Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 5 de xullo de 2017 Páx. 32713

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de xuño de 2017, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se anuncia a toma de posesión provisional dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Santiago de Verea (Verea).

En cumprimento do disposto polo artigo 37 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, e da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar a toma de posesión provisional dos novos predios resultantes do proceso de concentración parcelaria da zona de Santiago de Verea (Verea, Ourense) con data 14 de xullo de 2017.

As datas para tomar posesión dos predios son as seguintes:

1. Para terreos de prado, pasteiro, labradío sen colleita e monte, o día 14 de xullo de 2017.

2. Para os restantes terreos, no momento en que, segundo o costume, se retiren as colleitas actuais.

Importante: a data límite para a retirada das arbores é o día 15 de outubro de 2017; deberá contarse co preceptivo permiso do Servizo de Montes e co informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza, no caso de especies autóctonas protexidas.

No prazo de dous meses contados a partir do seguinte ao da recepción da presente notificación, poderá reclamar por defecto de superfice nos predios que lle foron atribuídos, xuntando unha medición pericial asinada por técnico competente, sobre diferenzas de superficie superiores a unha marxe de tolerancia variable entre a medición in situ e a que conste no boletín de atribucións dos novos predios, conforme o disposto no dito artigo 37.

Importante: as persoas propietarias das parcelas de achega deben permitir aos titulares dos novos predios o acceso a eles para proceder, no prazo dos dous meses arriba sinalado, á súa medición.

Debe terse en conta que:

1. A falta de superficie dun predio non será compensada cando exista exceso de superficie no conxunto dos predios atribuídos ao mesmo propietario e esta sexa suficiente para compensar en valor de puntuación o conxunto das atribucións.

2. A falta de superficie en terreos de núcleo rural (total ou parcialmente) será compensada nesta mesma clase. No caso de non existir dispoñibilidade de terreo deste tipo e o mesmo titular ten exceso de superficie en terreos doutra clase, a compensación farase sobre os ditos terreos.

3. Non se admitirá reclamación no caso de que o predio obxecto dela coincida exactamente, na súa delimitación cartográfica, coa parcela achegada polo mesmo titular.

4. Impedir ou obstaculizar a toma de posesión é considerado unha infracción moi grave (artigo 90 da Lei 4/2015) sancionada con multa de 1.501 a 6.000 euros.

5. Sen prexuizo do indicado no punto anterior, a toma de posesión poderá darse, logo de apercibimento, mediante compulsión directa sobre a/s persoa/s que o impida/n.

6. Os planos do acordo e as coordenadas dos marcos están acesibles na internet na páxina web da Consellería do Medio Rural no enderezo:

http://mediorural.xunta.gal/areas/infraestruturas/concentracionsparcelarias/publicacions

Ourense, 16 de xuño de 2017

Yago Borrajo Sánchez
Xefe territorial de Ourense