Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2017 Páx. 35794

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2017 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 30 de decembro de 2016 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a Estratexia de desenvolvemento local participativo), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2017 e 2018, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

A Resolución do 30 de decembro de 2016 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a Estratexia de desenvolvemento local participativo), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR de Galicia 2014-2020), para as anualidades 2017 e 2018, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro de 2017), prevé 13.520.102 € para a anualidade 2017 e 7.630.000,00 € para a anualidade 2018, distribuídos entre os 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) existentes.

O punto 3 do artigo 2 da Resolución do 30 de decembro de 2016 indica que as contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, e que se debe publicar no DOG o aludido incremento.

O 12 de maio de 2017 o director xeral da Agader emitiu as resolucións polas que se lles autorizaba aos GDR o importe máximo dispoñible para a submedida 19.4 (gastos en custos correntes e animación) da medida Leader, que ten asignado un importe máximo vinculado ao importe asignado á submedida 19.2. Non obstante, algúns GDR optaron por solicitarlle á Agader un importe menor ao inicialmente previsto para a anualidade 2017. Esta diferenza ascende en total a seiscentos cincuenta e sete mil catrocentos trinta e seis euros con corenta e oito céntimos (657.436,48 €).

O 28 de xuño de 2017 o director xeral de Planificación e Orzamentos, por delegación do conselleiro de Facenda, autorizou o traspaso do remanente da submedida 19.4 á submedida 19.2. A autoridade de xestión do PDR de Galicia 2014-2020 autorizou o traspaso do remanente da submedida 19.4 á submedida 19.2 o 27 de xuño de 2017.

Tendo en conta que rematou o prazo para a presentación de solicitudes, que o procedemento está en fase de instrución e que existen dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ao financiamento da liña de axudas de que se trata, coa finalidade de facela chegar ao maior número de beneficiarios posible para cumprir mellor os obxectivos previstos inicialmente.

Por outra parte, as resolucións do director xeral da Agader do 24 de marzo de 2017 distribuíron o importe dispoñible para cada GDR na submedida 19.2 do PDR de Galicia 2014-2020 entre as tipoloxías de proxectos existentes nesa submedida (produtivos, non produtivos promovidos por entidades públicas locais, non produtivos promovidos por entidades privadas e proxectos de formación).

En consecuencia, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013, que se publicou mediante a Resolución do 24 de xullo de 2017 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo 1

Amplíase, nos importes que se indican a continuación, a dotación orzamentaria que prevé para 2017 a Resolución do 30 de decembro de 2016 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a Estratexia de desenvolvemento local participativo), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2017 e 2018, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro de 2017):

Acción

(submedida)

Aplicación

Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

Proxecto

Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

Aplicación Agader

Proxecto Agader

Orzamento GPT

01/19/20

13.04.712A.732.09

2016-00221

13.A1.712A.7600

2016 00001

164.359,17

01/19/20

13.04.712A.732.09

2016-00221

13.A1.712A.7700

2016 00001

427.333,66

01/19/20

13.04.712A.732.09

2016-00221

13.A1.712A.7810

2016 00001

65.743,65

Total

657.436,48

Conforme o exposto, a dotación orzamentaria total para o financiamento da convocatoria, para a anualidade 2017, é a seguinte:

Acción

(submedida)

Aplicación

Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

Proxecto

Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

Aplicación Agader

Proxecto Agader

Orzamento inicial GPT

01/19/20

13.04.712A.732.09

2016-00221

13.A1.712A.7600

2016 00001

3.544.385,17

01/19/20

13.04.712A.732.09

2016-00221

13.A1.712A.7700

2016 00001

9.215.399,66

01/19/20

13.04.712A.732.09

2016-00221

13.A1.712A.7810

2016 00001

1.417.753,65

Total

14.177.538,48 €

A citada ampliación distribuirase entre os GDR conforme o remanente de fondos a que deu lugar cada un, na submedida 19.4 da medida Leader, por solicitarlle a Agader a autorización dun importe menor ao inicialmente previsto para esa submedida. Dentro de cada GDR afectado, o importe que lles corresponda distribuirase nas mesmas porcentaxes que establecen as resolucións do director xeral da Agader do 24 de marzo de 2017 polas que se distribúen os importes dispoñibles para cada GDR na submedida 19.2 do PDR de Galicia 2014-2020 entre as tipoloxías de proxectos existentes nesa submedida, agás nos GDR que carezan de solicitudes suficientes para cubrir o orzamento nalgunha ou nalgunhas das citadas tipoloxías de proxectos (produtivos, non produtivos promovidos por entidades públicas locais, non produtivos promovidos por entidades privadas e proxectos de formación), os cales poderán propoñer a Agader unha distribución alternativa.

O crédito está cofinanciado nun 75 % polo fondo Feader, nun 2,5 % pola Administración xeral do Estado e nun 22,5% pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2

A ampliación da dotación orzamentaria non afecta o prazo de presentación de solicitudes nin supón o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición adicional

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición derradeira

Esta resolución será aplicable desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural