Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 2 de agosto de 2017 Páx. 36543

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2017 pola que se dá publicidade á resolución da concesión das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Mediante Resolución do 2 de marzo de 2017 (DOG nº 48, do 9 de marzo), publicáronse as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

As ditas bases establecen no seu artigo 10.6 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da Resolución definitiva do 21 de xullo de 2017 de concesión das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de dez (10) días naturais para que os interesados accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas), utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual.

No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia e medios para descargar a súa resolución individual.

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 08: Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

Prioridade de investimento 08.01: Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados ou persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral.

Obxectivo específico 08.01.05: Mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego.

Campo intervención 102: Acceso ao emprego dos solicitantes de emprego e persoas inactivas, incluídos desempregados de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e o apoio á mobilidade laboral.

Actuación 103: Adquisición de competencias profesionais.

O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

A concesión desta axuda supón a aceptación do beneficiario a ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Así mesmo, o beneficiario deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2 do devandito Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no ordinal primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día hábil seguinte ao de finalización do prazo sen acceder ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día hábil seguinte ao de finalización do prazo sen acceder ao seu contido.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica