Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 30 de agosto de 2017 Páx. 41000

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa, se aproba o proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre, nos termos municipais de Lousame, Rois e Brión, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2010/270-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. (en diante, REE), con enderezo para os efectos de notificación en Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, La Moraleja, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 19 de outubro de 2010 a empresa REE presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da instalación eléctrica denominada LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre, xunto co proxecto de execución, das separatas técnicas para os organismos afectados e da relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

Segundo consta no proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada consiste nunha liña eléctrica aérea a 220 kV, de dobre circuíto, cunha lonxitude total de 1.659 m, en condutor tipo Cóndor AW e con dous cables terra-óptico tipo OPGW 15.3 48 FO tipo I 17 kA, sobre apoios metálicos de celosía, con orixe no apoio número 30 (que se vai substituír) da LAT 220 kV SC Santiago-Tambre existente e final na mesma liña eléctrica, unha vez que entre e saia da futura subestación de Lousame, discorrendo polos termos municipais de Lousame, Rois e Brión, na provincia da Coruña.

Segundo. O 3 de decembro de 2010 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio emitiu informe favorable sobre a instalación de transporte de enerxía eléctrica referida no antecedente de feito anterior.

Terceiro. O 19 de outubro de 2010 a empresa REE presentou o estudo de impacto ambiental, xunto coa documentación xustificativa dos trámites realizados no seu momento perante o Ministerio de Medio Ambiente (trámite de consultas previas), que comprende as catro instalacións eléctricas seguintes (para as que se indican os números de expediente baixo os cales se tramitaron simultaneamente as solicitudes reflectidas):

– Nova subestación a 220 kV de Lousame (expediente IN407A 2009/471-1: solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública).

– LAT 220 kV DC Lousame-Tibo (expediente IN407A 2010/268-1: solicitude de autorización administrativa).

– LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos (expediente IN407A 2010/269-1: solicitude de autorización administrativa).

– LAT 220 kV DC E/S na subestación de Lousame da LAT Santiago-Tambre (expediente IN407A 2010/270-1: solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública).

O órgano ambiental considerou válidos os trámites realizados polo Ministerio de Medio Ambiente, e notificoulle á Xefatura Territorial da Coruña da actual Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, Xefatura Territorial) certos aspectos para engadir ao estudo de impacto ambiental de cara á súa exposición pública.

Cuarto. O 22 de novembro de 2012 a Xefatura Territorial ditou resolución pola cal se someteu a información pública o estudo de impacto ambiental único sobre o conxunto das catro instalacións eléctricas citadas, así como a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da instalación eléctrica denominada LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre, nos concellos de Lousame, Rois e Brión, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2010/270-1).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 19 de decembro de 2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 18 de decembro, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 13 de decembro e nos xornais El Correo Gallego e Faro de Vigo do 22 de decembro. Así mesmo, estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos de Lousame, Rois e Brión, así como nas dependencias das xefaturas territoriais da Coruña e de Pontevedra das actuais Consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e de Economía, Emprego e Industria.

Quinto. Durante o citado trámite de información pública, ademais das alegacións ao estudo de impacto ambiental, que se integraron no expediente ambiental que se remitiu ao órgano ambiental para a formulación da declaración de impacto ambiental, presentáronse as seguintes alegacións ao proxecto da instalación eléctrica denominada LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre (das cales se deu traslado á empresa promotora da liña eléctrica, quen presentou a súa contestación):

1. Requina Elisa, Mónica e Constantino Martínez Schnacking, na súa calidade de propietarios dun predio que resulta afectado pola liña eléctrica de referencia, de 145 hectáreas e identificado con varias referencias catastrais (15013A01700137000UY, 15075A0246000220001MQ, 15075A000210001MG e 15075A024000160000XL), presentaron varios escritos de alegacións, onde manifestan o seguinte: solicitan información do expediente; comunican o seu enderezo postal para os efectos de notificacións; e solicitan un trazado alternativo para evitar a afección do seu predio con base nun informe pericial achegado, alegando que están iniciando obras nel, como un campo de golf, instalación hoteleira, centro xeriátrico e explotación gandeira con aproveitamento integral e ecolóxico do contorno.

2. O Concello de Brión deu traslado á Xefatura Territorial das alegacións presentadas nese concello por Requina, Mónica e Constantino Martínez Schnacking, coas mesmas manifestacións xa resumidas no parágrafo anterior.

Sexto. O 29 de novembro de 2012 a Xefatura Territorial trasladou as separatas técnicas da instalación eléctrica denominada LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados: Concello de Lousame, Concello de Rois, Concello de Brión, Augas de Galicia, CMATI-Servizo de Infraestruturas da Coruña, Dirección Xeral de Montes e Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

A respecto das dúas entidades que non contestaron, os concellos de Rois e Brión, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo das autorizacións que lles corresponda outorgar.

As outras cinco entidades presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, do que se deu traslado á empresa REE, quen presentou a súa conformidade ao respecto.

Sétimo. O 19 de xuño de 2015 os servizos técnicos da Xefatura Territorial emitiron un informe en que se resume a instrución do expediente IN407A 2010/270-1 (información pública e consulta ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas no estudo de impacto ambiental) e se conclúe o seguinte:

– A infraestrutura denominada LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre está recollida no documento Planificación dos sectores de electricidade e do gas 2008-2016, aprobado polo Acordo do Consello de Ministros do 30 de maio de 2008.

– Procede remitir ao órgano substantivo o documento inicial do estudo de impacto ambiental, así como todos os informes e/ou alegacións relacionados con este e de consultas ás administracións públicas afectadas.

– O proxecto técnico cumpre coas exixencias regulamentarias do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Oitavo. O 22 de febreiro de 2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ás instalacións eléctricas LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, nova subestación a 220 kV de Lousame, LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre e LAT 220 kV DC Lousame-Tibo.

O 27 de marzo de 2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se deu publicidade á dita declaración de impacto ambiental, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia de data 29 de maio de 2017.

Noveno. O 13 de xuño de 2017 os servizos técnicos da Xefatura Territorial emitiron informe sobre dereitos mineiros en confluencia co trazado da LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre, no cal se conclúe que non existen dereitos mineiros en afección.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas ao proxecto da instalación eléctrica, da contestación a elas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• Con respecto á comunicación do enderezo postal para os efectos de notificacións, indícase que a empresa promotora tomou razón del.

• Con respecto á petición de información sobre o expediente, indícase que foron realizadas as preceptivas publicacións da resolución de información pública (Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial da provincia da Coruña, Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, El Correo Gallego e Faro de Vigo); así como a súa exposición nos taboleiros de anuncios da Xefatura Territorial e dos concellos afectados, onde se dispoñía de toda a documentación técnica e ambiental para a súa consulta.

• Con respecto á modificación do trazado e ao futuro uso dos predios, indícase o seguinte:

– O estudo do trazado das liñas eléctricas realízase dun modo global, tendo en conta todo o seu percorrido e non só un tramo concreto, para evitar chegar a resultados erróneos, considerando ademais o resto de condicionantes técnicos e ambientais, e non adoptando un trazado con base nun único criterio (como, por exemplo, a afección a unha determinada parcela de titularidade privada).

– Un dos factores primordiais para ter en conta no estudo do trazado das liñas eléctricas é a minimización do impacto sobre os núcleos de poboación e as vivendas existentes. Este criterio aplicao a empresa promotora na determinación do trazado proxectado. Polo contrario, o trazado proposto no escrito de alegacións suporía un achegamento da liña eléctrica ao núcleo de poboación de Bargo, provocando un maior impacto sobre a poboación.

– O trazado proposto implicaría un cambio na dirección de saída das liñas eléctricas na subestación (proxéctanse saíndo polo lado leste da subestación e coa variante proposta faríano polo lado oeste), o que levaría aparellada unha modificación do proxecto da subestación que xa foi aprobado.

– O trazado proxectado conta con declaración de impacto ambiental (DIA), formulada o 22 de febreiro de 2017 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, onde se considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais das condicións incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as que se recollen na DIA.

– O proxecto de execución da liña eléctrica conta con informe favorable dos servizos técnicos da Xefatura Territorial, en canto ao cumprimento do Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

– No escrito de alegacións non se acredita a concorrencia conxunta dos requisitos establecidos no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, necesarios para que resulte posible unha modificación do trazado proxectado.

– A posible depreciación do terreo non se toma en consideración, por non ser obxecto deste procedemento, senón do expediente expropiatorio na súa fase de determinación do xustiprezo. A valoración económica das afeccións substanciarase nesta fase, para o que se tramitarán as correspondentes pezas separadas do xustiprezo, na cal se determinará a indemnización que corresponda e na cal o afectado poderá presentar a súa folla de valoración, onde concretará o valor que considera que lle corresponde polos prexuízos que se lle ocasionen, co fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poida valorar o prezo xusto en cada caso.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar á empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre, nos termos municipais de Lousame, Rois e Brión (A Coruña).

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación eléctrica.

3. Recoñecer, en concreto, a utilidade pública da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. De conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, por proposta do órgano ambiental fíxase en 9.454,68 € (1 % do orzamento do proxecto de execución) a contía do aval, que deberá constituír a empresa promotora (REE), para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración.

A empresa promotora deberá depositar este aval, con carácter previo ao inicio das obras, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

Segunda. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre, asinado polo enxeñeiro industrial Luis Fernando Acarregui Zabala (colexiado nº 2.684 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Bizkaia) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co número 3803/2009 e data 28 de decembro de 2009; e no cal figura un orzamento de 945.468 €.

Terceira. A empresa REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce (12) meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Sexta. Con canto nos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito sexto da presente resolución), a empresa REE realizará as correspondentes afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas