Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 11 de setembro de 2017 Páx. 42110

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2017, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o día 4 de setembro de 2017, o tribunal nomeado pola Orde do 22 de maio de 2017 (DOG número 100, do 29 de maio), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 (DOG número 240, do 19 de decembro),

ACORDOU:

Primeiro. Á vista das reclamacións presentadas, anular a pregunta 82. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta de reserva número 101.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, así como na Resolución deste tribunal do 12 de xullo de 2017, superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de dez puntos (10 puntos), puntuación que equivale a sesenta e dúas (62) respostas correctas. Para estes efectos, fíxase en 60 o número máximo de aspirantes que superaron o exercicio, ao teren acadado as mellores puntuacións no conxunto de todas as quendas, respondendo correctamente, como mínimo, ao 55 % das preguntas do cuestionario consideradas válidas e unha vez feitas as deducións previstas na citada base.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquel aprobado coa nota de corte consideraranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de 60 persoas aspirantes anteriormente indicado.

As persoas aspirantes que conserven a nota acadada no primeiro exercicio do proceso selectivo convocado pola Orde do 18 de maio de 2015 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, non computarán dentro do número máximo dos 60 aspirantes establecido.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas presentadas ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas no lugar onde se realizou o exercicio e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base IV.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2017

Pablo Leis Mol
Presidente do tribunal