Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2017 Páx. 38380

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2017 pola que se amplía a dotación orzamentaria prevista inicialmente na Resolución do 17 de abril de 2017, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables nas empresas de produción agrícola primaria.

Mediante a Resolución do 17 de abril de 2017 desta dirección, referida no encabezamento, publicada no Diario Oficial de Galicia número 78, do 24 de abril de 2017, acordouse a aprobación das bases reguladoras xunto coa convocatoria de subvencións, cuxo procedemento administrativo de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de equipamento de enerxías renovables nas empresas de produción agrícola primaria, para o ano 2017.

Tal e como consta na parte expositiva da citada resolución o financiamento desta convocatoria faise con cargo aos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia para o ano 2017.

O artigo 3.1 das bases reguladoras relativo ao financiamento prevé unha dotación inicial de 600.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.A2.733A.770.9 e no parágrafo segundo dese mesmo artigo establécese a posibilidade de incrementar o crédito coa condición dunha maior dispoñibilidade derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Na aplicación orzamentaria correspondente existe crédito dispoñible e co fin de atender as solicitudes admitidas para participar nesta convocatoria, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente.

Polo anteriormente exposto, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Ampliar a dotación de fondos inicialmente prevista nesta convocatoria na contía de 510.000 euros, polo que o importe total asignado para estas axudas, con cargo á aplicación orzamentaria 09.A2.733A.770.9, tras esta ampliación ascende a 1.110.000 euros de acordo co seguinte cadro de financiamento:

Aplicación orzamentaria

Dotación orzamentaria (€)

Importe inicial

Modificación

Importe final

09.A2.733A.770.9

600.000,00

510.000,00

1.110.000,00

Segundo. A presente ampliación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura de prazo para presentar novas solicitudes.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia