Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2017 Páx. 28716

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 31 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e ás entidades de iniciativa social, non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018.

BDNS (Identif.): 350462.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Confederacións e federacións cuxo obxecto social inclúa a promoción ou a realización de accións no eido das persoas con discapacidade e entidades de iniciativa social que, con análogo obxecto social, non se atopen asociadas nin federadas ás anteriores entidades de segundo nivel asociativo.

2. Confederacións e federacións referidas no parágrafo anterior que concorran conxuntamente con entidades de iniciativa social do seu ámbito federativo como agrupación de entidades, nos termos previstos polo artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Nos dous supostos anteriores, as persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas na área de persoas con discapacidade e na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais de Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Teren o domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.

Segundo. Finalidade

A finalidade destas axudas é a de contribuír á mellora da empregabilidade mediante a adquisición de habilidades e capacidades prelaborais das persoas con discapacidade maiores de 16 anos e cun nivel de discapacidade igual ou superior ao 33 %, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o desenvolvemento de proxectos que incidan nos seguintes ámbitos:

a) Promoverase o desenvolvemento da área persoal e social e/ou a área de formación básica e prelaboral.

b) Promoverase o desenvolvemento de accións previas que melloren as súas posibilidades de inserción laboral, como formación básica instrumental, formación para mellorar a autoestima e formación para mellorar as súas habilidades sociais en xeral.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e ás entidades de iniciativa social, non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018.

Cuarto. Importe

O importe das axudas previstas nesta orde ascende a 1.015.158 euros. Ano 2017: 586.903 euros. Ano 2018: 428.255 euros. A contía máxima concedida por proxecto formativo será de 60.000 euros.

Consonte o previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios ca a convocatoria, sen que implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Quinto. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social