Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 14 de setembro de 2017 Páx. 42351

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 7 de setembro de 2017 pola que se determinan os criterios que seguirán as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vogais representantes nos plenos respectivos.

A Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, establece no artigo10.2.a) que, como mínimo, dous terzos dos/as vogais do pleno serán as persoas representantes de todas as empresas pertencentes ás cámaras en atención á representatividade dos distintos sectores económicos que se determinará conforme os criterios que estableza a Administración tutelante tendo en consideración a súa achega ao PIB, o número de empresas e o emprego. Estes/as vogais serán elixidos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, entre todas as persoas físicas e xurídicas que exerzan unha actividade comercial, industrial ou de servizos na demarcación de cada unha das cámaras.

O artigo 17 da citada lei determina que o censo electoral das cámaras comprenderá a totalidade do seu electorado clasificado por grupos e categorías, en atención á importancia económica dos diversos sectores representados, na forma que determine a respectiva Administración tutelante, clasificación que será revisada cada catro anos polo comité executivo da cámara.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúe á Comunidade Autónoma no seu artigo 27.29 a competencia exclusiva en materia de cámaras de comercio, industria e navegación, sen prexuízo do disposto no artigo 149 da Constitución española.

O artigo 30 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, establece que o censo electoral das cámaras, constituído de acordo co establecido no número 1 deste artigo, comprenderá a totalidade do seu electorado, clasificado por grupos e categorías, en atención á importancia económica dos diversos sectores representados, na forma que determine a Administración tutelante, clasificación que será revisada cada catro anos polo comité executivo.

A través da Orde do 18 de novembro de 2016 modificouse a Orde do 11 de abril de 1997, pola que se determinan os criterios para seguir polas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vogais representantes nos plenos respectivos para dar cumprimento ao establecido nos devanditos artigos.

Con todo, permanecía vixente para a preparación do marco a necesidade dunha información que xa non se atopa en poder das cámaras e que non pode serlles subministrada en virtude do disposto no artigo 95 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, o que impide a normal confección do censo electoral.

É por iso que xorde a necesidade de modificar os criterios que seguirán as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia para a elaboración dos censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vogais representantes nos plenos respectivos.

Por iso, e de acordo coas competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de cámaras de comercio, industria, servizos e navegación,

ACORDO:

Artigo único. Aprobación das normas para a constitución de grupos e categorías de electores/as e para a asignación de vogalías

Apróbanse as normas que seguirán as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vogais representantes nos plenos respectivos, que figuran anexas a esta orde.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 11 de abril de 1997 pola que se determinan os criterios para seguir polas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vogais representantes nos plenos respectivos.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase a Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación, execución e eficacia do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO

Normas para a constitución de grupos e categorías de electores/as
e para a asignación de vogalías

Primeira. Base de datos para a constitución dos grupos e, se é o caso, categorías

1. Co fin de elaborar o censo electoral a que fai referencia o artigo 17 da Lei 4/2014, do 1 de abril, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación procederán a elaborar unha base de datos en que incluirán a todas as empresas da súa demarcación que realicen actividades comerciais, industriais ou de servizos non excluídas de conformidade coa lexislación básica estatal ou lexislación sectorial específica, dadas de alta no imposto sobre actividades económicas (IAE).

2. Os rexistros da devandita base de datos incluirán os seguintes campos:

a) Nome da empresa.

b) NIF.

c) Enderezo da actividade.

d) Epígrafe ou grupo da tarifa do IAE.

e) Denominación da actividade.

f) Data de alta na actividade.

g) Achegas voluntarias realizadas, se é o caso.

3. Co fin de evitar duplicidades na referida base de datos, todos aqueles rexistros que correspondan á mesma empresa consolidaranse nun único rexistro para cada un dos grupos e categorías en que a empresa teña un alta válida nunha epígrafe do imposto de actividades económicas correspondente ao citado grupo e categoría, consignando como enderezo da actividade no caso de empresas non domiciliadas na demarcación de cada cámara a aquel que corresponda á oficina principal da empresa na devandita demarcación ou, na súa falta, o que figure no primeiro dos rexistros que sexan obxecto da dita consolidación.

4. Nesta base de datos e en relación cos empresarios e empresarias que poidan formar parte dos vogais do pleno dos grupos b) e c), previstos no artigo 14 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, incluiranse a todas aquelas empresas que realizasen achegas voluntarias á cámara ata a data en que se publique a convocatoria das eleccións a cámaras.

Segunda. Grupos electorais e representatividade dos sectores económicos

1. A relación de empresas incluída na base de datos clasificarase nos seguintes grupos en función dos sectores económicos en que as empresas realizan actividades empresariais:

A. Industria, enerxía e outras actividades: Comprenderá todas as empresas dadas de alta nas divisións 1, 2, 3 e 4 da sección 1ª do IAE.

B. Construción: comprenderá todas as empresas dadas de alta na división 5 da sección 1ª do IAE.

C. Comercio, hostalería e transportes: comprenderá todas as empresas dadas de alta nas divisións 6 e 7 da sección 1ª do IAE.

D. Outros servizos: comprenderá todas as empresas dadas de alta nas divisións 8 e 9 da sección 1ª do IAE, así como as correspondentes á sección 2ª adscritas ás cámaras.

2. A importancia económica dos distintos sectores económicos determinará o número de vogais de cada grupo no pleno de cada cámara, tendo en consideración a súa achega ao PIB, o número de empresas e o emprego. Con este fin aplicarase un coeficiente ponderador de 0,4 á achega ao PIB de cada un dos ditos sectores, de 0,3 ao número de empresas e de 0,3 ao emprego de cada sector.

Para efectuar este cálculo excluiranse as actividades económicas que non deben formar parte do censo das cámaras.

As cifras correspondentes á achega ao PIB e ao emprego para cada un dos sectores obteranse da contabilidade por provincias do Instituto Nacional de Estatística (INE), utilizando para tal fin os datos publicados para os cales exista desagregación a nivel provincial, independentemente do ámbito territorial de cada unha das cámaras. Utilizaranse para este fin os últimos datos publicados na data de elaboración do censo, incluíndo entre eles os datos provisionais, co fin de utilizar os datos que sexan máis actuais.

3. O número de vogais que corresponderá a cada un destes grupos, de entre as persoas elixidas entre as persoas representantes de todas as empresas pertencentes á cámara elixidas mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, resultará da seguinte fórmula:

Nº vogais grupo = 2/3 vogais do pleno x [(PIB x 0,4) + (emprego x 0,3) + (nº empresas x 0,3)]

Sendo:

– PIB = PIB do grupo/PIB da provincia representado na cámara.

– Emprego = emprego do grupo/emprego total dos sectores IAE representados na cámara.

– Nº empresas = nº de empresas do grupo/nº empresas total da cámara.

Co fin de asegurar a máxima representación dos distintos sectores económicos nos plenos de cada cámara, se como resultado desta operación algún dos grupos así definidos non obtivese representación no pleno, asignarase en todo caso un vogal ao grupo correspondente. O resto dos vogais asignaranse de forma directamente proporcional ás cifras obtidas con estas operacións.

En todo caso e polo mesmo motivo de asegurar a máxima representación dos distintos sectores económicos nos plenos de cada cámara, os grupos aos cales se lles asignen tres ou máis vogais deberán necesariamente dividirse en categorías conforme o establecido na norma terceira.

Terceira. Clasificación en categorías

1. A clasificación dos grupos en categorías será realizada polas cámaras sobre a base de afinidade das epígrafes que se desexen incluír na mesma categoría. A afinidade virá definida en termos de codificación das actividades das tarifas do IAE, entendendo que existe afinidade entre actividades de maior a menor grao na medida en que se produza a coincidencia de epígrafes (catro díxitos iguais), grupos (tres díxitos iguais), agrupacións (os dous primeiros díxitos iguais) e divisións (primeiro díxito igual).

2. A asignación dos/as vogais ás categorías farase en proporción directa ao número de empresas que se integren en cada unha delas, de acordo coa seguinte fórmula:

missing image file

Se como resultado desta operación resultar que algunha das categorías establecidas pola cámara non obtivese representación no pleno, asignarase en todo caso un vogal á categoría correspondente. O resto dos vogais asignaranse de forma directamente proporcional ás cifras obtidas con estas operacións.

Cuarta. Aprobación

A estrutura do pleno, clasificado en grupos e, se é o caso, en categorías conforme o disposto nestas normas, así como o número dos seus vogais constarán no regulamento de réxime interior de cada cámara.

Corresponde ao comité executivo a elaboración e revisión do censo electoral e a supervisión dos traballos necesarios para a súa confección.