Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2017 Páx. 29267

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 1 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Smart Commerce de Galicia 2017 (código de procedemento IN214C).

BDNS (Identif.): 350539.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar aos premios os comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. Cada comerciante solicitará a participación nunha única categoría, para o cal marcará o recadro correspondente da solicitude.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Smart Commerce como un recoñecemento institucional e social a aqueles comercios que apostan por situar o cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos á súa disposición co fin de lle achegar a súa oferta.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

Destínase un total de 9.500 euros da aplicación orzamentaria 09.30.751A.480.0.

Os premios do Comercio de Galicia constarán das seguintes categorías:

a) Premio Smart Commerce Galicia, cunha contía de 3.000 euros, na cal se incluirá o premio correspondente á provincia.

b) Premio Smart Commerce Provincial, cunha contía de 1.500 euros por provincia.

c) Premio E-Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

d) Premio Social Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o da publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria