Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2017 Páx. 38357

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 21 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018.

BDNS (Identif.): 358234.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index):

Primeiro. Beneficiarios

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os requisitos previos establecidos na orde e na demais normativa aplicable. Entre outros, posuír a titularidade e/ou dispoñibilidade do espazo e/ou edificio en que se pretende realizar a actuación nos termos establecidos no seu artigo 6.1.d) e contar con plan de accesibilidade en vigor ou, na súa falta, programa de accesibilidade integrado pola totalidade de aspectos sinalados no artigo 12.g).

Segundo. Obxecto

Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora ou adaptación de infraestruturas e/ou dotación de equipamento en espazos públicos e edificios destinados á prestación de servizos públicos, co fin de garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación e sempre que a actuación responda a unha das seguintes tipoloxías:

a) Obra de reforma que implique a mellora, adaptación ou adecuación dun espazo público e/ou edificio destinado á prestación dun servizo público xa existente.

b) Subministración de equipamento: adquisición e instalación.

O obxecto poderá ser o sinalado no artigo 8 da orde, os gastos subvencionables os indicados no artigo 9 e a execución material deberá desenvolverse desde o 1 de setembro de 2017 e ata o 31 de outubro de 2018 ben que, de acordo co establecido no artigo 6.1.b), será obrigatoria a opción entre os seguintes intervalos:

a) Desde o 1 de setembro de 2017 e ata o 30 de novembro de 2017: o gasto imputarase á anualidade 2017.

b) Desde o 1 de decembro de 2017 e ata o 31 de outubro de 2018: o gasto imputarase á anualidade 2018. Neste suposto, deberá iniciarse, en todo caso, antes do 31 de decembro de 2017.

Isto sen prexuízo do sinalado no artigo 6.1.b) respecto do procedemento de contratación ou trámites para o efecto e a excepción aplicable a determinados gastos.

Terceiro. Bases reguladoras

Contidas na Orde do 21 de xullo de 2017, que abrangue tanto as bases reguladoras como a convocatoria 2017-2018.

Cuarto. Contía

Destínase crédito por importe total de novecentos mil euros (900.000 €), distribuído nas anualidades 2017 (62.711 €) e 2018 (837.289 €), cofinanciado con fondos Feder nun 80 %, programa operativo de Galicia 2014-2020.

A contía máxima por entidade beneficiaria, que unicamente poderá formular solicitude respecto dunha actuación, será do 70 % do orzamento total, cun máximo de 60.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Respecto da concorrencia entre solicitudes, terase en conta a distribución do crédito por anualidades e regras de imputación do gasto e o prazo de execución material; polo tanto, a prelación segundo os criterios de valoración calcularase en función de cada unha daquelas.

Entenderase como edificios de uso público os referidos no artigo 16 da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade. Isto sen prexuízo do establecido no artigo 6.1, letras d) e g) da orde. Se a actuación, na súa totalidade ou parcialmente, afecta aqueles, a data de construción ou de última reforma integral debe ser anterior ao 4 de decembro de 2010, agás que a intervención non estea incluída entre as actuacións exixibles no Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo.

A solicitude, sen prexuízo da obrigatoriedade de cumprimento da totalidade de requisitos e a súa acreditación, deberá corresponderse co contido do acordo referido no artigo 6.1.a) da orde e conter unicamente unha actuación reflectida nun único documento técnico, o que corresponda segundo a súa natureza, e sempre que se refira a unha obra completa ou ben a unha actuación de carácter homoxéneo no caso de adquisición e instalación de equipamento, que sexan susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución. Todo isto con independencia de que se desenvolva ben nun espazo ou ben nun edificio público ou teña carácter mixto e, así mesmo, que naquel se inclúan unha ou varias das intervencións especificadas no artigo 8.

A xustificación realizarase a través de conta xustificativa do gasto realizado nos termos do artigo 25 da orde.

Non será admisible solicitude de modificación do prazo de execución que afecte a data de inicio e/ou de finalización cando implique alteración do período de execución material polo cal se optase.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social