Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 5 de xullo de 2017 Páx. 32729

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Coruña

ANUNCIO de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Coruña relativa ao Colexio Fogar Calvo Sotelo (expediente 631/2015/354).

En cumprimento do disposto no artigo 82.1 da Lei 2/2016, do 10 de febrero, do solo de Galicia, e no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da lei anterior, infórmase de que o Pleno municipal, na sesión que tivo lugar o 8 de maio de 2017, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o documento denominado “Modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal. Colexio Fogar Calvo Sotelo. Documento para aprobación provisional. Febreiro 2017”, redactado polo Servizo de Planeamento e Xestión do Solo.

Segundo. Ordenar a dilixencia do documento co selo de aprobación definitiva.

Terceiro. Realizar os trámites previstos nos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do solo de Galicia; nos artigos 199 e 212 do Decreto 143/2016, regulamento para o desenvolvemento da lei anterior; e na Orde do 10 de marzo de 2017, pola que se establecen os modelos normalizados de solicitudes para a inscrición de datos no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, para os efectos da entrada en vigor do documento aprobado.

Cuarto. En cumprimento do disposto no artigo 29.7 do Real decreto 297/2013, do 26 de abril, sobre servidumes aeronáuticas, achegar unha copia do documento aprobado definitivamente, xunto coa certificación do acto de aprobación, á Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento.

Quinto. Notificar este acordo ás áreas e departamentos municipais interesados na súa tramitación».

Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente:

Á vista da Resolución do 17 de xuño de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula o informe ambiental estratéxico, introducíronse no documento da modificación puntual as seguintes medidas:

1. Segundo o indicado no informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 23.5.2016, inclúese no plano 2 (ámbito da modificación), a parcela da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, que non estaba debidamente tramada no plano do documento do borrador da modificación.

2. Segundo o indicado no informe do Instituto de Estudos do Territorio, o valor compositivo do edificio deberá ser respectado na súa reforma.

3. Por último, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental fai as seguintes consideracións:

– Deberanse estudar as afeccións sobre a mobilidade que a proposta terá e incorporar as medidas oportunas de apoio ao transporte público.

– O proxecto de rehabilitación do edificio deberá respectar os seus elementos de valor arquitectónico.

Respecto ás cuestións indicadas nos dos últimos puntos, cabe indicar que, segundo o disposto polo artigo 7.2.8.4 do PXOM 2013, «a ordenación volumétrica fixarase mediante estudo de detalle», polo que calquera actuación no edificio que leve unida calquera mínima alteración do volume da edificación obriga a tramitar e aprobar definitivamente un estudo de detalle, no cal se terá en conta que o valor compositivo e os elementos de valor arquitectónico sexan respectados.

No que atinxe ás afeccións sobre a mobilidade, con data do 8.2.2017 deuse traslado a Concellería de Mobilidade deste concello para que emprenda as accións oportunas ao respecto.

En relación co anterior, tal e como se indicou no documento ambiental estratéxico, cómpre indicar que a creación dunha residencia universitaria no barrio implicará a necesidade de reforzar algunhas liñas ou prever novas conexións co campus de Elviña, sobre todo durante o curso académico e nos horarios e datas de maior afluencia, para permitir a conexión dos estudantes cos seus centros universitarios. O anterior será xestionado polo Concello da Coruña desde o Plan de mobilidade urbana sostible.

A documentación íntegra da modificación do PXOM aprobada poderase consultar no enderezo electrónico www.coruna.gal/urbanismo, na parte «planeamiento/planeamiento vigente».

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 31 de maio de 2017

O alcalde
P.D. (Decreto de 15.6.2015)
Xiao Varela Gómez
Tenente de alcalde da Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda