Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2017 Páx. 35194

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de xullo de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do recurso de reposición contra a clasificación dos montes denominados Redondeliño e Borraxeiros, da parroquia de Tortoreos, no concello das Neves, solicitados a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 14 de xuño de 2017, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes denominados Redondeliño e Borraxeiros a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos, da parroquia de Tortoreos, no concello das Neves, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data de entrada no rexistro do 13.4.2012, Fernando Pereira Alonso, en representación dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos, da parroquia de Tortoreos (As Neves) presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación dos montes denominados Redondeliño e Borraxeiros da parroquia de Tortoreos (As Neves) como veciñais en man común a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos e xunta un informe técnico e pericial en que se describen o monte, a identificación, a superficie, as ocupacións e as estremas.

Na sesión que tivo lugar o 1.4.2013, o Xurado acordou a incoación do expediente de clasificación.

Segundo. Á vista da documentación achegada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, os montes obxecto deste expediente obedecen á seguinte descrición:

Concello: As Neves.

Parroquia: Tortoreos.

Nome do monte: Redondeliño.

Polígono 13-parcelas 369, 372 e 373.

Cabida: 1.878 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Xosé Antonio Rodríguez.

Sur: Xosé Antonio Gil Moreira.

Leste: estrada asfaltada (PO-4203).

Oeste: pista asfaltada.

Nome do monte: Borraxeiros.

Polígono 13-parcela 364.

Cabida: 1.504 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Saturnino Rodríguez Álvarez.

Sur: Alsira Díaz Rodríguez.

Leste: estrada asfaltada (PO-4203).

Oeste: estrada asfaltada.

Terceiro. Tramitado o expediente de conformidade cos preceptos legais e regulamentarios aplicables, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na reunión que tivo lugar o 8.2.2016, acordou non clasificar os montes Redondeliño e Borraxeiros por entender que non reúnen os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común.

Cuarto. Contra a referida resolución, con data do 23.3.2016, Manuel González Iglesias, en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos, presenta recurso de reposición en que alega o que considerou conveniente en defensa dos seus intereses, no cal, en síntese, insta a que se clasifiquen os montes Redondeliño e Borraxeiros por entender que queda suficientemente acreditado o aproveitamento comunal de ambas as parcelas polos veciños da comunidade de Tortoreos.

Quinto. Con data do 13.5.2016, María Digna Ignacio Novoa e Pilar Otero Rodríguez formulan oposición ás alegacións realizadas polo promotor da clasificación en relación coa parcela Redondeliño, manifestando, en resumo, que o uso e aproveitamento da parcela ten carácter privativo e non comunal. Achegan, xunto coas alegacións, diversa documentación para os efectos de acreditar a propiedade e, de xeito especial, o aproveitamento da dita parcela (memorial de bens expedido en 1866, xustificante de inscrición catastral, resolución do Presidente da Deputación de Pontevedra pola que se aproba o pagamento das expropiacións de parte das citadas parcelas, con motivo da construción da estrada PO-4203 Tortoreos-A Estación, copias dos certificados de aceptación das expropiacións, asinados polos reclamantes no ano 2000, fotocopia do catastro histórico de 1957...).

Dado traslado á comunidade promotora das alegacións formuladas por María Digna Ignacio e Pilar Otero, a comunidade oponse ás súas pretensións manifestando en síntese, que (...) as parcelas catastrais a que se refire a parte contraria teñen e tiveron sempre un destino de monte, manténdose desde sempre o seu aproveitamento veciñal, ben que en tempos recentes algúns veciños efectuaron un uso máis intenso que os restantes, pero sen desnaturalizar con iso o uso forestal da parcela e, o que é máis importante, sen privar nin excluír do uso o resto do colectivo veciñal (...).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición contra as súas resolucións en virtude do establecido no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Procede admitir a trámite os recursos de reposición interpostos por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 124 da citada lei.

Terceiro. Á vista das alegacións realizadas pola comunidade e da documentación que consta no expediente, procede estimar as alegacións respecto da parcela Borraxeiros por canto queda acreditado o aproveitamento e o uso comunal da parcela polos veciños (informe técnico, declaracións xuradas, a inclusión no Plan de ordenación forestal do monte do ano 2004...), e desestimar as pretensións de clasificación respecto da parcela Redondeliño por canto en vía administrativa o carácter de comunal do monte desaparece daquelas superficies que foron ou están sendo destinadas a un uso exclusivamente privado ou particular, tal e como pode colixirse das alegacións realizadas e da documentación presentada de adverso, que mesmo a comunidade recoñece como certos, así como do informe preceptivo do Servizo de Montes.

En consecuencia, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado, por unanimidade,

ACORDA:

Clasificar como monte veciñal en man común a parcela Borraxeiros, a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos (As Neves) por considerar que se dan os requisitos exixidos legalmente para a clasificación solicitada de acordo coas estremas e a cabida reflectidas no antecedente de feito segundo e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución, e desestimar as alegacións formuladas pola comunidade, no que á parcela Redondeliño se refire, ao non concorrer os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 6 de xullo de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra