Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2017 Páx. 32994

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 6 de xullo de 2017, polo que se fixan criterios complementarios en relación co proceso de integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a implantación da primeira fase da planificación do transporte público de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 6 de xullo de 2017, adoptou o Acordo polo que se fixan criterios complementarios en relación co proceso de integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a implantación da primeira fase da planificación do transporte público de Galicia.

Para o seu coñecemento xeral, a Dirección Xeral de Mobilidade resolve dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo á presente resolución.

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

ANEXO
Acordo polo que se fixan criterios complementarios en relación co proceso
de integración das distintas modalidades de transporte público de competencia
da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco
do procedemento para a implantación da primeira fase da planificación
do transporte público de Galicia

1. Con data do 24 de maio de 2017, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo polo que se autorizaron e fixaron determinadas regras en relación coa integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a implantación da primeira fase da planificación do transporte público de Galicia.

O dito acordo produciuse no marco da planificación para a elaboración do Plan de transporte público de Galicia, regulado pola Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, así como da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, e estableceu un primeiro ámbito de integración de servizos de transporte.

Esta iniciativa é posible e, ao tempo, vén determinada pola manifestación expresa por unha parte significativa das empresas que viñan prestando os servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada de uso xeral da súa decisión de renunciar á facultade de continuar coa súa explotación durante o prazo de elaboración e implantación do indicado Plan de transportes de Galicia.

Xa que logo, a Administración viuse na obriga de avanzar nunha primeira fase de definición do dito mapa de servizos, facilitando, ao tempo, que se poida dispoñer dunha maior racionalización da rede de transporte, dunha maior adaptación ao territorio e, tamén dunha maior cobertura territorial dos servizos.

2. Consonte a normativa indicada, e no ámbito do acordo previo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de maio de 2017, corresponde á consellería competente en materia de transportes a posición de órgano de contratación destes novos servizos que deben ser obxecto de contratación.

Para tal fin, pártese da planificación elaborada, na cal se integrou, no ámbito dos servizos de transporte público regular de uso xeral, a prestación parcial de servizos baixo demanda das persoas usuarias e a reserva de prazas a favor do colectivo de escolares aos cales a consellería competente en materia de educación recoñeza o dereito a transporte escolar público. E xa se definiu unha estrutura de servizos que facilitará a participación pública grazas ao seu dimensionamento con criterios de racionalidade.

Continuando con esta mesma liña de traballo, cómpre establecer criterios complementarios que, dentro do procedemento de adxudicación legalmente establecido, garantan tanto a máxima participación posible, sobre todo da pequena e mediana empresa, contribuíndo ao mantemento do tecido empresarial existente, o que contribuirá a garantir a máxima concorrencia non só neste procedemento, senón tamén no procedemento aberto dirixido á implantación dos servizos que establecerá o Plan de transporte público de Galicia, e, por outra parte, contribuíndo tamén á conservación das condicións laborais existentes neste ámbito, na liña non só de garantirlles aos traballadores que prestan os seus servizos nos actuais contratos de transporte o pleno recoñecemento dos dereitos laborais, senón tamén de facilitar o cumprimento das obrigas derivadas dos convenios colectivos e outras normas e acordos relativos ás condicións de traballo, recollendo así os postulados do propio Regulamento CE 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 1191/69 e (CEE) nº 1107/70 do Consello.

En virtude do anterior,

ACORDO:

Primeiro. Obxecto

O presente acordo ten por obxecto establecer criterios complementarios en relación co proceso de integración das distintas modalidades de transporte público da Xunta de Galicia que faciliten a optimización do servizo público, así como determinar criterios a seguir no proceso de adxudicación coa finalidade de promover a participación da pequena e mediana empresa e a garantía das condicións sociais no ámbito destes servizos.

Segundo. Ámbito e alcance

2.1. Os servizos de transporte público a que se refire o presente acordo son os incluídos no ámbito do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de maio de 2017.

2.2. Como anexo do presente acordo insírese a relación de contratos de transporte escolar que, consonte o disposto nos artigos 88 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e 73.2 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, se ven afectados pola reordenación prevista e, consecuentemente, respecto dos que se iniciará o procedemento de resolución contractual, por seren atendidas as súas mesmas relacións de tráficos por servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada de uso xeral que serán obxecto de adxudicación, garantindo así a plena satisfacción do dereito ao correspondente servizo de transporte público dos escolares.

Terceiro. Medidas para a promoción dunha contratación responsable socialmente e para a promoción da concorrencia no procedemento

3.1. Impulso da participación da pequena e mediana empresa.

A Administración competente para a adxudicación directa dos servizos que se prevexan nos proxectos de xestión de servizos públicos de transporte a que se refire este acordo instrumentará medidas que redunden na mellora das oportunidades de participación das pequenas e medianas empresas no referido proceso, coa finalidade adicional de non destruír o tecido empresarial existente e garantir deste xeito que no prazo de dous anos, cando deban repetirse estas licitacións, a concorrencia existirá e será efectiva.

A Administración tramitará un procedemento único de adxudicación que comprenderá a totalidade dos proxectos como distintos lotes, de tal xeito que a adxudicación de cada un destes lotes dará lugar a un contrato separado.

Consonte o artigo 77.2 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, a Administración remitirá invitación para presentar oferta a un mínimo de tres empresas de entre as que comunicasen o seu interese en seren invitadas, sempre que resulte posible. O órgano de contratación, cumprindo o indicado, poderá limitar o número máximo de empresas a invitar para cada lote e establecer os criterios que se terán en conta para realizar a dita invitación, xustificándoo no expediente, de acordo co indicado no artigo citado. En particular, poderá utilizar criterios de protección das pequenas e medianas empresas, en especial favorecendo as de reducida dimensión e microempresas, concedéndolles a prioridade para a invitación ás citadas empresas consonte os criterios que se establezan. Así mesmo, fomentarase a participación en unión temporal de empresarios das indicadas empresas.

Igualmente, poderá limitarse o número máximo de invitacións que se realicen a unha mesma empresa ou empresas vinculadas. Esta vinculación apreciarase nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público, así como respecto das que actúen baixo unidade de decisión ou nunha dirección única, en particular, cando a maioría dos membros do órgano de administración da sociedade dominante sexan membros do órgano de administración ou altos directivos da sociedade dominante ou doutra dominada por esta.

Ás empresas invitadas a presentar oferta exixiráselles sempre unha declaración das empresas con que teñan vinculación, nos termos establecidos no punto anterior.

En relación con aqueles lotes en que non se acadase o número mínimo de manifestacións de interese indicado anteriormente, a Administración, ademais das empresas que comunicasen o seu interese, poderá invitar a outras empresas motivando os criterios de elección no expediente.

O órgano de contratación limitará o número máximo de lotes que poidan adxudicarse a unha soa empresa ou empresas vinculadas nos termos antes expostos, indicándoo nas invitacións que se cursen, que non superará a porcentaxe do 25 % respecto do número total de lotes. Para estes efectos, solicitarase das empresas participantes unha relación de preferencia dos lotes cuxa adxudicación pretendan. No caso de que non fosen indicados pola empresa, adxudicaránselles en primeiro lugar aqueles lotes en que a oferta sexa a única admitida; o resto dos lotes adxudicaranse por orde de importancia económica dos proxectos.

No suposto de contratos que quedasen desertos, a Administración procederá á súa adxudicación consonte o indicado no artigo 77.3 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, ou á adopción das medidas que prevé o artigo 76.2 da mesma lei, coa finalidade de garantir a prioritaria prestación do servizo público.

3.2. Criterios de admisión das empresas: capacidade, solvencia económica e financeira e técnica.

A administración e, por tanto, os pregos de condicións deberán velar pola máxima participación sectorial e social. Para tal fin, no indicado procedemento de adxudicación, e nos termos do artigo 77.2 e 3 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, invitaranse para formular oferta as empresas capacitadas para a súa prestación que se ofrecesen. Igualmente, preverase que as ditas empresas poderán formular oferta individualmente, en unión temporal de empresas, ou en agrupación, con calquera outra empresa capacitada para a prestación do servizo público.

Coa finalidade de facilitar a máxima participación das pequenas e medianas empresas, tendo en conta os requisitos de solvencia económica, técnica e profesional, e de honorabilidade, que require a normativa sectorial ás empresas para acceder á autorización ou título habilitante para o exercicio da actividade de transporte en vehículos de máis de 9 prazas, incluído o condutor (VD Nacional), a súa tenza considerarase suficiente para os efectos de xustificar a solvencia económica e financeira e técnica no procedemento de adxudicación destes contratos.

3.3. Subcontratación: porcentaxe máxima.

Nos procedementos de adxudicación dos presentes contratos, a Administración velará, en todo caso, por que a subcontratación non supoña unha diminución dos estándares de calidade do servizo e por que non se produzan situacións de demora nos pagamentos aos subcontratistas dos servizos, con expresa mención das obrigas previstas no artigo 52 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

Para este fin, o prego único de condicións que rexerá as distintas adxudicacións directas poderá establecer que, por petición do subcontratista, e sempre que o contratista principal non se opoña xustificadamente, a Xunta de Galicia aboe directamente ao subcontratista os importes correspondentes a compensacións por obrigas do servizo ou por bonificacións de tarifas, as cantidades que o contratista principal lle deba polos servizos prestados. Nese caso, o prego deberá establecer un procedemento que garanta que o contratista principal poida opoñerse aos pagamentos indebidos, así como que impida que a Administración pague indebidamente por servizos xa aboados ou non realizados.

En todo caso, a porcentaxe máxima que poderá ser obxecto de subcontratación fixarase no prego de condicións, sen que poida superar o 30 % das prestacións obxecto do correspondente contrato, medidas en relación co volume de quilómetros-bus-ano previstos en cada proxecto de explotación, nin se poida adscribir en concepto de vehículos en réxime de colaboración un número superior ao resultante de aplicar a dita porcentaxe aos vehículos previstos como necesarios para a prestación do servizo.

As obrigas referentes ao réxime de subcontratación terán a consideración de condicións esenciais de execución do contrato, cuxo incumprimento, ademais das consecuencias previstas no ordenamento xurídico, permitirá a imposición das penalidades que para tal efecto se conteñan nos pregos, e constituirá causa de resolución do contrato.

3.4. Adxudicación en supostos de falta de formulación de ofertas.

Naqueles casos de lotes respecto dos cales non se formulen ofertas que cumpran os requirimentos exixidos pola Administración, de acordo co disposto no artigo 77.3 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, a Administración poderá dispor a adxudicación directa do servizo á empresa que para tal fin seleccione. Para estes efectos, poderá, na fase de negociación prevista no artigo 77.2 da indicada lei, ofrecer a adxudicación do contrato a aquelas empresas que poidan ser adxudicatarias de proxectos que garden relación funcional co proxecto en cuestión, podendo recoñecer prioridade na valoración para a adxudicación, de conformidade cos criterios establecidos nos pregos, as empresas que acepten a adxudicación do indicado proxecto, sen que se tome en consideración o dito lote para o efecto do cálculo do número máximo de lotes dos que a correspondente empresa poida resultar adxudicataria.

Cuarto. Condicións de utilización dos servizos de transporte público. Servizos integrados

4.1. O prego de condicións polo que rexerá a adxudicación dos servizos a que se refire este acordo garantirá a plena aplicabilidade dos dereitos das persoas usuarias dos servizos de transporte público e, de xeito específico, os que prevé o artigo 38 da Lei 1/2015, do 1 de abril.

4.2. Deste xeito, existindo prazas dispoñibles no vehículo garantirase o dereito a ser admitida ao servizo de toda persoa que acceda a el nas paradas habilitadas para tal fin. No cómputo das prazas dispoñibles deduciranse, en todo caso, as reservadas pola Administración para usuarios con dereito a reserva de praza, entre os que se priorizarán os escolares a que a consellería competente en materia de Educación recoñeza o dereito á súa utilización, en relación cos que a prestación do servizo será sempre obrigatoria para o contratista; igualmente, o número de prazas dispoñibles deberase minorar co de reservas de praza efectuadas previamente en servizos ou relacións de tráfico que se presten na modalidade de baixo demanda das persoas usuarias.

4.3. Como excepción ao previsto no punto anterior, o contratista do servizo non estará obrigado a admitir á prestación do servizo as persoas usuarias que incorran en incumprimentos das obrigas que prevé o artigo 38.3 da referida Lei 1/2015, do 1 de abril. De xeito específico, nas expedicións integradas, a exclusión de usuarios de uso xeral que incorran nas causas de exclusión previstas nas letras c) ou d) do referido precepto será obrigatoria para o contratista, estando habilitados para tal fin, en ausencia de axentes da autoridade, tanto o persoal de condución como o persoal acompañante que se encontre a bordo do vehículo. Neste caso, o indicado persoal de condución e acompañante deberá velar pola absoluta e preferente garantía da utilización do servizo polos escolares, resultando de aplicación co maior rigor as obrigas de trato con deferencia e respecto cara a eles.

A posibilidade de non admitir á prestación do servizo as persoas usuarias que incorran en supostos de incumprimento das obrigas previstas no referido artigo 38.3 abranguerá a posibilidade de excluílos do servizo en calquera momento da súa prestación.

Non obstante o indicado nos puntos anteriores, salvo en supostos de forza maior debidamente xustificados en que non sexa posible unha valoración administrativa previa, a exclusión da utilización do correspondente servizo integrado de usuarios con recoñecemento do dereito a reserva de praza (escolares) deberá ser comunicada e autorizada previamente pola dirección xeral competente en materia de transportes. Nos supostos de forza maior, o contratista deberá informar a dirección xeral competente en materia de transportes nas dúas horas seguintes á adopción daquela decisión, achegando a oportuna xustificación. Destas exclusións darase conta á Comisión interdepartamental de coordinación do proceso de implantación do sistema de transporte público integrado de Galicia.

4.4. A dirección xeral competente en materia de transportes adoptará as medidas oportunas para a máxima difusión do réxime de dereitos e obrigas das persoas usuarias do sistema de transporte público.

Igualmente, poderá establecer criterios interpretativos en relación co alcance dos supostos en que se considere que se producen situacións que xustifiquen a exclusión do servizo, tales como as referentes á falta de trato deferente e de respecto ao resto de persoas usuarias do servizo e ao persoal que o preste, ou o uso abusivo del. Especificamente, en relación cos supostos de uso abusivo do sistema de transporte público baixo demanda, estableceranse os criterios para considerar como uso abusivo a reserva ou petición de servizos respecto dos que finalmente non se faga uso sen a súa anulación previa en prazo.

Quinta. Imaxe corporativa «Transporte Público de Galicia»

Nos servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada de uso xeral que se adxudiquen con posterioridade ao presente acordo será obrigatoria a utilización da imaxe corporativa «Transporte Público de Galicia».

Sen prexuízo da observancia do vixente código de identificación corporativa da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 409/2009, do 5 de novembro, e da marca turística de Galicia, aprobada polo Decreto 121/2011, do 16 de xuño, os órganos da Xunta de Galicia competentes en materia de transporte, cando desenvolvan calquera acción relacionada co ámbito do transporte público, utilizarán como elemento adicional en todas as súas accións de comunicación, e na documentación administrativa, a imaxe corporativa «Transporte Público de Galicia», cuxo manual de identidade corporativa se publicará na páxina web da consellería competente en materia de transporte.

A utilización da dita imaxe preverase nos proxectos de explotación e no prego de condicións polos que rexerá a adxudicación dos servizos de transporte público previstos no ámbito deste acordo, que deberán prever a súa adaptación consonte as instrucións que para o efecto estableza a dirección xeral competente en materia de transportes.

Sexta. Garantía das condicións laborais e sociais. Condicións en relación co persoal que se adscriba ao servizo

6.1. Persoal que se adscriba o servizo.

Os proxectos de explotación dos contratos que serán obxecto de adxudicación recollerán a dotación mínima de persoal que o contratista deberá adscribir á prestación do servizo. A indicada dotación requirida non será obstáculo para que o contratista adscriba á prestación do servizo todo o persoal que considere necesario ou pertinente por enriba da indicada dotación mínima nin impide a aplicación das obrigacións de subrogación a que alude este punto.

6.2. Obrigacións de subrogación de persoal.

De acordo coa lexislación laboral que resulte de aplicación, así como de acordo cos convenios colectivos, é responsabilidade dos empresarios afectados e dos participantes na licitación o cumprimento de todas as obrigas legais aplicables para a subrogación dos traballadores e o cumprimento de todas as restantes obrigas referidas a esta. En particular, os licitadores deben ter en conta o disposto no Acordo Marco Estatal sobre materias do transporte de viaxeiros por estrada, mediante vehículos de tracción mecánica de máis de nove prazas incluído o condutor (publicado por Resolución do 13 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral de Emprego, BOE núm. 49, do 26 de febreiro), así como os convenios colectivos que recollen obrigas convencionais de subrogación aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia, así como os pactos ou acordos empresariais que resulten de aplicación, que regulen condicións laborais máis beneficiosas que as previstas nos convenios de aplicación.

En particular, sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, e de acordo co previsto no Regulamento comunitario (CE) 1370/2007, do 23 de outubro, que regula os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada, e derroga regulamentos (CEE) núm. 1191/69, do 26 de xuño de 1969 e 1107/70, do 4 de xuño de 1970, o prego de condicións imporá ao contratista entrante a obriga de ofrecer ao persoal que efectivamente estivese adscrito á prestación dos concretos servizos afectados, e de acordo coa dedicación efectiva que se viñese prestando, a subrogación nos dereitos laborais e a prestación de servizos adscrito ao novo contrato celebrado, nas mesmas condicións que se se producise un traspaso consonte coa Directiva 2001/23/CE sobre a aproximación das lexislacións dos Estados membros relativas ao mantemento dos dereitos dos traballadores en caso de traspasos de empresas, de centros de actividade ou de partes de empresas ou de centros de actividade.

Coa información ofrecida pola Administración e pola empresa saínte, a empresa entrante será coñecedora do alcance dos medios humanos e obrigas laborais que asumirá como consecuencia da licitación.

6.3. Relación do novo servizo cos servizos preexistentes.

Os servizos de transporte a que se refire este acordo configúranse como servizos de novo establecemento, tendo en conta o seu ámbito territorial, as necesidades de transporte cubertas, as repercusións da súa inclusión na rede de transporte e os tráficos incluídos, presentando por iso unhas características que determinan que non se corresponda cun único servizo preexistente. Deste xeito, o novo servizo afecta total ou parcialmente outros servizos previamente existentes, que desaparecen ou se engloban no novo proxecto de explotación ou en varios dos que se licitan conxuntamente. Polas razóns indicadas, non se pode identificar no prego de condicións o concreto persoal que, por aplicación das obrigas legais ou convencionais de subrogación, debe quedar expresamente adscrito á prestación dos indicados novos servizos de entre o persoal que vén prestando os servizos anteriores que resultan afectados.

Dado que, como se expresou, os contratos a adxudicar derivan de diferentes contratos preexistentes que se ven afectados total ou parcialmente polo novo servizo ou por varios dos novos servizos que se licitan conxuntamente, e para cumprir os deberes de información regulados no artigo 120, TRLCSP, nos proxectos de explotación establecerase a correlación en termos porcentuais, entre os novos contratos e os anteriores. Para estes efectos, debe entenderse que naqueles supostos en que un servizo preexistente se vexa afectado nun 100 % (caso, en particular, dos transportes escolares afectados e determinados casos de liñas de uso xeral), o anterior servizo englobarase integramente na indicada licitación, con todas as consecuencias legais e convencionais establecidas para iso. Pola contra, cando a porcentaxe de afectación sexa inferior ao 100 %, entenderase que o servizo preexistente queda englobado no novo contrato na porcentaxe indicada para os efectos antes aludidos. A Administración prestará esta información aos meros efectos de facilitar o cumprimento das obrigas de subrogación establecidas pola normativa aplicable.

En particular, para os efectos desta cláusula, consideraranse vinculados aos servizos preexistentes aqueles traballadores que desenvolvan unha prestación efectiva de traballo nestes, na porcentaxe de dedicación real que se viñese prestando, sempre de acordo cos criterios establecidos no acordo marco antes indicado.

Calquera modificación contractual que afecte as condicións laborais dos traballadores afectados pola subrogación deberá ser comunicada á Administración, que dará traslado dela ao Consello Galego de Relacións Laborais para os efectos da emisión do correspondente informe.

6.4. Información aos licitadores.

A Administración porá á disposición dos licitadores a información solicitada e facilitada polas diferentes empresas contratistas de servizos de transporte, para os efectos de facilitar a aplicación daqueles acordos e convenios sectoriais alcanzados entre as representacións de traballadores e empregadores e o cumprimento das obrigas reguladas na presente cláusula.

A información que se porá á disposición dos interesados para facilitarlles o cumprimento das súas obrigas legais, convencionais e contractuais será a facilitada polos actuais prestadores dos servizos, sen que a Administración asuma responsabilidade ningunha sobre a súa exactitude ou corrección, nin sobre as consecuencias derivadas de eventuais inexactitudes ou discrepancias coa situación real do persoal afectado, que deberá prevalecer en todo caso de acordo coa normativa laboral. En particular, a dita información que se ofrecerá non substituirá e ofrecerase sen prexuízo da obriga da empresa saínte de facilitar á representación legal de traballadores da empresa, ás asociacións sindicais de maior representatividade, e á empresa entrante a información prevista no artigo 22 do Acordo Marco, na lexislación laboral, convenios colectivos aplicables e calquera pacto ou acordo empresarial que resulte de aplicación, así como sen prexuízo da responsabilidade do empresario entrante de solicitar dos empresarios que prestaban os servizos afectados toda aquela información adicional que deba solicitar en cumprimento da lexislación laboral, convenios colectivos e, en especial, do Acordo Marco antes sinalado.

Coa información facilitada pola Administración e pola empresa saínte, a empresa entrante será coñecedora do alcance dos medios humanos e obrigacións laborais que asumirá como consecuencia da licitación.

6.5. Obrigación de información sobre os traballadores adscritos ao servizo.

Con carácter previo ao comezo da prestación efectiva do servizo obxecto dos contratos, preverase que o contratista adxudicatario deberá presentar á Administración, representantes legais dos traballadores e asociacións sindicais máis representativas o cadro de persoal que vai adscribir efectivamente á prestación do servizo e as súas dedicacións, que deberá cumprir o establecido nesta cláusula en canto ao persoal requirido e ás obrigas de subrogación, dando traslado, igualmente, de copia da alta na Seguridade Social de todos os traballadores adscritos ao novo contrato de conformidade co previsto no artigo 23 do Acordo Marco.

6.6. Mantemento do equilibrio financeiro do contrato respecto das condicións inicialmente previstas.

Os pregos de condicións preverán, para os efectos do establecido na presente cláusula, que os licitadores deban ter en conta e valorar as consecuencias laborais de toda orde, e, en particular, as consecuencias derivadas da necesidade de subrogación nas relacións laborais preexistentes, e os consecuentes custos laborais que implicará tal medida, de acordo coa lexislación laboral, convenios colectivos, acordos e pactos empresariais que resulten de aplicación, para os efectos da presentación das súas ofertas.

