BDNS (Identif.): 361430.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhafp.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro titulares dun ou máis centros de protección de menores que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que o/os centro/s para o/os que se solicita/n a/as axuda/s cumpra/n os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o sistema de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia; no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia; no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento.
A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con fondos estruturais e de investimento europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades de iniciativa social que presten o servizo de acollemento residencial e/ou atención de día a menores baixo a protección da Xunta de Galicia a través da realización das obras menores e da compra do equipamento preciso, na consideración de que a mellora das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada. Código de procedemento BS413A.
Os centros e servizos obxecto de subvención en virtude desta convocatoria son aqueles establecementos que serven de soporte convivencial para unha atención especializada a menores en situación de desamparo ou risco social, que ofrecen transitoriamente aloxamento, asistencia integral e unha dotación de servizos e programas especialmente orientados cara á normalización, personalización e integración sociofamiliar dos seus beneficiarios.
2. Así mesmo, por medio desta orde, convócanse as ditas axudas para o ano 2017.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 1 de setembro de 2017 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento dos centros de protección de menores dependentes de entidades de iniciativa social e se convocan para o ano 2017, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Cuarto. Importe
Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de seiscentos vinte cinco mil euros (625.000 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.313C.781.0.
Financiarase ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras menores e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2017
José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social