Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 11 de xullo de 2017 Páx. 33495

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 28 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para a promoción e difusión do cinema galego en festivais e mostras de cinema de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 354182.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas axudas todas as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas profesionalmente á actividade de creación e produción no eido audiovisual galego, que leven a cabo algunha das actividades descritas como subvencionables na cláusula seguinte.

Só poderán participar nesta convocatoria aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual. En canto á participación de entidades produtoras, será preciso que a empresa estea dada de alta no IAE na epígrafe 9611.

Segundo. Finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción e difusión do cinema galego a través da participación de filmes galegos en festivais e mostras de cinema de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para a promoción e difusión do cinema galego en festivais e mostras de cinema de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 30.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 2017.10A1.432B.470.0.

As contías que se adxudicarán, segundo os festivais ou mostras de cinema e seccións de referencia, establécense para cada caso nos importes fixos indicados na táboa da cláusula terceira.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes para os eventos xa celebrados será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e para os demais será dun mes desde que se produza a comunicación oficial, por parte do festival, da selección da obra e, en calquera caso, non poderá exceder o 15 de novembro de 2017.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais