Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2017 Páx. 28892

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 10 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a información pública a inclusión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na lista de zonas húmidas de importancia internacional (convenio de Ramsar).

O Convenio de Ramsar, ou Convenio relativo ás zonas húmidas de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, ten entre os seus obxectivos a conservación e uso racional das zonas húmidas. Cando un país se adhire ao Convenio –España é parte contratante deste convenio desde 1982– contrae unha serie de compromisos xerais de conservación das súas zonas húmidas e ten a obriga de designar polo menos unha zona húmida para ser incluída na Lista de zonas húmidas de importancia internacional.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, regula nos seus artigos 50, 51 e 52 as zonas húmidas de importancia internacional do Convenio relativo ás zonas húmidas de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, que terán a consideración de áreas protexidas por instrumentos internacionais.

Para a inclusión dunha zona húmida na Lista de zonas húmidas de importancia internacional (Lista Ramsar) séguese un protocolo de inclusión que se inicia coa remisión oficial da solicitude e termina co envío á Secretaría Ramsar da documentación técnica e cartográfica justificativa xunto co Acordo do Consello de Ministros e a súa publicación no BOE. Posteriormente, prodúcese a comunicación oficial da inclusión efectiva na Lista Ramsar e a remisión do certificado de inclusión.

A solicitude de inclusión na Lista Ramsar do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia foi remitida o 6 de marzo de 2014 ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e obtivo unha valoración positiva do Comité de Zonas Húmidas durante a súa 21ª reunión (18 de novembro de 2014) e pola Comisión Estatal do Patrimonio Natural e a Biodiversidade na súa reunión do 29 de xullo de 2015. A documentación técnica e cartográfica xustificativa na súa versión definitiva foi remitida ao Ministerio en novembro de 2016.

O Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico das zonas húmidas protexidas e se crea o Inventario de zonas húmidas de Galicia, establece na súa disposición adicional única que a declaración como sitio Ramsar dun humidal levará consigo automaticamente a súa consideración como zona húmida protexida cos efectos inherentes a esta declaración e que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciará de oficio o procedemento de declaración desta zona baixo a categoría de zona húmida protexida.

En virtude do establecido no artigo 50 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, sométese a información pública a inclusión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na Lista Ramsar, polo prazo dun mes, contado o devandito período desde a publicación deste anuncio, coa finalidade de que todos aqueles interesados que se consideren directamente afectados poidan remitir as súas alegacións mediante escrito, dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico iatlanticas@xunta.gal.

Durante o citado prazo, a documentación relativa á inclusión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na Lista Ramsar poderá ser examinada nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Pontevedra, avenida Fernández Ladreda, 43-1º-4º, 36071 Pontevedra.

– Sede do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Rúa da Oliva, 3, 36202 Vigo.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural