A Xunta Electoral, designada consonte co previsto na Orde do 3 de abril de 2017 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, acordou, con data do 11 de xullo de 2017, a nulidade da votación efectuada o pasado día 9 de xullo de 2017 na mesa electoral de Meaño 1, do censo A2, subzona Salnés e Ribeira do Ulla, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Coa mesma data, a devandita xunta electoral adoptou os seguintes acordos:
1º. Convocar os electores da mesa electoral de Meaño 1, do censo A2, subzona Salnés e Ribeira do Ulla, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas para efectuar unha nova votación, para o vindeiro domingo día 16 de xullo, no mesmo lugar e nas mesmas horas nas que se efectuou a votación anulada.
2º. A mesa electoral estará integrada polo mesmo presidente e vogais que participaron no acto da votación anulada.
3º. No caso de que por imposibilidade dos membros da Mesa Electoral non sexa posible a constitución da mesma mesa electoral, sen prexuízo das responsabilidades a que houbera lugar, a mesa constituirase con calquera dos electores que acudan ese día ao acto da votación.
4º. Poderán acudir ao acto da votación aqueles apoderados que estiveran acreditados para a votación do día 9 de xullo, para o que poderán facelo mediante a presentación do seu DNI.
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017
Belén María do Campo Piñeiro
Presidenta da Xunta Electoral