Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 36846

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 31 de xullo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2017.

BDNS (identif.): 358230.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.

Debe tratarse de empresas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e fomentar o emprendemento feminino en Galicia e a creación de emprego, por conta propia e por conta allea, para mulleres.

O programa Emega comprende as seguintes liñas e axudas complementarias: a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais; b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico; d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica; e) Axuda complementaria Concilia: co obxecto de promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea; f) Axuda complementaria Dual: para incentivar a participación no programa de titorización que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro da convocatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 31 de xullo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2017.

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:

Liña Emprende: incentivos desde 12.000 € ata 22.000 €.

Liña Innova: incentivos desde 15.000 € ata 22.000 €.

Liña Activa: incentivos desde 6.000 € ata 18.000 €.

Liña ITEF: incentivos desde 18.000 € ata 50.000 €.

Axuda complementaria Concilia:

Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.

Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivo de 1.000 € a 5.000 €.

Axuda Dual: incentivo de 500 €.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total dun millón setenta e seis mil cento nove euros (1.076.109 €), o 80 %, con cargo ao FSE e o 20 % con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma. Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2017

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade