Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 7 de agosto de 2017 Páx. 37937

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de xullo de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Fixón, da parroquia de Negros, no concello de Redondela (Pontevedra), solicitada a favor dos veciños da CMVMC de Negros.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data do 14 de xuño de 2017, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Fixón a favor dos veciños da CMVMC de Negros, no concello de Redondela (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data de entrada do 9.1.2013, Juan José Cabaleiro Balado, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Negros, concello de Redondela, presenta solicitude de clasificación dunha parcela denominada Fixón, de 462,15 m2, acompañada de informe técnico con planimetría, relación de lindeiros e copia do documento de liquidación de herdanza dunha leira estremeira que indica que linda polo leste con monte comunal.

No informe técnico, a Comunidade de Montes da parroquia de Negros alega que a parcela é propiedade comunal dos veciños do lugar, os cales veñen realizando un uso habitual e continuado deste monte. Esta parcela correspóndese cun terreo onde existe unha recente plantación realizada pola Comunidade de Montes de Negros e unha superficie con peche onde se localiza unha pequena construción. Esta construción foi realizada nos anos setenta por un grupo de veciños de Santo Estevo de Negros, organizados polo cura da parroquia, don Luis, para proporcionar unha vivenda a posibles veciños necesitados da parroquia. Desde a súa construción foi empregada por distintas persoas que solicitaron o seu uso ao sacerdote de Negros.

Tras varios trámites para corrixir deficiencias na documentación presentada, os informes previos do Servizo de Montes establecen que a parcela de Fixón non está clasificada e que a súa extensión final, segundo a cartografía corrixida pola comunidade solicitante, é de 427,3 m2. Tamén informan de que a parcela solicitada está a 150 m dun monte denominado Cocho, clasificado a favor da mesma comunidade en 2007.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes en Man Común acordou, na súa sesión do 19.6.2013, incoar o correspondente expediente de clasificación da devandita parcela a favor da CMVMC da parroquia de Negros, concello de Redondela.

Terceiro. O 20.6.2013 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución de Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Con data do 24.7.2013 recíbese o antedito informe preceptivo do Servizo de Montes. Nel recóllese que a leira está poboada con pés de piñeiro, salgueiro e bidueiro, plantas ornamentais, matogueiras de silveira e herbal. Está ocupada por edificio vivenda e edificio anexo con peche de fábrica e tea metálica.

Cuarto. A rexistradora da propiedade de Redondela, en escrito do 12.8.2013, certifica que a parcela denominada Fixón non figura inscrita no Rexistro da Propiedade coas características presentadas.

Quinto. Feitas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto período de audiencia, con data 16.8.2014 Manuel Álvarez López, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Cabeiro, lindeira coa de Negros, presenta alegacións opoñéndose á clasificación da parcela Fixón a favor da Comunidade de Negros e achega informe pericial. A súa oposición baséase en catro puntos:

1. A parcela non está situada no lugar de Fixón nin na parroquia de Negros, senón na de Cabeiro, inda que a divisoria pasa polo camiño asfaltado que serve de linde leste á parcela. En apoio desta afirmación presenta documentación histórica do Catastro de Ensenada, datos do catastro actual, esbozo da carpeta ficha e certificación municipal dos datos estatísticos do IBI aboado pola vivenda e plano municipal.

2. A vivenda é coñecida pola casa dos pobres e foi construída tamén por veciños de Cabeiro. O crego referido (don Luis) tamén foi párroco das dúas parroquias, Negros e Cabeiro, e tamén foron das dúas parroquias os veciños sen recursos aloxados na vivenda.

3. Non hai máis monte veciñal á beira da parcela nin hai a nova plantación alegada pola Comunidade de Montes de Negros, agás que se refira ao monte denominado Cocho, clasificado no 2007 e situado a 150 m, segundo recolle o informe previo do Servizo de Montes.

4. A maior parte da parcela está ocupada pola vivenda e un recinto pechado. O resto da parcela tamén está ocupada parcialmente por cultivos de horta. Alega que a asociación de veciños de Cabeiro corre cos gastos da subministración de electricidade e auga á vivenda.

Sexto. Con data do 5.9.2014 a Comunidade de Montes da Parroquia de Negros presenta escrito de alegacións ao escrito da Comunidade de Montes de Cabeiro, acompañado de declaracións de dúas propietarias que afirman lindar con esta parcela comunal de Negros, e de informe técnico sobre a situación da parcela na parroquia de Negros segundo o catastro de 1958.

Sétimo. Á vista da documentación presentada pola comunidade solicitante e os informes do Servizo de Montes, a parcela obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Redondela.

Parroquia: Negros.

Nome da parcela: Fixón.

Cabida: 427,3 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: regato.

Sur: pista asfaltada.

Leste: pista asfaltada.

Oeste: Rosa Parada Giménez e Rosa Rivas Rodríguez.

Consideracións xurídicas.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer e resolver os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define así o monte veciñal en man común:

“Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

Así, segundo a ampla xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte en vía administrativa é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O Concello de Redondela non presentou alegacións á clasificación da parcela e soamente se limitou a remitir a certificación do alcalde de que o anuncio relativo ao inicio do expediente estivo un mes exposto no taboleiro de anuncios da casa do concello, o que supón implicitamente o recoñecemento do carácter veciñal dos terreos obxecto do expediente por parte do concello.

Cuarto. A pesar deste e doutros indicios de que a parcela Fixón é veciñal, da documentación que consta no expediente non se pode deducir inequivocamente que esta parcela teña tal condición segundo o uso actual. Os usos privativos poden ser compatibles co aproveitamento comunal cando son temporais e pretenden atender unha necesidade dalgún veciño, pero tal compatibilidade non aparece debidamente documentada. As comunidades de montes de Negros e Cabeiro afirman que a casa foi construída polos veciños dunha ou das dúas parroquias, e aloxa temporalmente algún veciño ou familia desas parroquias, pero non presentan probas que o recollan. Tamén afirma a Comunidade de Montes de Cabeiro que a asociación de veciños desa parroquia sufraga os gastos de subministración de electricidade e auga da vivenda construída na parcela, pero non consta nos escritos presentados documentación ningunha que o sustente. Por todo isto, non queda suficientemente acreditado o uso comunal actual da parcela.

Quinto. Unha boa parte da documentación presentada polas comunidades de montes de Negros e Cabeiro van dirixidas a demostrar que a parcela solicitada de clasificación pertence a cada unha das parroquias citadas. Non corresponde a este xurado ditaminar sobre este punto, por canto os lindes divisorios das parroquias non sempre coinciden coas divisorias do aproveitamento de cada comunidade de veciños, que é o obxecto sobre o que aquí se debe resolver, como se recolle no punto segundo desta parte.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado de xeito unánime

ACORDA:

Non clasificar como monte veciñal en man común a parcela denominada Fixón, solicitada polos veciños da Comunidade de Montes de Negros, do concello de Redondela (Pontevedra).

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 19 de xullo de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra