Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2017 Páx. 34687

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xuño de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición interposto contra a clasificación do monte veciñal en man común de Remesar-ampliación, do concello de Bóveda (expediente 9/2015).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 21 de xuño de 2017, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera e Antonio José López-Acuña Herrero, e da secretaria Lucía Belver Quiroga, ditou a seguinte resolución:

Monte de Remesar-ampliación (expediente 9/2015), pertencente aos veciños da parroquia de Remesar, no termo municipal de Bóveda, clasificado como veciñal en man común pola Resolución do Xurado do 18 de novembro de 2016. Con data do 22 de decembro de 2016, ten entrada escrito presentado pola secretaria da comunidade propietaria do MVMC de Teilán, en que interpón recurso de reposición contra a devandita resolución, e solicita con base nos fundamentos que expón, a súa revogación parcial e acorda non clasificar unha zona de 14 ha. O recurso fundaméntase, de xeito resumido, nas seguintes consideracións:

• No mes de xullo de 2016, a comunidade presentara alegacións ao expediente anunciando a solicitude de informes e documentación relativos aos límites entes os MVMC de Remesar e Teilán.

• Que obtiveron do Arquivo Histórico Provincial copia do fotograma en que se contén o parcelamento do antigo catastro na zona estremeira entre os montes, así como cédulas de propiedade.

• Os límites dos montes estaban definidos pola liña que dividía as parcelas 783 e 782 do polígono 38 do antigo catastro, que discorría preto da casa de Penacova, así como a parcela 784.

• A peza identificada co número 9 da proposta de ampliación de Remesar estaría invadindo unha superficie aproximada de 14 ha do monte de Teilán.

• A superficie historicamente pertencía ao monte de Teilán e a planimetría do antigo catastro non é coincidente nesta zona coa actual.

• Xunta planimetría que identifica a superficie en conflito.

O recurso de reposición presentado remitiuse á comunidade de Remesar para realizar alegacións, segundo establece o artigo 112 da Lei 30/1992. Con data do 10.3.2017, recibiuse escrito de oposición ao recurso de reposición interposto, que consideraba, en resumo:

• No catastro histórico as parcelas 782, 783 e 784 figuraban a nome do concello.

• No catastro actual as parcelas 782, 819 e 820 figuran a nome do MVMC de Remesar.

• No catastro do Marqués da Ensenada, a parroquia de Remesar linda con San Fiz de Rubián e Teilán, coincidindo as tres no lugar coñecido como Campaza Vella, acorde co catastro actual e proposta de ampliación.

• O feito que deu orixe á modificación do catastro histórico polo actual foi un expediente de deslindamento e amolloamento dos montes Agrolongo, Herbedido, Pico e Serra, entre as parroquias de Remesar e Teilán (ano 1937), que se orixinou como consecuencia da denuncia de varios veciños de Remesar contra outros de Teilán sobre aproveitamentos comunais destes montes, expediente que recolle un certificado do Concello sobre a acta de deslindamento en que se establece o lugar de Campaza da Vella como límite entre Remesar, Teilán e San Fiz.

• Xuntan documentación.

Nas consideracións efectuadas na resolución do expediente 9/2015, xa se facía mención ao feito de que os montes deberán ser deslindados posteriormente por acordo entre as comunidades afectadas, momento en que poderán delimitar con precisión e exactitude os puntos de estrema, que no fondo é a discrepancia que está a manifestar a comunidade de Teilán.

Examinado o devandito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda desestimar o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 28 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para a execución da Lei de MVMC, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Lugo, 29 de xuño de 2017

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo