Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2017 Páx. 34856

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 7 de xullo de 2017 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

BDNS (Identif.): 355490.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios/as

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles/as titulados/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e estar empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado/a beneficiario/a de subvencións.

c) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: Física, Enxeñaría, Matemáticas, Química, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito, Bioloxía/Biotecnoloxía e Farmacia. A titulación deberá terse obtido con posterioridade á data indicada na resolución de convocatoria.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

d) Non ter desfrutado con anterioridade de ningunha outra bolsa do Igape.

e) Non ter desempeñado con anterioridade algún traballo profesional para o cal se requirise a mesma titulación exixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a seis meses, o cal se acreditará mediante informe de vida laboral da Seguridade Social.

f) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

g) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do/a solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 48.d) da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

h) Ter nacido después do 31.12.1983.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a concesión de cen (100) bolsas para a realización de prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas, coa finalidade de formar titulados/as universitarios/as en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e co desenvolvemento estratéxico da empresa.

Os/as titulados/as participarán nun itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa e realizarán prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores/as do Igape en proxectos de mellora de pequenas e medianas empresas, apoio ao/á emprendedor/a ou proxectos colaborativos de asociacións ou clústers empresariais, período en que recibirán formación e titorización directamente por parte do/da axente colaborador/a.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 7 de xullo de 2017 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Cuarto. Importe

A dotación orzamentaria para estas bolsas ascende a 1.125.672,00 € e aboarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria 09.A1 741A 4800: 47.700,00 € con cargo ao exercicio 2017; 745.425,00 € con cargo ao exercicio 2018 e 286.875,00 € con cargo ao exercicio 2019.

Partida orzamentaria 09.A1 741A 4840: 1.141,80 € con cargo ao exercicio 2017; 31.780,10 € con cargo ao exercicio 2018 e 12.750,10 € con cargo ao exercicio 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de setembro de 2017.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2017

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica