Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 12 de xuño de 2017 Páx. 28494

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se acorda someter a información pública o Plan de emerxencia exterior de Syngenta España.

En aplicación do disposto no artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, e do disposto nos artigos 4 e 5 do Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control de riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, deben someterse ao correspondente procedemento de información pública os Plans de emerxencia exterior dos establecementos en que estean presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ás especificadas na columna 3 das partes 1 e 2 do anexo I do citado Real decreto 840/2015.

Atendendo á documentación remitida polo industrial a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior revisou e actualizou o Plan de emerxencia exterior de Syngenta España.

En consecuencia, e de conformidade co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter ao trámite de información pública por un período de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, o Plan de emerxencia exterior de Syngenta España, no Porriño e Mos, Pontevedra, para a presentación de cantas alegacións se consideren oportunas.

Para efectos de cumprir o previsto no artigo anterior, o Plan de emerxencia exterior estará dispoñible na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, na rúa Roma 25-27, do Polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela, e pode tamén ser consultado no enderezo web http://cpapx.xunta.es/plans-de-emerxencia.

Segundo. As alegacións deberán dirixirse en igual prazo á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, na rúa Roma 25-27, do Polígono das Fontiñas CP 15781, Santiago de Compostela, e serán presentadas na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2017

Luis Menor Pérez
Director xeral de Emerxencias e Interior