Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2017 Páx. 32961

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2017, do Servizo da Delegación Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación, con trámite de urxencia, para a expropiación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e de reforma da intersección na AC-840 (punto quilométrico 20+190 ao 21+910), no termo municipal de Curtis (clave AC/15/066.06).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal 2º a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 23 de marzo de 2017, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e á urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para as mencionadas obras mediante o Decreto 43/2017, publicado no DOG núm. 74, do 18 de abril.

Con data do 13 de marzo de 2017, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, procede á aprobación do proxecto de construción do itinerario peonil e de reforma da intersección na AC-840 (p.q. 20+190 ao 21+910), de clave AC/15/066.06, no termo municipal de Curtis.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, no uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados para que comparezan no lugar, na data e na hora que se citan para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados, e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladar ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Lugar: Oficina Municipal do recinto feiral.

Rúa Emilia Pardo Bazán, s/n, Curtis.

Data: 19 de xullo de 2017.

Horario: das 9.30 ás 13.00 horas.

De: Bermúdez Tizón, Manuel a Saavedra Sánchez, Juan e irmáns.

A relación de titulares, cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes, estarán expostos no Concello de Curtis e no Servizo da Delegación Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer, nº 2, 8ª, 15071 A Coruña).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e último recibo da contribución. Poden facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e de notario.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o momento do levantamento das actas previas á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante o Servizo da Delegación Provincial da Coruña, as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.

A Coruña, 16 de xuño de 2017

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo da Delegación Provincial da Coruña