Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2017 Páx. 34069

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de xullo de 2017 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de máster universitario e programas de doutoramento na Universidade da Coruña, na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade de Vigo, para o curso 2017/18, e se modifica a denominación dunha titulación oficial de máster universitario.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e a supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, regula a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). Así, coa entrada en vigor do Real decreto 99/2011 en consonancia co Decreto 222/2011 iníciase unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao diferenciando o máster universitario do programa de doutoramento.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia; a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

As universidades, logo de ser autorizadas a implantar os estudos, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos implicará o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades na sesión ordinaria do 13 de xuño de 2017, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude das universidades da Coruña (UDC), Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVIGO), para implantar determinados títulos.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorízase a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2017/18, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Edificación Sostible. Autorizado pola presente orde. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Tecnoloxías de Edificación Sustentable, autorizado pola Orde do 1 de febreiro de 2013 (Diario Oficial de Galicia do 12 de febreiro) e que figura inscrito no RUCT co código 4313637.

2. Máster universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser (título conxunto da UDC e UVIGO). Autorizado pola presente orde. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser título conxunto da UDC, USC e UVIGO, autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (Diario Oficial de Galicia do 8 de febreiro) e que figura inscrito no RUCT co código 4310393.

Artigo 2

Autorízase a Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2017/18, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias. Autorizado pola presente orde. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Innovación en Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro) e que figura inscrito no RUCT co código 4311767.

2. Programa oficial de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural (título conxunto da USC e UVIGO). Autorizado pola presente orde.

Artigo 3

Autorízase a Universidade de Vigo para implantar, no curso 2017/18, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Autorizado pola presente orde.

2. Máster universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser (título conxunto da UDC e UVIGO). Autorizado pola presente orde. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser título conxunto da UDC, USC e UVIGO, autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (Diario Oficial de Galicia do 8 de febreiro) e que figura inscrito no RUCT co código 4310393.

3. Máster universitario en Xestión Ambiental na Industria. Autorizado pola presente orde. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Contaminación Industrial: Avaliación, Prevención e Control, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro) e que figura inscrito no RUCT co código 4310624.

4. Programa oficial de doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento. Autorizado pola presente orde.

5. Programa oficial de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable. Autorizado pola presente orde.

6. Programa oficial de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural (título conxunto da USC e UVIGO). Autorizado pola presente orde. Esta autorización inicia o proceso de extinción do programa oficial de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural, autorizado para UVIGO pola Orde do 4 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia do 17 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 5601128.

Artigo 4

Modifícase a denominación do máster universitario en Enxeñaría da Construción da Universidade de Vigo.

Para dar cumprimento á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 28 de outubro de 2016, a Universidade de Vigo publicou no Diario Oficial de Galicia do 19 de maio e no Boletín Oficial del Estado do 3 de xuño de 2017, a Resolución reitoral do 3 de maio de 2017 pola que o título de máster universitario de Enxeñaría da Construción, autorizado pola Orde do 5 de setembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia do 26 de setembro), pasa a denominarse máster universitario en Xestión e Tecnoloxía de Estruturas e Instalacións, que figura inscrito no RUCT co código 4310395, e o seu novo plan de estudos.

Artigo 5

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria