Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 22 de agosto de 2017 Páx. 40065

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2017, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se declara de interese galego a Fundación Amedis e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Amedis, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. María del Carmen Álvarez Martínez, presidenta do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Amedis foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 24.5.2017, emendada por dilixencia do 20.6.2017, ante o notario Pablo Rueda Rodríguez-Vila, co número de protocolo 1.013, por María del Carmen Álvarez Martínez e Clemente Pousa Pereira.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto traballar pola mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual en todas as etapas e ámbitos da súa vida e conseguir unha integración social real, recoñecendo que o primeiro dereito de calquera persoa discapacitada é chegar a non selo.

A Fundación poderá exercer a tutela daqueles menores que teñan discapacidade intelectual nos casos en que así sexa requirido.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG núm. 242, do 19 de decembro).

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, obxecto e actividades, o domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por María del Carmen Álvarez Martínez como presidenta, Clemente Pousa Pereira como vicepresidente e Jesús Díaz Castro como vogal. Designan a Raquel Pérez Salgado como secretaria con voz pero sen voto.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías na xuntanza do día 4.7.2017 elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Amedis consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e de conformidade co establecido no artigo 47 da antedita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 6 de xullo de 2017, clasificouse como de interese asistencial á Fundación Amedis, e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Amedis, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, e 15/2009, do 21 de xaneiro, e despois do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social, da Fundación Amedis, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Amedis.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Amedis, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Terceiro. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Política Social.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Política Social, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2017

Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Política Social