2015, solicitan que busquen outra solución para a alimentación de Caresma alegando, en síntese, o seguinte: a existencia dunha rede máis próxima desde onde alimentar o lugar.

– Francisco Faraldo Rivas, mediante escrito do 11 de outubro de 2016, solicita a relocalización do CT na súa parcela alegando, en síntese, o seguinte: Unha menor afección á súa parcela sen afectar terceiros.

Destas alegacións déuselle traslado ao promotor, que contestou:

– Escrito do 18 de decembro de 2015, en que se valoran as alegación presentadas por Gerardo Orgeira Gómez e outros, no cal, en síntese, manifesta o seguinte:

Modifican a titularidade de varios predios, segundo os datos que figuran na alegación.

Non existen limitacións ou prohibicións á constitución de servidume de paso establecidas tanto no artigo 57 da Lei do sector eléctrico como no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Que o trazado proxectado é o máis axeitado para o fin perseguido e proxectouse en cumprimento e atendendo ao Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o punto 1.5.1 da ITC-LAT07, que establece que as liñas eléctricas aéreas se estudarán seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto.

Que non acreditan o cumprimento das condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/2000, para que se deba modificar o trazado, nin presentan sequera un trazado concreto.

– Escrito do 2 de xaneiro de 2017, en que se valoran as alegacións presentadas por Francisco Faraldo Rivas, no cal, en síntese, manifesta o seguinte:

Que UFD intentou en diversas ocasións negociar co afectado sen resultado positivo.

Que a modificación proposta polo reclamante suporía unha afección da rede de baixa tensión de 12,50 metros á súa parcela, servidume que, segundo conversas mantidas co propietario, non estaría disposto a autorizar.

A dita resposta foi remitida ao reclamante para que alegara o que considerase, que foi, en síntese, o seguinte: consente a nova afección pero non está de acordo co importe ofrecido pola dita afección.

6. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

7. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

– Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 217, do 14 de novembro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar a localización das instalacións non se apreciou nos predios sometidos a expropiación ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións do promotor, cómpre sinalar:

– Non procede atender a solicitude realizada por Gerardo Orgeira Gómez e outros por non concretar ningún trazado alternativo concreto.

– Non procede atender a solicitude realizada por Francisco Faraldo Rivas polo seguinte:

Non permitir a súa propia execución sen chegar a expropiación. De todas as formas, durante o proceso de expropiación poderán chegar a acordo amigable.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

Resolvo:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude á cal se xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as hai, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 23 de agosto de 2017

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña