Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2017 Páx. 34819

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 11 xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2017 e 2018.

BDNS (Identif.): 355312.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados na orde:

a) Entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente a esta, sempre que por si soas ou asociadas teñan unha media de paro rexistrado no ano 2016 superior a 500 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Todas elas deberán acreditar experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

As subvencións reguladas na orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego de Galicia, no ámbito da Comunidade Autónoma e durante un período de 12 meses, facilitándolles ás ditas persoas os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, as activen laboralmente e lles proporcionen competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están recollidas na Orde do 11 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2017 e 2018.

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 9.502.500,00 €.

Os programas integrados de emprego están destinados a atender 85 persoas desempregadas. A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.400 euros por cada persoa desempregada participante.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria