Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2017 Páx. 28739

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2017 pola que se convocan para o ano 2017 as subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

Esta resolución ten por obxecto a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria previsto no Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016 (en diante, Plan estatal 2013-2016).

Para estes efectos, debe terse en conta que no Boletín Oficial del Estado número 298, do 10 de decembro de 2016, se publicou o Real decreto 637/2016, do 9 de decembro, polo que se prorroga durante un ano o citado Plan estatal 2013-2016.

Estas axudas réxense pola Orde do 10 de xullo de 2015, na que se establecen as bases reguladoras aplicables a este programa, en atención ao previsto no artigo 13 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade co establecido nos artigos 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 13 da citada Orde do 10 de xullo de 2015,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións do programa de rehabilitación edificatoria para a anualidade 2017, código de procedemento VI422E.

2. Estas axudas están destinadas a subvencionar a realización de actuacións de rehabilitación que consisten na execución de obras e traballos de mantemento e intervención nas instalacións fixas e equipamento propio, así como nos elementos e espazos privativos comúns dos edificios de tipoloxía residencial colectiva que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que estean finalizados antes de 1981.

b) Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial.

c) Que, polo menos, o 70 % das súas vivendas constitúa o domicilio habitual das persoas moradoras.

3. Excepcionalmente, admitiranse neste programa os edificios nos que, sen cumprir as condicións anteriores, concorra algunha destas circunstancias:

a) Presenten graves danos estruturais ou doutro tipo, que xustifiquen a súa inclusión no programa.

b) Se destinen na súa totalidade ao alugamento durante, polo menos, 10 anos, contados desde a recepción da axuda.

4. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia competitiva, seguindo a orde de prelación que resulte da valoración prevista nas bases, ata esgotar o crédito dispoñible nesta convocatoria.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións do programa de rehabilitación edificatoria previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 10 de xullo de 2015, publicada no Diario Oficial de Galicia, número 136, do 21 de xullo.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, por importe de 2.734.497 €.

2. As achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Plan estatal 2013-2016, prorrogado polo Real decreto 637/2016, do 9 de decembro.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Actuacións subvencionables e as súas condicións particulares

Son subvencionables as actuacións dirixidas á conservación, á mellora da calidade e da sustentabilidade, así como á realización de axustes razoables en materia de accesibilidade, contidas no artigo 3 das bases e que, ademais, cumpran as condicións particulares sinaladas no artigo 4 das citadas bases.

Quinto. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas ou de entidades beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas que cumpran os requisitos sinalados no artigo 5 das bases reguladoras.

2. Cando as persoas beneficiarias sexan persoas físicas, deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo, de Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. As persoas estranxeiras non comunitarias deberán ter residencia legal en España.

3. Non poderán obter a condición de persoas ou de entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións; no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogara algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

4. Para o caso de que a entidade solicitante sexa unha comunidade de propietarios/as ou agrupación de comunidades de propietarios/as, os requisitos sinalados nos puntos anteriores deberán ser cumpridos por todos os seus membros.

Sexto. Contía das subvencións

1. A contía máxima das axudas determinarase en función do custo subvencionable da actuación prevista no edificio ou edificios, que comprenderá o custo total das actuacións subvencionables, nos termos previstos no artigo 3 das bases reguladoras.

2. A contía máxima das subvencións que se van conceder por edificio non poderá superar o importe de multiplicar 11.000 euros por cada vivenda e por cada 100 m2 de superficie útil de local, ou 12.100 euros cando se trate de edificios declarados Bens de Interese Cultural catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, e determinarase en función do previsto no artigo 7 das bases.

3. A contía máxima das subvencións que se van conceder por edificio non poderá superar o 35 % do custo subvencionable da actuación. Non obstante, no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, e só na partida correspondente á accesibilidade, poderase chegar ao 50 %.

Sétimo. Criterios de valoración

A avaliación dos expedientes realizarase de acordo cos criterios e puntuacións sinalados no artigo 8 das bases.

Oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Noveno. Solicitudes de subvención

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situado o edificio.

2. As comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presentasen a súa solicitude presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude a persoa ou a entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para o mesmo edificio e a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para este mesmo edificio e finalidade.

c) Declaración responsable de que non se lle revogara algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda, por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

d) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu Regulamento.

f) Para o caso previsto no resolvo primeiro punto 3.b) desta resolución, declaración responsable de que o edificio se destinará integramente ao alugamento durante un período de 10 anos.

g) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Décimo. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe no nome da persoa propietaria única do edificio.

b) Acta de constitución da comunidade de propietarios/as ou do documento de constitución como agrupación de comunidades de propietarios/as.

c) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as, no que se recolla, tanto o acordo de solicitar as axudas do programa de rehabilitación edificatoria, como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente á comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as, conforme o modelo que se xunta a esta resolución como anexo II.

d) Anexo III, debidamente cuberto, no que se relacionan as vivendas e locais do edificio e demais datos necesarios para a concesión da subvención.

e) Relación das persoas propietarias das vivendas e locais do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación, conforme o anexo IV. Neste anexo cubriranse, de ser o caso, as declaracións de non estar incursos/as en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e poderase asinar a denegación expresa para que a Administración realice as seguintes consultas:

– Os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. Para o suposto de ter denegada expresamente a súa consulta, deberase presentar a copia do documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE).

– Os datos de residencia no Sistema de verificación de datos de residencia. Para o suposto de ter denegada expresamente a súa consulta, deberase presentar o certificado de empadroamento que acredite a data da solicitude e as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda.

– Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o suposto de ter denegada expresamente a súa consulta, deberase presentar a documentación correspondente.

f) As solicitudes relativas a obras de conservación deberán achegar o anexo V de declaración responsable da composición da unidade de convivencia de cada unha das persoas propietarias. Neste anexo poderase asinar a denegación expresa para que o IGVS realice as seguintes consultas:

– Os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. Para o suposto de ter denegada expresamente a súa consulta, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

– Os datos de residencia no Sistema de verificación de datos de residencia. Para o suposto de ter denegada expresamente a súa consulta, deberase presentar o certificado de empadroamento que acredite a data da solicitude e as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda.

– Certificacións da AEAT acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e ingresos referidos ao último período impositivo, a non ter débedas baixo ningún concepto coa Administración estatal tributaria e as que deba emitir a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pago ningunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o suposto de ter denegada expresamente a súa consulta, deberase presentar a documentación correspondente.

No caso de que algún membro da unidade de convivencia non estivera obrigado a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola AEAT. No suposto de que non achegaran o citado modelo, deberase xuntar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, á cal deberá acompañar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas que estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do INEM e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

g) No suposto de que o edificio no que se proxecta realizar actuacións de accesibilidade e/ou mellora da calidade e sustentabilidade teña menos de oito vivendas e non se vaian acometer simultaneamente obras de conservación, deberase achegar, de ser o caso, conforme o anexo VI, declaración responsable de situación de discapacidade da persoa membro da unidade de convivencia en quen concorra esta circunstancia. Consultaranse os datos relativos á condición de discapacidade cando a persoa interesada o faga constar na solicitude. No caso de denegar expresamente a consulta ou de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberase presentar a documentación acreditativa da citada condición.

h) Informe de avaliación do edificio, cos contidos que figuran no anexo II do Plan estatal 2013-2016, ou documento análogo que inclúa todos os aspectos que forman parte do citado anexo, cubertos e subscritos por técnico/a competente e emitidos con anterioridade á presentación da solicitude da axuda.

i) Proxecto redactado por técnico/a competente ou memoria das actuacións que se vaian realizar, agrupando as partidas que se vaian executar en capítulos, segundo o establecido no artigo 3 das bases. O proxecto ou memoria identificará o edificio, así como os datos que se refiren na solicitude e incluirá fotografías que amosen os elementos que se rehabilitarán.

l) Certificado do inicio das obras, no caso de obras iniciadas con anterioridade á data da resolución da convocatoria.

m) No caso de edificios declarados bens de interese cultural catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, deberase presentar a documentación xustificativa destas circunstancias.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa ou a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas ou as entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos contidos aos que se refire o documento.

Décimo primeiro. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que presentasen a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas ou as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, se seguirán para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano.

Décimo segundo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa representante.

b) Certificacións da AEAT, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas e ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. Cando as persoas e as entidades interesadas se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

Décimo terceiro. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situado o edificio en que se realicen as actuacións. Para a selección das persoas e das entidades beneficiarias constituirase unha comisión de valoración, composta polas persoas sinaladas no artigo 12.2 das bases.

2. Correspóndelle a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo cuarto. Requirimentos de emenda

De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Décimo quinto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas ou das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa ou da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver e notificar a concesión da axuda será de 3 meses, contado desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas e as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia do IGVS nun prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sétimo. Xustificación e pagamento das subvencións

1. A persoa ou a entidade beneficiaria comunicará á área provincial do IGVS na que se tramita o expediente o remate das obras nun prazo máximo de 30 días, contados desde a súa finalización ou desde o prazo máximo outorgado para a súa terminación na resolución de concesión da subvención, con indicación do nome, enderezo e NIF da empresa que as executou, conforme o anexo VII desta resolución, ao que deberá xuntar a seguinte documentación:

a) Fotografías que amosen as obras realizadas.

b) Memoria na que se describa as actuacións realizadas e nas que se xustifique, de ser o caso, o aforro enerxético derivado da actuación.

c) Facturas das persoas provedoras que deberán reflectir de xeito desagregado o seu importe e a súa descrición conforme o anexo VIII.

d) Documentos bancarios acreditativos do pagamento das facturas presentadas. Non se admitirán pagamentos en efectivo, nin se admitirán como xustificantes os obtidos a través da rede internet, se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos de verificación na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) Certificacións de todas as persoas propietarias das vivendas e locais que deban emitir a AEAT, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para o suposto de ter denegada expresamente ao IGVS a consulta.

f) Licenzas e/ou autorizacións preceptivas.

g) Certificado do inicio das obras, no caso de non ter iniciadas as obras con anterioridade á resolución da convocatoria.

h) Certificado do remate das obras.

i) Copia de tres ofertas de diferentes provedores, no suposto de que o importe do custo a executar supere a contía de 30.000 €. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e deberase xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

j) Documento que acredite a inscrición no Rexistro da Propiedade da carga de destinar cada unha das vivendas do edificio ao alugamento durante 10 anos, para o suposto concreto dos edificios destinados integramente ao alugamento.

2. O prazo para a xustificación material e documental da finalización das actuacións de rehabilitación será, en todo caso, o 30 de novembro de 2017. Unha vez transcorrido o prazo indicado sen que a persoa ou a entidade beneficiaria presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriraa para que a presente nun prazo improrrogable de 10 días.

3. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa ou da entidade beneficiaria sinalada para estes efectos no anexo I.

Décimo oitavo. Notificacións

1. As comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as súas persoas representantes están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos só por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante deberán manifestar expresamente, no anexo I, a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo noveno. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas e as entidades interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento e de informar as persoas e as entidades interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, Polígono das Fontiñas, 15707, Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: rehabilitacion.igvs@xunta.gal

Vixésimo. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas e das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Vixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file