Sen prexuízo do indicado, e coa finalidade de garantir o obrigado equilibrio económico do correspondente contrato de xestión do servizo público de transporte, os pregos de condicións preverán que, coa finalidade de naqueles supostos en que, a pesar da dilixencia do contratista na avaliación dos custos laborais, por causas imprevistas, como consecuencia da aplicación dos dereitos legal ou convencionalmente establecidos á subrogación de persoal, o contratista do servizo se vise obrigado a asumir persoal ou obrigas laborais por riba das previsións da súa oferta, ou cunhas condicións máis gravosas que as recollidas nela, este poderá solicitar da Administración o reequilibrio económico do contrato, na medida en que sexa indispensable para manter a ecuación financeira tida en conta na oferta do adxudicatario, e sen que este reequilibrio poida cubrir as consecuencias dunha conduta pouco dilixente do prestador ou eliminar o risco inherente á concesión.

O dito reequilibrio poderá consistir nunha modificación de calquera das condicións de prestación do contrato partindo das inicialmente previstas.

Para o efecto da eventual aplicación desta previsión de reequilibrio, o contratista deberá informar a Administración do conxunto de actuacións levadas a cabo para a axeitada aplicación das obrigas de subrogación de persoal. Así mesmo, deberá informar en todo momento a Administración da aceptación voluntaria de eventuais obrigas que puidesen xerar a aplicación do indicado reequilibrio e xustificar a súa adecuación e suxeición ao establecido na lexislación laboral e criterios do acordo marco, convenios colectivos, acordos e pactos empresariais aplicables.

6.7. Causas específicas de resolución do contrato.

Os pregos de condicións fixarán como causa de resolución do contrato o incumprimento das obrigas anteriormente indicadas en canto ao persoal requirido e/ou obrigas de subrogación, sen prexuízo das consecuencias laborais que sexan de aplicación.

Sétimo. Réxime económico-financeiro do proceso de integración de servizos de transporte

7.1. Logo da adopción do presente acordo, a dirección xeral competente en materia de transporte procederá á remisión de invitacións para formular ofertas aos diferentes proxectos de explotación de servizos consonte co indicado nos puntos anteriores.

Con antelación á remisión da dita invitación, a Consellería de Facenda habilitará o crédito previsto para o pagamento dos referidos servizos na aplicación correspondente.

7.2. Coa finalidade de facilitar a participación da pequena e mediana empresa na prestación destes servizos, a Administración garantirá a materialización dos pagamentos que lle corresponden no prazo de 30 días desde a data de facturación correspondente.

Para tal fin, as compensacións por obriga de servizo e por viaxeiros con bonificacións (escolares) serán obxecto de pagamento con prezo mensual estimado, que será regularizado á alta ou á baixa coa liquidación correspondente ao mes seguinte.

Oitava. Transparencia

8.1. Dado o contido do presente acordo, e coa finalidade de garantir a máxima difusión, información e publicidade aos cidadáns, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

8.2. Así mesmo, para velar pola máxima transparencia do proceso, tendo en conta o contido do presente acordo e as modificacións que en consecuencia serán introducidas nos proxectos que se aproben, xunto coas derivadas do proceso de participación pública, habilítase o órgano de contratación para acordar a apertura dun novo prazo de ata tres días naturais desde a publicación na súa páxina web dun extracto da principal información de contido económico dos proxectos, coa finalidade de permitir ás empresas interesadas na formulación de ofertas a manifestación do seu interese. No dito anuncio indicarase o medio ou medios que resulten admitidos para os efectos de facer achega á Administración das indicadas mostras de interese. En calquera caso, aquelas empresas que xa manifestasen o dito interese non necesitarán confirmalo novamente.

ANEXO
Relación de contratos de transporte escolar cuxa prestación será suspendida

09OU0044

16LU4058

16LU4067

16LU4096

16OU0445

21PO0056

21PO0057

21PO0058

21PO0070

21PO0117

21PO0147

21PO0154

21PO0155

21PO0158

21PO0161

21PO0162

21PO0168

21PO0777

99CO0019

99CO0020

99CO0129

99CO0130

99CO0208

99CO0283

99CO0291

99CO0292

99CO0293

99CO0326

99CO0327

99CO0328

99CO0351

99CO0352

99CO0365

99CO0366

99CO0387

99CO0390

99CO0397

99CO0399

99CO0624

99CO1014

99CO1060

99CO3009

99CO3016

99LU0033

99LU0085

99LU0089

99LU0094

99LU0099

99LU0143

99LU0146

99LU0147

99LU0149

99LU0160

99LU0163

99LU0165

99LU0166

99LU0190

99LU0196

99LU0206

99LU0238

99LU0246

99LU0300

99LU0303

99LU0369

99LU0372

99LU0373

99LU0374

99LU0381

99LU0397

99LU0438

99LU0444

99LU0447

99LU0457

99LU0473

99LU0478

99LU0495

99LU0496

99LU0508

99LU0509

99LU0603

99LU1031

99LU3006

99LU3010

99LU3030

99LU4052

99OU0002

99OU0003

99OU0004

99OU0006

99OU0011

99OU0013

99OU0019

99OU0024

99OU0025

99OU0028

99OU0031

99OU0033

99OU0035

99OU0052

99OU0054

99OU0056

99OU0059

99OU0066

99OU0067

99OU0073

99OU0076

99OU0084

99OU0087

99OU0091

99OU0094

99OU0095

99OU0099

99OU0102

99OU0103

99OU0105

99OU0106

99OU0110

99OU0112

99OU0115

99OU0116

99OU0119

99OU0121

99OU0122

99OU0123

99OU0124

99OU0125

99OU0143

99OU0145

99OU0149

99OU0150

99OU0152

99OU0157

99OU0158

99OU0159

99OU0161

99OU0162

99OU0164

99OU0165

99OU0166

99OU0174

99OU0176

99OU0178

99OU0180

99OU0185

99OU0186

99OU0187

99OU0188

99OU0191

99OU0200

99OU0201

99OU0202

99OU0212

99OU0213

99OU0225

99OU0229

99OU0230

99OU0234

99OU0235

99OU0248

99OU0252

99OU0257

99OU0258

99OU0262

99OU0277

99OU0278

99OU0283

99OU0284

99OU0287

99OU0289

99OU0291

99OU0292

99OU0293

99OU0294

99OU0303

99OU0306

99OU0308

99OU0309

99OU0310

99OU0318

99OU0319

99OU0322

99OU0325

99OU0326

99OU0329

99OU0330

99OU0331

99OU0332

99OU0333

99OU0335

99OU0336

99OU0342

99OU0343

99OU0344

99OU0348

99OU0351

99OU0352

99OU0354

99OU0355

99OU0356

99OU0358

99OU0360

99OU0372

99OU0374

99OU0377

99OU0382

99OU0389

99OU0395

99OU0397

99OU0402

99OU0403

99OU0407

99OUB186

99PO0054

99PO0111

99PO0117

99PO0138

99PO0145

99PO0173

99PO0184

99PO0186

99PO0205

99PO0213

99PO0219

99PO0250

99PO0251

99PO0255

99PO0263

99PO0270

99PO0298

99PO0302

99PO0335

99PO0338

99PO0358

99PO0408

99PO0409

99PO0414

99PO0417

99PO0421

99PO0422

99PO0423

99PO0429

99PO0434

99PO0448

99PO0449

99PO0450

99PO0497

99PO0560

99PO0587

99PO0624

99PO0644

99PO0657

99PO0701

99PO0702

99PO0703

99PO0704

99PO0706

99PO0710