Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2017 Páx. 33116

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 27 de xuño de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de análise de potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (programa Re-Acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Segundo. Obxecto

Conceder axudas ás pemes destinatarias dos seguintes servizos de análise de potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (programa Re-Acciona), integrados en tres categorías:

a) Análise de potencial competitivo.

b) Profesionalización:

1º. Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.

2º. Servizos de optimización dos procesos de produción e cadea loxística.

3º. Relanzamento comercial.

4º. Implementación de xestión por procesos.

5º. Imaxe e comunicación empresarial.

c) Desenvolvemento estratéxico:

1º. Desenvolvemento estratéxico integral da empresa.

2º. Plans e protocolos de empresa familiar.

3º. Identificación de redes de cooperación e socios.

4º. Redefinición do modelo de negocio.

As axudas configúranse como axudas en especie da disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita axuda confórmase como a diferenza entre o custo aboado polo Igape pola prestación do servizo e o importe exixido ás pemes beneficiarias en concepto de cofinanciamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de xuño de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de análise de potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (programa Re-Acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

Convocatoria 2017-2: comeza o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e remata o 15.9.2017.

Convocatoria 2017-3: comeza o 18.9.2017 e remata o 3.11.2017.

Convocatoria 2017-4: comeza o 6.11.2017 e remata o 29.12.2017.

Convocatoria 2018-1: comeza o 5.2.2018 e remata o 23.3.2018.

Convocatoria 2018-2: comeza o 3.4.2018 e remata o 25.5.2018.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2017

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica