Aprobado inicialmente o himno municipal do Concello de Valga, mediante o Acordo do Pleno extraordinario e urxente do 24 de maio de 2017, de conformidade cos artigos 49 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e 56 do texto refundido de réxime local, faise público que, transcorrido o prazo de exposición pública do expediente, o Pleno do Concello, na sesión que tivo lugar o 27 de xullo, acordou desestimar a reclamación presentada contra el e aprobar definitivamente o himno municipal de Valga, polo que se procede á súa publicación íntegra no Diario Oficial de Galicia.
O que se fai público para xeral coñecemento, advertíndose que se pode interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, no prazo de dous meses desde a publicación deste acto de acordo co establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de que se poida exercitar, de ser o caso, calquera outro recurso que se considere pertinente.
Valga, 4 de agosto de 2017
José María Bello Maneiro
Alcalde presidente
ANEXO
Himno municipal do Concello de Valga
As túas costas protexidas por outeiros,
bicados polo Ulla os teus beizos,
oh, ti, ben amada,
que fermosa eres, Valga!
Liberdade, coraxe e honra,
herdadas do teu sabio pobo,
non deixes que nas pedras morran,
as tradicións, contos e lendas.
Ata nós chegan pegadas
dos mouros que aquí mercaron
e heroes que salvaron
a túa beleza.
As túas costas protexidas por outeiros,
bicados polo Ulla os teus beizos,
oh, ti, ben amada,
que fermosa eres, Valga!
Lembranzas cheas de saudade,
espertas o emigrante,
no peregrino paseante,
ao aloumiño do seu fogar.
Moitos camiños percórrente
para levarnos ao futuro,
e nunca vexas escuro
o verdor do val.
As túas costas protexidas por outeiros,
bicados polo Ulla os teus beizos,
oh, ti, ben amada,
que fermosa eres, Valga!
Nota: ver partitura na páxina web do concello: www.valga.es