Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 36849

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 18 de xullo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa I (emprego autónomo), Programa II (fomento da contratación por conta allea) e Programa III (programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro), convocatoria do ano 2017.

O Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020 desenvólvese no marco do FSE para o período 2014-2020 co obxectivo de dotar de instrumentos a Iniciativa de emprego xuvenil e pór a andar os sistemas de garantía xuvenil, co fin de loitar contra o desemprego entre as persoas novas.

A Recomendación do Consello Europeo do 22 de abril de 2013 define a garantía xuvenil como unha recomendación os Estados para que velen porque todas as persoas mozas menores de vinte e cinco anos que nin traballan, nin estudan, nin seguen unha formación reciban unha oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedar desempregados ou acabar a educación formal.

No ámbito estatal, o Plan nacional de garantía xuvenil recolle un conxunto de actuacións que logo serán desenvolvidas polos organismos intermedios do Plan operativo de emprego xuvenil (POEX) dentro do marco do Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

Posteriormente, a Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para impulsar o Sistema nacional de garantía xuvenil, regula, entre outros aspectos, a creación dun ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e o proceso de inscrición das persoas mozas.

Na Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, no título V dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas autonómicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro de efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

No marco do establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 20 do Estatuto de autonomía de Galicia, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e de acordo coa Axenda 20 para o Emprego e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, cómpre adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

Esta convocatoria de subvencións pretende acadar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no mercado laboral e a través dos seguintes programas:

Programa I: promoción do emprego autónomo de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Programa II: incentivos a empresas e empregadores, con centros de traballo en Galicia, que contraten de maneira indefinida inicial ou temporal ou transformen o contrato temporal en indefinido ás persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Programa III: programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Estes programas enmárcanse dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe máxima do 91,89 %. Dentro do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX) hai tres eixes prioritarios, dos cales afecta este programa o eixe prioritario 5, relativo á integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non estean empregadas, nin participen en actividades de educación nin formación, en particular no contexto da garantía xuvenil. Este eixe 5 está composto de obxectivos específicos dos cales están afectados por estes programas os seguintes:

– Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non estean empregadas, ni participen en actividades de educación nin formación, así como as persoas mozas que corran o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto de garantía xuvenil.

– Obxectivo especifico 8.2.3, no cal se enmarca o Programa I, este obxectivo pretende aumentar o emprendemento das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación como vía de acceso o mercado laboral a través da creación de empresas.

– Acción/medida 8.2.3.3. Medida para favorecer o autoemprego.

– Obxectivo especifico 8.2.4, no cal se enmarcan os programas II e III, co que se pretende aumentar a contratación das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, así como das que corren o risco de sufrir exclusión social, desde unha análise das diferentes necesidades da situación das mulleres e homes e a coordinación cos orientadores laborais contratados no marco de Programa operativo de emprego xuvenil e dentro de este obxectivo a medida 8.2.4.2, axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas durante un período superior a seis meses.

– Medida 8.2.4.2. Axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas durante un período superior a seis meses.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle a Comunidade Autónoma a competencia, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

De acordo co disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspondéndolle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego, e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do Programa de promoción do emprego autónomo entre as persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, do Programa de axudas ás empresas e empregadores pola contratación de persoas mozas asalariadas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e do programa de axudas as entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Para a Xunta de Galicia a situación de desemprego xuvenil constitúe unhas das súas principais preocupacións e o centro das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego, formando parte da Axenda 20 para o emprego, dentro do reto 1, os incentivos á contratación.

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Consecuentemente con todo anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo da autorización da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

RESOLVO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Aprobar as normas reguladoras e establecer os procedementos de subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, dentro do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX), para concesión de subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

As subvencións destinaranse aos seguintes programas:

a) Programa I. Promoción do emprego autónomo de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (procedemento TR341J).

b) Programa II. Incentivos a empresas e empregadores, con centros de traballo en Galicia, que realicen unha contratación indefinida inicial, unha contratación temporal ou unha transformación en indefinido dun contrato temporal subvencionado ao abeiro deste programa, con persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (procedementos TR349I e TR349L).

c) Programa III. Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (procedemento TR352C).

Artigo 2. Marco normativo

As subvencións que se concedan ao abeiro desta orde terán a consideración de subvencións públicas, polo que se rexeran, ademais do previsto nesta orde, pola seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Regulamento (UE) número 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (UE) 1083/2006, do Consello.

e) Regulamento (UE) número 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Social Europeo.

f) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013).

g) Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

h) Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

i) Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para impulsar o Sistema nacional de garantía xuvenil.

j) Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

k) Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

l) Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

m) Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

n) Demais normativa que resulte de aplicación e que substitúa a actualmente vixente.

Artigo 3. Financiamento

1. O importe máximo destinado á concesión de subvencións é de 9.037.619,93 €, coa posibilidade de ser ampliado unha vez realizadas as modificacións orzamentarias oportunas, segundo a seguinte distribución:

a) Programa I: 2.502.992 € na aplicación 09.40.322C.473.0 proxecto 2016 00319.

b) Programa II: 3.264.773 € na aplicación 09.40.322C 473.3 proxecto 2016 00320 e 217.651 € na aplicación 09.40.322C 481.11 proxecto 2016 00320.

c) Programa III: 3.052.203,93 € na aplicación 09.40.322C.481.5 proxecto 2015 00569.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde está suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaria Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde para oo programas I e II será directamente proporcional á porcentaxe do paro rexistrado en cada provincia en 31 de decembro de 2016, segundo os datos de paro rexistrados do Servizo Público de Emprego de Galicia. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 5.2 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

4. Os créditos estimados do Programa III poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos de esta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, de ser o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional, en relación co Programa I, no momento da súa contratación, en relación co Programa II, e en relación co momento da selección e da contratación no caso do Programa III.

A comprobación da inscrición no Sistema nacional de garantía xuvenil realizaraa directamente o órgano xestor das axudas. No caso de oposición da persoa interesada deberá presentar a documentación acreditativa da súa inscrición.

2. Data de inicio da actividade laboral: para os efectos deste programa entenderase como data de inicio da actividade laboral a data de inicio que figura na solicitude de alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional; esta data será a que figura recollida no documento de alta do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, así como nos informes de vida laboral.

3. Persoa con discapacidade, aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

De acordo co disposto no artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, considerarase que presentan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos, a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE núm. 300, do 16 de decembro).

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou que a discapacidade fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade.

4. Unidade familiar: o conxunto de persoas que, convivindo no mesmo domicilio, está formado por:

a) Aquela persoa pola que se solicite a subvención.

b) O seu cónxuxe ou parella inscrita no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

c) Os seus fillos e fillas menores de 26 anos, ou maiores con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %.

d) As persoas menores de idade que teña acollidas.

Para a aplicación da condición «pertencer a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados» requirirase que todos os membros da unidade familiar maiores de 16 anos estean desempregados, e non sexan perceptores de pensión pública por xubilación ou incapacidade.

Para o concepto de desempregado dentro da unidade familiar entenderase como persoa que careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Estes datos comprobaranse na data de alta do traballador autónomo para o Programa I e no momento da contratación para os orogramas II e III.

5. Comunidade de bens ou sociedade civil de nova creación, aquelas que inicien a actividade empresarial desde o 1 de outubro de 2016, segundo a data en que se dea de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, a data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

6. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl).

Para estes efectos considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

7. Para os efectos deste programa terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Capítulo II
Normas comúns

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos, xunto coa documentación e no prazo establecido para cada tipo de programa.

2. En relación coa presentación de solicitudes as entidades beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son: as empresas, as entidades sen ánimo de lucro e as persoas autónomas. Todas elas, incluídas as persoas autónomas, exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen. Polo que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos efecturanse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Ao ser a notificación por medios electrónicos de carácter obrigatorio entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas ás axudas e ás sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. Na resolución da concesión informaráselle a persoa beneficiaria que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos ou das beneficiarias, así como a outra información recollida no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través do correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 10. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 11. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias

Sen prexuízo das obrigas establecidas con carácter específico para cada programa de axuda, son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do 17 de decembro de 2013, así como adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia á «Iniciativa de Emprego Xuvenil. O FSE inviste no teu futuro» nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do FSE, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

g) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Capítulo III
Programa I. Promoción do emprego autónomo (TR341J)

Artigo 12. Obxecto e finalidade

1. Este programa ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de promoción do emprego autónomo de persoas mozas desempregadas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

2. A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais cunha viabilidade económica e financeira que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas mozas desempregadas que figuren inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil como interesadas en recibir as accións executadas no contexto da garantía xuvenil e que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.

3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive.

Artigo 13. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas novas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037), sempre que cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil.

b) Non ter traballado no día anterior á data de inicio da actividade laboral.

c) Ter solicitada a alta como persoa traballadora autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.

d) Terse dado de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

e) Non percibir subvencións ao abeiro dos distintos programas de promoción do emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución da anterior subvención.

f) Non desenvolver como persoa traballadora autónoma a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin está de alta como persoa traballadora autónoma en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará á persoa traballadora autónoma colaboradora.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que a solicite a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarios do programa regulado nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias sinaladas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa administración.

d) Estar incursa a persoa física nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a Lei xeral tributaria.

5. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos números 4 e 5 anteriores, para obter a condición de beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 14. Contía da subvención

1. Co obxecto de axudar as persoas desempregadas ao inicio e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese unha contía base de 4.000 € para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 13.

2. Esta contía base incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

c) Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

d) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

3. Deste xeito a contía máxima posible, de aplicarse todos os incrementos, sería de 8.000 €.

Artigo 15. Competencia

1. A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas neste capítulo, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no respectivo ámbito provincial onde a persoa solicitante desenvolva a súa actividade empresarial ou profesional, segundo consta na alta do imposto de actividades económicas ou alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2. Cando a actividade se desenvolva en máis dunha provincia desta comunidade autónoma será competente a persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da provincia en que estea radicado o domicilio onde a persoa solicitante, comunidade de bens ou sociedade civil desenvolva fundamentalmente a súa actividade económica (modelo 036 ou 037).

Artigo 16. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo será desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2017. Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Para garantir que os cidadáns que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 17. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento TR341J

1. As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna; deberase achegar declaración ante un notario ou secretario municipal, adquirindo esta a categoría de documento público, que poderá ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.

b) Contrato o documento de creación da comunidade de bens ou sociedade civil onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiras, se é o caso.

c) Plan de negocio empresarial segundo anexo II ou aqueloutra que, respectando o seu contido, queira presentar a persoa solicitante.

Este plan deberá ter informe da súa viabilidade económica e financeira de entidade independente, entre as cales figuran a Unidade de Galicia Emprende e os axentes de emprego e desenvolvemento local, ben no momento da presentación da solicitude ou na posterior fase de xustificación do pagamento.

d) Alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

e) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

f) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia).

g) No caso de que a persoa solicitante pertenza a unha familia na que todos os seus membros están desempregados:

1º. Declaración responsable da persoa solicitante da subvención sobre a composición da súa unidade familiar, de acordo co modelo do anexo IV.

2º. Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.

3º. Copia do libro de familia.

4º. Anexo V.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Alta no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos.

d) Alta no imposto de actividades económicas.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

h) NIF da entidade no caso dunha comunidade de bens ou sociedade civil.

i) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.

j) Certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro correspondente do anexo I e achegar os documentos correspondentes.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar no anexo IV que pertence a unha familia en que todos os seus membros están desempregados, sempre que o autorice segundo o anexo V:

a) Copia do documento nacional de identidade das persoas membros da unidade familiar maiores de 16 anos.

b) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativo ás persoas membros da unidade familiar maiores de 16 anos.

c) Certificado das prestacións e importes que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas que integran a unidade familiar maiores de 16 anos.

d) Se é o caso, certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro indicado no anexo V e achegar os documentos correspondentes.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 19. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e o obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos, ata o esgotamento do crédito orzamentario. Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas nos últimos anos e co obxectivo de que o orzamento asignado a este programa sexa máis equilibrado, de acordo co nivel de persoas desempregadas que hai en cada provincia, na presente orde farase unha distribución provincial do crédito en función da taxa de desemprego, segundo os datos de paro rexistrados no Servizo Público de Emprego de Galicia, a nivel provincial, en 31 de decembro de 2016. No suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de forma que exista remanente orzamentario, realizarase unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio, que instruirá os procedementos de acordo cos criterios establecidos para cada programa.

Artigo 20. Resolución

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas pola persoa titular da xefatura territorial, no ámbito das súas respectivas provincias, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, daquelas solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non obtivesen a subvención.

3. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se produza manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase formular, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro.

6. Na notificación da resolución da subvención comunicarase ao beneficiario o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento e obxectivo específico de cofinanciamento de que se trate, así mesmo, na resolución de concesión que se notifique aos beneficiarios estableceranse as condicións da axuda derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidos os beneficiarios, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

7. A resolución do outorgamento da subvención comprenderá toda a información requirida pola normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación común e específica que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a relacionada nos puntos seguintes:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis percibidas nos últimos tres exercicios fiscais (ou dos últimos dous e do exercicio fiscal en curso), ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo III).

b) Información dos indicadores de produtividade sobre os participantes a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará dispoñible na páxina web da Consellería e Economía, Emprego e Industria (http://emprego.ceei.xunta.gal/indicadores-fse).

c) A documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 22.f) desta orde.

2. Malia o sinalado nos puntos anteriores, a documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, á opción da persoa interesada.

3. As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento sinalada neste artigo no prazo establecido na resolución de concesión.

4. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de reintegro.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no artigo11 desta orde:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención durante un tempo mínimo de dous anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

b) No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da actividade laboral como persoa traballadora autónoma a que se refire a alínea a) deste artigo, as persoas beneficiarias deberán presentar os indicadores de resultado inmediatos a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria (http://emprego.ceei.xunta.gal/indicadores-fse). A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice os citados períodos de mantemento da actividade laboral, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

d) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

e) Manter unha pista de auditoría suficiente, conservar e garantir o almacenamento, a integridade e a seguridade dos documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

f) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do 17 de decembro de 2013, así como adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Programa operativo de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

g) As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante o período dun ano a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións.

Artigo 23. Incompatibilidades e concorrencia

1. A subvención establecida neste programa é incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo, nos programas de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Así mesmo, serán incompatibles coas axudas comprendidas no programa Emega para o fomento do emprendemento feminino convocadas por Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, así como con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas concedidas, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 12 desta orde, no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 22.a) de mantemento da actividade.

4. Procederá o reintegro total das axudas concedidas ao abeiro desta orde no suposto de non cumprir co prazo indicado no artigo 22.g).

5. Procederá o reintegro total da axuda concedida no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 11.b) de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

6. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao abeiro do artigo 12 desta orde cando ao non cumprir a obriga establecida no artigo 22.a) de manter a actividade durante dous anos, se aproxime de forma significativa a ela, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

7. O incumprimento da obriga establecida no artigo 22.f) dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

8. O incumprimento da obriga establecida no artigo 11.b) de comunicar outras axudas, no caso de que estas sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento segundo o artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Procederá o 10 % do reintegro parcial da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga do artigo 22.b), de non comunicar os indicadores de resultado inmediato ao cumprimento dos prazos de mantemento da actividade.

10. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Réxime das axudas

1. As axudas establecidas neste capítulo quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

2. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) Ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Ás que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade se repercuta aos produtores primarios.

d) Ás empresas que realizan actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Capítulo IV
Programa II. Fomento da contratación por conta allea (TR349I e TR349L)

Artigo 27. Obxecto e finalidade

Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2017 dos programas de incentivos á contratación por conta allea que teñen por finalidade favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través dos seguintes procedementos:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (TR349I).

b) Incentivos á contratación temporal das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e a súa transformación en contrato indefinido (TR349L).

Artigo 28. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos neste programa as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas neste programa as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso salvo que neste adquirise eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada, mediante resolución firme, coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida efectuar a inscrición no correspondente rexistro.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria os solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 29. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro deste capítulo, por delegación da persoa titular da consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de de Economía, Emprego e Industria, polas contratacións que se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 30. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa:

a) As contratacións indefinidas iniciais e as contratacións temporais realizadas desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017 formalizadas con persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

b) As transformacións en indefinidos dos contratos temporais realizados desde o 1 de outubro de 2016 e subvencionados ao abeiro deste programa, sempre que a transformación se formalice ata o 30 de setembro de 2017, formalizadas con persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Artigo 31. Prazos e solicitudes

1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data da publicación desta orde, deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde o dia seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2017, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

Artigo 32. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e o obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia nas empresas e nos empregadores dos requisitos establecidos, ata o esgotamento do crédito orzamentario. Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas nos últimos anos e co obxectivo de que o orzamento asignado a este programa sexa máis equilibrado, de acordo co nivel de persoas desempregadas que hai en cada provincia, na presente orde farase unha distribución provincial do crédito en función da taxa de desemprego, segundo os datos de paro rexistrados no Servizo Público de Emprego de Galicia, a nivel provincial, en 31 de decembro de 2016. No suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de forma que exista remanente orzamentario, realizarase unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes.

2. Entenderase que a empresa ou o empregador desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola cal se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o cal solicitou a axuda.

Artigo 33. Xustificación e pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo establecido na resolución de concesión. Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

A documentación que hai que presentar é a seguinte:

a) Cumprimento por parte da empresa da obriga de informar as persoas traballadoras acerca do financiamento do FSE e da Iniciativa de Emprego Xuvenil da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo VII-A e anexo VII-B.

b) Declaración complementaria da presentada coa solicitude, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo VI-A e anexo VI-B.

c) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de información e publicidade a que se refire o artigo 11.d) desta orde.

d) Información dos indicadores de produtividade sobre as entidades e os participantes a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web do Programa de garantía xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.gal).

e) Declaración responsable de que posúe a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

f) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se presenten deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números dos asentos contables, e a indicación especifica do seu cofinanciamento polo Fondo Social Europeo. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

2. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 34. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola correspondente intervención delegada da proposta emitida polo Servizo de Emprego e Economía Social da xefatura territorial correspondente, a resolución ditaraa o órgano competente por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria e seralle notificada á persoa interesada. As resolucións de concesión ou denegación serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este, sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 35. Incompatibilidades e concorrencia

1. Os incentivos establecidos para cada modalidade de contratación recollidos nesta orde son incompatibles entre si. Para o caso de que unha mesma contratación poida dar lugar á súa inclusión en máis dun dos supostos para os cales está prevista a subvención, correspóndelle a opción á persoa solicitante.

2. As axudas previstas neste programa para as contratacións por conta allea son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.

3. Os incentivos establecidos neste programa serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 36. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos programas desta orde.

2. As obrigas de reintegro establecidas nesta orde, entenderanse sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. Procederá o reintegro nos casos previstos para cada procedemento concreto nos artigos 46 e 54 desta orde.

Artigo 37. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 38. Réxime das axudas

1. As axudas establecidas neste capítulo quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

2. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 1379/2013 do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade se repercuta aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Capítulo V
Procedemento de incentivos á contratación indefinida inicial de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (TR349I)

Artigo 39. Contratacións subvencionables

Os incentivos previstos neste procedemento serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais a tempo completo, incluída a modalidade de fixo descontinuo, que realicen as empresas e as persoas empregadoras desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017 formalizadas con persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Artigo 40. Requisitos

1. A persoa moza pola que se solicita a subvención debe estar inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil, estar desempregada na data da súa contratación indefinida inicial a tempo completo e non ter traballado no día natural anterior á data da contratación.

2. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto ao mes anterior ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

3. Como consecuencia da contratación indefinida que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto ao mes anterior ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

4. Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras fixas cuxo contrato de traballo se extinga por causas obxectivas ou por despedimento disciplinario que non sexan declarados improcedentes ou cuxas baixas se produzan por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.

No caso de que no mes anterior á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

5. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores e traballadoras seleccionados/as deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través da aplicación CONTRAT@, agás no caso de empresas de menos de cinco traballadores, que poderán facelo a través desta aplicación ou ben por escrito.

Artigo 41. Contías dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 7.000 euros.

Esta contía incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) Se a persoa incorporada ten discapacidade ou está en situación ou risco de exclusión social.

c) Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

d) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

No suposto de ter dereito a un o varios incrementos aplicarase a subvención aos indicados na solicitude, salvo que da documentación achegada coa solicitude quede acreditada a aplicación dalgún incremento superior.

2. Os beneficios establecidos á contratación neste capítulo non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

Artigo 42. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste procedemento:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, cos ascendentes, cos descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 30 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou única empresa, segundo o establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos tres meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de remuda ou de substitución por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Artigo 43. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento TR349I

1. As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I-A a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna; deberase achegar declaración ante un notario ou secretario municipal, adquirindo esta a categoría de documento público, que poderá ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.

b) Declaración do cadro de persoal, neto e fixo, de todos os centros de traballo da empresa en Galicia no mes anterior ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada pola que se solicita subvención (anexo II-A).

c) Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo III-A) e a nómina do mes de contratación.

d) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora pola que se solicita subvención e o correspondente ao mes anterior. Se a empresa ten varias contas de cotización deberá presentarse o informe de vida laboral de todas elas. Se é o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.

e) Documentación acreditativa da concorrencia dos supostos que dan lugar a incrementos da contía da axuda (para os casos de exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia).

f) No caso de incorporación dunha persoa pertencente a unha familia en que todos os seus membros estean desempregados:

1º. Declaración responsable da persoa traballadora pola que se solicita subvención sobre a composición da súa unidade familiar, de acordo co modelo do anexo IV-A.

2º. Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.

3º. Copia do libro de familia.

g) Comprobación dos datos da persoa traballadora contratada e, tamén os dos membros da súa unidade familiar, no caso de que todos eles estean desempregados (anexo V-A).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

4. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 44. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo figura no anexo I-A, para as persoas solicitantes:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. Así mesmo, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo figura no anexo V-A, para as persoas traballadoras e os membros da súa unidade familiar:

a) Inscrición no Servizo Público de Emprego.

b) De ser o caso, certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

c) Datos de identidade (DNI ou NIE) das persoas maiores de 16 anos.

d) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativo ás persoas maiores de 16 anos.

e) Certificado das prestacións e importes que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas maiores de 16 anos.

f) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo nos referidos anexos e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 45. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas durante un período de dos anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual á anterior, e a persoa traballadora substituta deberá estar inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil e non ter traballado no día natural anterior á data da substitución obxecto de subvención. Esta substitución deberá realizarse ata o último día do mes seguinte ao da baixa subvencionada. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

Ambas as circunstancias, que deben concorrer na persoa traballadora substituta, serán comprobadas de oficio polo órgano instrutor e a súa acreditación será incorporada ao expediente.

2. Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento desta obriga, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa.

Para iso, o beneficiario está obrigado a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, as nóminas das 24 mensualidades correspondentes a cada traballador subvencionado.

3. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador a que se refire o parágrafo 1 anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención ou as persoas substitutas, os indicadores de resultado inmediatos a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 46. Reintegro

Procederá o reintegro da axuda cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 45.1 deste capítulo, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no dito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

2. Neste suposto hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa ou se substitúa cunha persoa que non esta inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

a) Se se efectuou a substitución pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado, o cálculo da contía que se reintegrará parcialmente farase do seguinte xeito:

1º. Divídese entre vinte e catro meses a subvención concedida.

2º. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

3º. Multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses nos que o posto de traballo estivese vacante.

b) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita polo menos cunha xornada de traballo igual ao da persoa que causou baixa, ou no suposto dunha modificación da xornada de traballo da persoa contratada e subvencionada, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior e o cálculo da contía que se reintegrará farase do seguinte xeito:

1º. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

2º. Calcúlase a subvención que lle correspondería en función da nova xornada de traballo e divídese entre vinte e catro meses.

3º. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

4º. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses con xornada inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

Capítulo VI
Procedemento de incentivos á contratación temporal de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e a súa transformación en contrato indefinido (TR349L)

Artigo 47. Contratacións subvencionables

1. Para os efectos deste procedemento serán subvencionables:

a) As contratacións de carácter temporal realizadas desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017 formalizadas con persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

b) As transformacións en indefinidos dos contratos temporais realizados desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017 e subvencionados ao abeiro deste procedemento, sempre que a transformación se realice ata o 30 de setembro de 2017.

2. Para os efectos deste procedemento, entenderase que se produce a transformación dun contrato temporal en indefinido en todos aqueles casos en que ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida teña lugar o día seguinte ao do termo da vixencia do contrato temporal do que deriva.

Artigo 48. Requisitos

1. Os incentivos previstos neste procedemento serán de aplicación a todas as modalidades contractuais de carácter temporal a tempo completo que se realicen con persoas mozas desempregadas, que non traballasen no día natural anterior á data da contratación e inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

2. Os contratos temporais terán unha duración mínima inicial superior a seis meses, agás os contratos en prácticas realizados conforme o artigo 11 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, que terá unha duración inicial mínima de 12 meses.

3. O contrato para a formación e a aprendizaxe deberá adecuarse ao establecido no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual. Os contratos para a formación e a aprendizaxe terán unha duración mínima dun ano. Non obstante, mediante convenio colectivo poderán establecerse distintas duracións do contrato, en función das necesidades organizativas ou produtivas das empresas, sen que a duración mínima poida ser inferior a seis meses nin a máxima superior a tres anos.

Así mesmo, será necesario que a actividade formativa sexa autorizada pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

4. Como consecuencia da contratación temporal pola que se solicita a subvención ten que incrementarse o emprego neto da entidade solicitante no ámbito territorial de Galicia respecto ao mes anterior ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal non se computarán as persoas traballadoras cuxo contrato de traballo se extinga por causas obxectivas ou por despedimento disciplinario que non sexa declarado improcedente ou cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por finalización do contrato.

5. No suposto da transformación dun contrato temporal subvencionado en indefinido, aplicaranse as normas do capítulo VI do presente programa, agás o requisito do incremento do emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia.

6. As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 49. Contías dos incentivos

1. A contía da axuda calcularase da seguinte maneira:

a) 250 euros por cada mes completo de duración do contrato ata un máximo de 12 mensualidades.

b) Esta contía incrementarase nun 25 % en cada un dos seguintes casos:

1º. Se a persoa incorporada é unha muller.

2º. Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

3º. Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

4º. No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

2. Os contratos para a formación e a aprendizaxe incentivaranse cunha axuda de ata 1.200 euros, sempre que a súa duración sexa de doce meses, e a parte proporcional cando no caso de autorización a súa duración sexa inferior, e o tempo efectivo de traballo sexa igual ao 75 % da xornada de traballo.

Esta contía incrementarase nun 25 % en cada un dos seguintes casos:

1º. Se a persoa incorporada é unha muller.

2º. Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

3º. Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

4º. No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

3. Os contratos en prácticas incentivaranse cunha axuda de 3.600 euros.

Esta contía incrementarase nun 25 % en cada un dos seguintes casos:

1º. Se a persoa incorporada é unha muller.

2º. Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

3º. Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

4º. No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

4. A transformación de contratos temporais subvencionados ao abeiro desta procedementos incentivarase con 2.500 euros.

Esta contía incrementarase nun 25 % en cada un dos seguintes casos:

1º. Se a persoa incorporada é unha muller.

2º. Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

3º. Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

4º. No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

5. No suposto de ter dereito a un o varios incrementos aplicarase a subvención aos indicados na solicitude, salvo que da documentación achegada coa solicitude quede acreditada a aplicación dalgún incremento superior.

6. Se a transformación se produce con anterioridade ao remate da duración inicial dun contrato temporal xa subvencionado, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

O cálculo da contía que se minorará da subvención que lle correspondería á transformación farase do seguinte xeito:

a) Divídese a subvención concedida polo contrato temporal entre o número de meses de duración deste contrato.

b) Calcúlase o número de meses que resta para o cumprimento do contrato temporal, a partir da data da transformación do contrato temporal en indefinido.

c) Multiplícase o importe obtido na primeira operación polo número de meses que restan por cumprir do contrato temporal. A contía resultante descontarase do importe total da subvención que corresponde á transformación, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a transformación do contrato en indefinido non será computado a efectos da compensación, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

4. Os beneficios establecidos á contratación neste procedementos non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial das mensualidades obxecto de subvención.

Artigo 50. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, cos ascendentes, cos descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 30 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou única empresa, segundo o establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos tres meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de remuda ou de substitución por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 51. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento TR349L

1. As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I-B a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna; deberase achegar declaración ante un notario ou secretario municipal, adquirindo esta a categoría de documento público, que poderá ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.

b) Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia no mes anterior ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada, segundo o modelo do anexo II-B.

c) Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención, segundo o modelo do anexo III-B, e a nómina do mes de contratación.

d) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora pola que se solicita subvención e o correspondente ao mes anterior. Se a empresa ten varias contas de cotización deberá presentarse o informe de vida laboral de todas elas. Se é o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.

e) No caso do contrato para a formación e a aprendizaxe, acordos para a actividade formativa autorizados pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

f) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia).

g) No caso de incorporación dunha persoa pertencente a unha familia en que todos os seus membros están desempregados:

1º. Declaración responsable da persoa traballadora pola que se solicita subvención sobre a composición da súa unidade familiar, de acordo co modelo do anexo IV-B.

2º. Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.

3º. Copia do libro de familia.

h) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada e dos membros da súa unidade familiar (anexo V-B).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 52. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo figura no anexo I-B, para as persoas solicitantes:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. Así mesmo, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo figura no anexo V-B, para as persoas traballadoras e os membros da súa unidade familiar:

a) Inscrición no Servizo Público de Emprego.

b) De ser o caso, certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

c) Datos de identidade (DNI ou NIE) das persoas maiores de 16 anos.

d) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativo ás persoas maiores de 16 anos.

e) Certificado das prestacións e importes que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas maiores de 16 anos.

f) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo nos referidos anexos e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondente.

Artigo 53. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período de duración do contrato obxecto de subvención.

No suposto de extinción da relación laboral dunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación temporal, polo menos cunha xornada de traballo en tempo de dedicación igual á anterior, e a nova persoa traballadora deberá estar inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil e non ter traballado no día natural anterior á data da substitución. Esta substitución deberá realizarse ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

Ambas as circunstancias serán comprobadas de oficio polo órgano instrutor e a súa acreditación será incorporada ao expediente.

2. No suposto de transformacións, manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas durante un período de dous anos contado desde a data de realización da transformación subvencionada.

No caso de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a empresa está obrigada a cubrir a vacante, polo menos en tempo de dedicación igual á anterior, cunha nova transformación dun contrato temporal subvencionado ao abeiro desta orde e, de non ser isto posible, cunha nova contratación indefinida inicial formalizada cunha persoa moza inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil.

3. Unha vez finalizado o período de cumprimento desta obriga, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa.

4. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador a que se refire o parágrafo 1 anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención ou as persoas substitutas, os indicadores de resultado inmediatos a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) nº 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 54. Reintegro

1. Entenderase que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procederá o reintegro parcial das axudas cando a persoa traballadora non sexa substituída pola empresa unha vez transcorrese a duración mínima do contrato para que este poida ser subvencionado. O cálculo da contía que se reintegrará farase en función dos meses en que a persoa traballadora estivo na empresa en relación coa duración total do contrato obxecto de subvención.

2. Entenderase que se produce un incumprimento total e, polo tanto, procederá o reintegro total dos incentivos cando a persoa traballadora subvencionada cese na súa relación laboral antes de que transcorra o período mínimo de subvención e a empresa non proceda a substituílo.

3. No suposto de transformacións de contratos temporais en indefinidos, cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 53.2, por cada contratación subvencionada e non substituída, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

a) Neste punto hai que distinguir entre o reintegro total (cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa) e o reintegro parcial cando se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo indicado.

b) No reintegro parcial, o cálculo da contía que se reintegrará farase da seguinte maneira:

1º. Divídese entre vinte e catro meses a subvención concedida.

2º. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

3º. Multiplícase o importe obtido na operación primeira polo número de meses nos que o posto de traballo estivese vacante.

Capítulo VII
Programa III: programas de cooperación (TR352C)

Artigo 55. Obxecto e finalidade

1. Este programa ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación durante sete meses de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.

2. Este programa ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas, que non estivesen traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación, de dezaoito ou máis anos, incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, mediante a prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que procure a práctica profesional necesaria para a integración sustentable no mercado de traballo.

Artigo 56. Réxime de axudas

1. Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, en particular:

a) Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non están empregadas nin participan en actividades de educación nin formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

b) Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non están empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, así como os mozos que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

c) Obxectivo específico 8.2.4. Aumentar a contratación de carácter indefinido das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, a través da intermediación e dos incentivos económicos.

d) Medida 8.2.4.2. Axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas durante un período superior a seis meses.

2. De acordo co anterior, este programa é coherente coa normativa comunitaria no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados que ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios. Utilízase un baremo estándar de custo unitario, tomando como referencia a Orde ESS/974/2013, do 20 de maio, pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 1997 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións públicas polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito de colaboración con órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, que contraten traballadores desempregados para a realización de obras e servizos de interese xeral e social.

Artigo 57. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas neste programa as entidades sen ánimo de lucro que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para seren beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

3. Para os efectos do disposto na letra b) do número anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:

a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgasen a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía móbil ou fixa no citado local.

c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador ou traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar as persoas contratadas, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.

Artigo 58. Requisitos dos servizos que se prestarán

Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade dos traballadores e traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a duración subvencionada dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de sete meses e a xornada a tempo completo.

Artigo 59. Subvención. Contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar nos termos previstos nos seguintes puntos.

2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador ou traballadora que se contrate, conforme o establecido no parágrafo seguinte, ou a cantidade prevista no convenio colectivo que resulte de aplicación, de ser esta inferior.

3. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes:

a) Módulo A: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a unha vez e media o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada nos grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11: 8.703,46 euros.

b) Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 9 ao 5, ambos inclusive: 11.604,62 euros.

c) Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 4 ao 1, ambos inclusive: 17.406,92 euros.

4. A presente regulación é coherente coa normativa no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados e da orde de elixibilidade, e ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas ás persoas beneficiarias.

5. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

6. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 60. Presentación de solicitudes e prazo

1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas neste programa, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo figura como anexo I-C desta orde, que irán acompañados da documentación a que se fai referencia no artigo seguinte, que necesariamente deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de formalización electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios en formato: pdf, odt, ods, xls, docx, xisx, jpg, jpeg, png, tiff e bmp.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

5. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso de presentación de varias solicitudes só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Artigo 61. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento TR352C

1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 6 deste artigo, poderá ser identificada polo solicitante como información accesible de forma que a Secretaría Xeral de Emprego poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:

a) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

b) Copia da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución vixentes da entidade solicitante.

c) Memoria global dos servizos que se van realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II-C.

d) Certificación do secretario da entidade na cal consten os custos salariais dos traballadores que se pretenden contratar para a realización do proxecto para o cal se solicita a subvención. Farase referencia expresa ao convenio colectivo que sexa de aplicación e xuntaranse as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

e) Informe de vida laboral do código conta de cotización de todos os centros de traballo da entidade en Galicia, correspondente ao mes anterior ao mes en que se solicita a subvención. Se a entidade ten varias contas de cotización deberá presentarse o informe de vida laboral de todas elas.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o artigo 57, relativos á súa capacidade técnica e de xestión, así como á súa capacidade administrativa e operativa para cumprir as condicións de concesión da axuda.

h) A disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.

i) Que a entidade solicitante non ten ánimo de lucro.

j) O nivel de inserción laboral dos participantes no exercicio anterior a que se refire o artigo 63.4 na letra b).

k) A declaración do cadro de persoal, fixo e temporal, de todos os centros de traballo da entidade en Galicia, no mes anterior ao mes de solicitude da subvención, a que se refire o artigo 63.4 na letra c). Se a entidade ten varias contas de cotización deberá presentarse o informe de vida laboral de todas elas.

l) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego, logo de petición, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a presente declaración responsable.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 62. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 63. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes dos que nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación non se considerarán desestimados e teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, pola persoa responsable da xefatura do Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao dito servizo, que realizará as funcións de secretario/a.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades que cumpran os requisitos sinalados no artigo 57 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Os servizos de maior interese xeral e social, segundo os fins da entidade solicitante recollidos nos seus estatutos e en relación co contido do servizo que se vai realizar: ata 20 puntos.

1º. Entidades prestadoras de servizos en materia de discapacidade, risco de exclusión social, ou para maiores, familia e infancia, ou mulleres: 20 puntos.

2º. Entidades prestadoras de servizos dirixidos á xuventude: 15 puntos.

3º. Entidades prestadoras de servizos relacionados coa creación e mantemento do emprego: 10 puntos.

4º. Entidades de carácter cultural e deportivo: 5 puntos.

b) Maior nivel de inserción laboral. Ata 30 puntos. Entenderase como «inserción laboral» aquela que supoña a contratación por conta allea pola entidade solicitante da subvención, dos traballadores e das traballadoras que participaron en servizos aprobados no exercicio 2016 ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2015 de programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro dirixida a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, sempre que a duración do contrato sexa como mínimo de seis meses, no ano seguinte á finalización do contrato subvencionado.

Valorarase a inserción laboral indefinida ata 20 puntos e a inserción laboral temporal ata 10 puntos.

c) Maior estabilidade laboral. Ata 10 puntos. Entenderase como «estabilidade laboral» a porcentaxe de traballadores fixos respecto ao cadro de persoal total de todos os centros de traballo da entidade en Galicia no mes anterior ao mes de solicitude da subvención.

1º. Estabilidade laboral igual ou superior ao 10 % e inferior ao 20 %: 5 puntos.

2º. Estabilidade laboral igual ou superior ao 20 % e inferior ao 30 %: 7 puntos.

3º. Estabilidade laboral igual ou superior ao 30 %: 10 puntos.

d) Que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal: ata 5 puntos.

1º. As entidades de ámbito autonómico: 5 puntos.

2º. As entidades de ámbito pluriprovincial: 4 puntos.

3º. As entidades de ámbito provincial: 3 puntos.

4º. As entidades de ámbito comarcal: 2 puntos.

5º. As entidades de ámbito municipal: 1 punto.

e) Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración dos proxectos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 65 puntos, co fin de realizar unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtiveron maior valoración en aplicación dos citados criterios, concedéndose axudas para a contratación dunha persoa por cada entidade solicitante, e no caso de que existan remanentes de crédito outorgarase unha adicional ás mellor valoradas.

Artigo 64. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a referencia ao cofinanciamento do 91,89 % da axuda polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, a través do Programa operativo de emprego xuvenil, eixe prioritario 5. Prioridade de investimento 8.2. Obxectivo específico 8.2.4. Medida 8.2.4.2., a data límite de realización de todas as contratacións, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento. Así mesmo, informaráselle de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, en relación co artigo 115.2. da mesma norma xurídica. Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto neste programa esgotan a vía administrativa, polo que contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 65. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras

1. Os traballadores e as traballadoras que sexan contratados para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas de dezaoito ou máis anos, desempregadas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

Ademais, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificado polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro; para ser beneficiario desta medida, as persoas novas deberán manter o cumprimento do requisito de estar desempregadas e non ter traballado no día natural anterior á data da sinatura do contrato.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada estea desempregada e inscrita no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderán consultar na súa oficina de emprego a través do seu orientador de garantía xuvenil e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil.

2. A selección das persoas que contratarán as entidades subvencionadas realizarase tendo en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación, priorizando aquelas persoas novas que non recibisen previamente atención por parte do sistema e aqueles que estean máis próximos a cumprir a idade máxima prevista no sistema, todos eles recollidos no artigo 105.3 da Lei 18/2014, do 15 de outubro.

Dentro das persoas previstas no parágrafo anterior, terán preferencia, en todo caso, as persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia, ou que estean en situación de risco de exclusión social.

3.Os traballadores e traballadoras que fosen contratados, por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas no ano 2016 polas ordes da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 29 de decembro de 2015 para o fomento de emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e do 29 de decembro de 2015 de programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro para mellorar a empregabilidade das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (ambas publicadas no DOG núm. 248, do 30 de decembro) e pola Orde do 25 de agosto de 2016 de programas de cooperación en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro (DOG núm. 160, do 25 de agosto), non poderán ser contratados con cargo ás axudas previstas neste programa.

4. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que se necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego, que, de ser o caso, contarán coa colaboración dos orientadores laborais de garantía xuvenil, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir os traballadores e traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 8 díxitos, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios establecidos no parágrafo segundo.

b) Poderán admitirse como criterios de selección outros diferentes aos indicados no parágrafo anterior, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión, para o cal deberán achegar á oficina a solicitude xunto coa memoria, a resolución e os anexos de concesión da subvención.

5. A entidade beneficiaria deberá acudir necesariamente á oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado. Cando unha entidade dispoña de centros de traballo que se correspondan co ámbito territorial de máis dunha oficina de emprego, excepcionalmente e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, logo de solicitude debidamente argumentada, poderá concentrar a tramitación de todas as ofertas na oficina á cal lle correspondan máis postos de traballo ofertados.

6. Deberá presentar xunto coa oferta de emprego (unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación) a solicitude (anexo I-C e anexo II-C memoria), se é o caso debidamente corrixida, xunto coa correspondente notificación da resolución e anexos de concesión de subvención.

7. A oferta deberá presentarse cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións, agás no caso das axudas concedidas no último trimestre do ano, suposto este en que se presentarán coa suficiente antelación para que as oficinas de emprego poidan tramitalas.

8. Recibida a oferta realizarase, en colaboración, de ser o caso, cos orientadores laborais de garantía xuvenil, unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando un número de persoas candidatas por posto de traballo que non poderá ser, sempre que sexa posible, inferior a dúas nin superior a dez.

A remisión de novos candidatos só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

9. A selección definitiva dos candidatos/as deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 66. Contratación dos traballadores e traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, tendo en conta que os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2017.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego poderá autorizar o inicio dos servizos con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores e traballadoras seleccionados/as deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente, a través da aplicación CONTRAT@, agás no caso de entidades de menos de cinco traballadores que poderán facelo a través desta aplicación ou ben por escrito.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para ser beneficiarios deste programa.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas.

Artigo 67. Substitución de traballadores e traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución de aquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por maternidade ou por outras causas que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego por solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Secretaría Xeral de Emprego, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación. Na notificación a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.

b) Parte de alta na Seguridade Social e contrato de traballo na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social da persoa substituta.

c) Certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha candidata que quedase en lista de espera na primeira selección e cumpra no momento de formalizar a contratación os requisitos da orde de convocatoria para as contratacións subvencionadas.

d) Documento de información da subvención, en que conste o xustificante de recepción da persoa traballadora.

4. Tanto no caso de extinción, como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo logo de solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e cumpran os requisitos da orde de convocatoria no momento da súa contratación.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.

Artigo 68. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención para a contratación das persoas traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizados e debidamente comunicados.

b) Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, en que conste a realización da selección de acordo cos procedementos establecidos nesta orde.

d) A declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo III-C.

f) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 70 facendo mención expresa ao cofinanciamento polo Fondo Social Europeo. Ademais, acreditación, se é o caso, do sitio da internet da entidade, no cal conste unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

g) Documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados.

h) A declaración responsable da entidade beneficiaria da subvención de que a actividade que van desenvolver as persoas traballadoras contratadas está destinada á prestación de servizos de interese xeral e social de conformidade cos fins recollidos na escritura pública e/ou estatutos de constitución da entidade e en relación co contido do servizo que se vai realizar, nos termos do artigo 69.g), segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego.

i) Información dos indicadores de produtividade e execución sobre as entidades e os participantes aos cales se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego.

2. O cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras establecidos no punto 1 do artigo 65 de estar desempregadas e inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil na data de formalización do contrato e non ter traballado no día natural anterior á data de sinatura do referido contrato, será comprobado de oficio polo órgano concedente, e a súa acreditación se incorporará ao expediente.

3. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á Secretaría Xeral de Emprego unha certificación acreditativa da súa recepción. Para estes efectos deberá presentar:

a) O certificado de recepción de fondos, de acordo co modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego.

b) Extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

Artigo 69. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as relativas ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do Fondo Social Europeo, e ás que poidan corresponder á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao: lugar de realización do servizo e á distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da administración actuante para achegala cando se lle requira.

f) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria aquelas modificacións que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo establecido na resolución concedente da subvención, unha declaración responsable de que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas está destinada á prestación de servizos de interese xeral e social de conformidade cos fins recollidos na escritura pública e/ou estatutos de constitución da entidade beneficiaria da subvención e en relación co contido do servizo que se vai realizar, de acordo co modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego.

h) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de 15 días desde a finalización do contrato subvencionado, unha memoria final, que deberá conter, como mínimo, a descrición do servizo subvencionado especificando as actuacións realizadas, o nome, perfil profesional, categoría profesional pola que se contratou aos traballadores subvencionados,e a práctica profesional adquirida por estes, a data de inicio e de fin do contrato, asinada tanto polo traballador como polo responsable da entidade.

i) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlle ao persoal contratado tarxetas identificativas do servizo subvencionado, no modelo que estableza a Secretaría Xeral de Emprego e que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego, no cal constará a colaboración da consellería e mais o cofinanciamento polo FSE e a súa inclusión no Sistema nacional de garantía xuvenil. O persoal contratado deberá levalas consigo cando estea a realizar a actividade obxecto da subvención.

j) Respectar as normas de subvencionalidade do gasto financiado polo FSE, reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, e o artigo 13 do Regulamento (UE) 1304/2013, do 17 de decembro de 2013, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

k) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

l) No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemen-to da condición de traballador, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención, os indicadores de resultado inmediatos a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice este mantemento, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. A información obtida será posta en coñecemento da rede de técnicos de orientación laboral específicos do Servizo Público de Emprego de Galicia, polo mecanismo de coordinación que se determine, para os efectos dun mellor cumprimento dos obxectivos do Sistema nacional de garantía xuvenil.

m) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

n) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 70. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo: seguimento

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, ao abeiro do Programa operativo de emprego xuvenil para o período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas neste programa a entidade beneficiaria deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade: cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013.

No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Emprego na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego, no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego, polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

Ademais, durante este tempo, de dispoñer a entidade dun sitio da internet, deberá realizar unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego.

c) Relacionadas cos sistemas de xestión e control e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

1º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2º. Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3º. Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de dous meses, unha vez que finalice a execución desas, modelo RNT (relación nominal de traballadores).

4º. Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as relativas ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do Fondo Social Europeo, e ás que poidan corresponder á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

d) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013 relativo ao Fondo Social Europeo.

3. En desenvolvemento do artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento e do Consello, dentro das actuacións de seguimento e control, incluiranse necesariamente visitas sobre o terreo para comprobar in situ a realidade da prestación dos proxectos subvencionados.

As ditas visitas realizaranse sobre unha mostraxe e/ou segundo criterios baseados no risco, é dicir, abranguendo as operacións de grande importe, as operacións en que previamente se detectaron problemas ou irregularidades ou nas que, con ocasión doutros controis, se puxeron de manifesto operacións concretas que sexan en aparencia anómalas e requiran un exame máis detallado ou información adicional.

4. O Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego realizará de oficio a efectos de seguimento das axudas, a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas, deixando constancia documental do seu cumprimento no expediente.

Artigo 71. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 70.2.c), no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se debe reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 70.2.c), reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 70.2.c), reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 68: no caso de que o atraso sexa de ata 14 días con respecto ao prazo establecido, suporá unha perda do dereito ao cobramento do 2 % sobre o gasto subvencionado; cando o atraso sexa entre os 15 e os 45 días, a perda do dereito ao cobramento será do 10 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de que o atraso supere en 45 días o prazo establecido procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

g) O atraso no cumprimento da obriga de satisfacer mensualmente, mediante transferencia bancaria, os pagamentos de carácter salarial, con independencia de ter cobrada a subvención, producirá as seguintes consecuencias: cando as obrigas salariais pagadas fóra de prazo sexan inferiores ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que se reintegrará será equivalente ao importe pagado fóra do prazo establecido, e no suposto de que o importe das obrigas salariais pagadas fóra de prazo sexan iguais ou superiores ao 50 % do gasto subvencionado, procederá o reintegro do 100 % sobre o dito gasto subvencionado.

h) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 70.2: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

i) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 69.m; reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

j) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 69.n: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

k) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

l) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposicion adicional. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria nos xefes territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións dos programas I e II, así como autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolución concesorias das que derivan, ditadas por delegación do conselleiro.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular das Secretaria Xeral de Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución de créditos necesarios para o financiamento destes programas.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaria Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas no Programa III, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaria Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolución e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file