Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 36773

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de xullo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca a XX edición do Premio Manuel Colmeiro, para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia.

Entre os fins e funcións que ten atribuídos a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) ocupan un lugar destacado a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión (artigo 3 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública).

Para a consecución destes fins, mediante a Orde da entón Consellería de Presidencia e Administración Pública do 20 de marzo de 1992 (DOG núm. 64, do 2 de abril), creouse o Premio Manuel Colmeiro, premio que leva o nome dun dos máis ilustres xuristas galegos, xa que as súas achegas non só ao moderno dereito administrativo, senón tamén ao dereito público e mesmo á economía política foron fundamentais.

A creación deste premio estaba inspirada pola idea de que o fomento do esforzo investigador, así como a realización de estudos sobre a Administración da nosa comunidade, son iniciativas que buscan redundar nunha mellora do actual funcionamento das estruturas administrativas e a experiencia obtida ao longo dos anos demostra que a convocatoria do referido premio representa un apoio importante para conseguir estes obxectivos.

Por outra banda, cómpre ter en conta o contexto en que nos atopamos no cal se procura que as administracións e os cidadáns manteñan as súas relacións a través de medios electrónicos, polo que, asumindo a premisa de que todos os potenciais destinatarios desta orde constitúen un colectivo profesional concreto que indubidablemente dispón de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, óptase por establecer como obrigatoria a presentación das solicitudes a través dunha canle exclusivamente electrónica. Optar por esta vía suporá un importante e indiscutible aforro de tempo e recursos materiais na tramitación do procedemento administrativo de outorgamento do premio, tanto para as persoas solicitantes como para a propia Administración.

En consecuencia, en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento na orde invocada,

DISPOÑO:

Artigo único. Esta orde ten por obxecto la convocatoria do XX Premio Manuel Colmeiro para traballos de estudo e investigación sobre a Administración pública de Galicia, de acordo coas seguintes bases reguladoras:

Primeira. Obxecto

O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma. Os traballos poderán versar sobre a súa organización, estrutura, funcións e/ou ámbitos competenciais (código do procedemento PR771A).

Segunda. Persoas destinatarias

1. Poderán participar nesta convocatoria persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio, e unicamente será obxecto de publicidade o nome e apelidos da persoa ou persoas gañadoras do premio.

2. No suposto de que se trate de grupos de traballo, acreditarase expresamente a persoa física responsable da dirección do equipo, que será a persoa que figure como solicitante no modelo normalizado de solicitude, así como a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.

3. Non poderán acceder a este premio as persoas que se atopen afectadas por algunha das circunstancias prevista nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Dotación económica do premio e imputación orzamentaria

1. A dotación económica do premio é de 3.500 euros, que estará suxeita á correspondente retención fiscal. Tamén se lle entregará á candidatura gañadora un diploma acreditativo de tal condición.

2. Esta cantidade será imputada aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2017 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 05.80.122B.4800.

3. No caso de que o traballo premiado fora presentado por máis dunha persoa, a dotación económica do premio distribuirase proporcionalmente entre todas as persoas integrantes do grupo de traballo.

Cuarta. Traballos de investigación

1. Os traballos serán orixinais (isto é, provirán directamente do seu autor, sen ser imitación, tradución ou copia doutra obra), inéditos e non premiados con anterioridade. Teranse por inéditos aqueles traballos que non fosen obxecto de divulgación ou publicación nos termos da lexislación de propiedade intelectual. En consecuencia, non se considerarán inéditos aqueles que fosen publicados, divulgados ou postos á disposición do público, por medios telemáticos, xa sexa internet ou outras redes.

2. As persoas interesadas estarán obrigadas a comunicarlle á EGAP a publicación do traballo ou a concesión dun premio tan axiña como se producise, e sempre antes de que se resolva a concesión deste premio. A dita comunicación farase consonte o modelo normalizado que figura como anexo II desta orde, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https//sede.xunta.gal) co código de procedemento PR771A. A presentación da dita comunicación realizarase por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

3. Os traballos, escritos nalgunha das dúas linguas cooficiais da comunidade autónoma, presentaranse en formato A4, mecanografados a dobre espazo e terán unha extensión mínima de 100 páxinas.

4. A investigación poderá ser realizada desde calquera perspectiva, xa sexa histórica, xurídica, administrativa, política, sociolóxica ou económica.

Quinta. Prazo e lugar de presentación das solicitudes e traballos

1. A presentación das solicitudes, xunto co traballo de investigación, realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. A solicitude, axustada ao modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https//sede.xunta.gal) co código PR771A, deberá ser asinada electronicamente pola persoa solicitante ou representante ou por aquela que se responsabilice da dirección do grupo de traballo, se é o caso.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou o traballo de investigación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o dito traballo será presentado nun arquivo independente do do resto da documentación. No mesmo sentido, a Dirección da EGAP facilitáralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade da persoa ou persoas autoras ata que se resolva o procedemento.

3. O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor desta orde e finalizará o 31 de outubro de 2017.

Sexta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o traballo de investigación, de non facelo así non se admitirá a solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que se presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos das persoas solicitantes:

a) Estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Estar ao día das obrigas tributarias que constan en poder da Administración autonómica.

c) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social que constan en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

d) DNI ou NIE da persoa solicitante.

e) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Xurado

1. O exame dos traballos presentados e, se é o caso, a proposta de adxudicación do premio corresponderalle a un xurado especial, que estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito académico e da Administración pública, nomeadas polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Procurarase que no xurado exista unha representación equilibrada de mulleres e homes con capacitación, competencia e preparación axeitada.

2. A composición nominal do xurado farase pública na páxina web da EGAP.

3. A decisión do xurado terá lugar no prazo de dous meses contados desde o último día do prazo de presentación.

4. O xurado poderá propoñer deixar deserto o premio, cando ningún dos traballos presentados reúna os requisitos exixibles.

5. O xurado estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

6. O funcionamento do xurado regularse polas normas contidas na sección 3ª Órganos colexiados das distintas administracións públicas, do capítulo II, título preliminar, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE do 2 de outubro).

Novena. Criterios de avaliación

No proceso de avaliación, o xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración: interese, relevancia e carácter innovador do estudo; calidade científica do traballo, rigor metodolóxico, emprego de fontes documentais e elaboración de conclusións; significación, utilidade e incidencia dos resultados achegados na teoría e/ou práctica administrativa e, por último, a corrección e claridade da expresión escrita, da exposición e da presentación xeral do traballo.

Décima. Publicidade e entrega do premio

1. A adxudicación do premio realizarase mediante resolución da directora da EGAP, de acordo coa proposta do xurado, que será publicada posteriormente na dirección web da Escola e no Diario Oficial de Galicia, e esta producirá os efectos da notificación de conformidade co disposto no artigos 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se antes do 31 de decembro de 2017 non se dita a correspondente resolución de adxudicación do premio, as persoas interesadas estarán lexitimadas para entender desestimada a súa candidatura, de conformidade co establecido no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

2. A entrega do premio realizarase nun acto público que se celebrará na EGAP na data que se comunicará oportunamente.

Décimo primeira. Notificacións

1. As notificacións de actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segunda. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceira. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

1. A presentación da solicitude e do traballo implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras

2. A concesión do premio rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Décimo cuarta. Recursos

A resolución do procedemento porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a directora da EGAP no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, cabe a interposición directa dun recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da antedita publicación, nos termos do artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo quinta. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a EGAP publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe do premio concedido. Incluirá, igualmente, o referido premio e as sancións que, como consecuencia deles, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo sexta. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Solicitantes de subvencións, cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Escola Galega de Administración Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: EGAP, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.egap@xunta.gal

Décimo sétima. Información e control

As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á EGAP toda a información e documentación complementarias que considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe do premio.

Disposición derradeira primeira. Disposicións de desenvolvemento e execución

Autorízase a directora da EGAP para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file