Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2017 Páx. 27929

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se amplía a declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Muxía I, no concello de Muxía (expediente IN661A-2004/009-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de EDP Renovables España, S.L.U. en relación coa solicitude de ampliación da declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións referidas ao proxecto do parque eólico Muxía I (en diante o parque eólico), constan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 8 xuño de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, declarouse a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fase), promovido por Desarrollos Eólicos, S.A. e sito no Concello de Muxía (DOG núm. 154, do 13 de agosto).

Segundo. O 1.9.2016, EDP Renovables España, S.L.U. solicitou a ampliación da declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico.

Terceiro. Mediante Resolución do 20 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse a construción do proxecto modificado do parque eólico.

Cuarto. Por Resolución do 29 de setembro de 2016, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de ampliación da declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, das instalacións referidas ao proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22.11.2016, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 14.10.2016 e no xornal La Voz de Galicia do 28.10.2016. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial da Coruña e no Concello de Muxía.

No Diario Oficial de Galicia do 6.3.2017, e no Boletín Oficial del Estado do 9.3.2017 publicouse o Anuncio do 16 de febreiro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, de notificación de información pública do expediente IN661A 2004/009-1.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

1. Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, na maior parte en relación coa titularidade das parcelas, e cos enderezos para os efectos de notificacións.

2. Alegacións respecto aos contratos de arrendamento entre os afectados polo parque eólico e EDP Renovables España, S.L.U., basicamente, en relación coa súa vixencia, coas súas cláusulas, coas súas modificacións, coas negociacións entre as partes, etc.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con respecto ás alegacións presentadas durante o período de información pública, visto o contido destas e as respostas do promotor, cómpre indicar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, compre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, e que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a acreditación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...).

2. No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegue a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico Muxía I, de 46 MW, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito cuarto:

Clemente Leira Paz, o 24.10.2016; José A. Leira Paz, o 7.11.2016; Carmen Alvarellos Gándara, o 8.11.2016; Elisa Lina Lago Fandiño, o 8.11.2016; Irma Grille García, o 8.11.2016; Eladina Hermosinda García Montero, o 8.11.2016; Elías García Montero, o 8.11.2016; Natalia Esperanza Soneira González, o 10.11.2016; Manuel Bermúdez Pose, o 15.11.2016; Áurea Amelia Areas Alvarellos, o 15.11.2016; María Dolores Canosa Fandiño, o 16.11.2016; María de la Barca Paz Gómez, o 16.11.2016; Herdeiros de Aurelio Serrano Barrientos, o 16.11.2016; Manuel Canosa Fandiño, o 17.11.2016; Herdeiros de Manuel Alejandro Baamil García, o 21.11.2016; María Teresa Bermúdez Graíño, o 22.11.2016; José Manuel Bermúdez Graíño, en representación de Amelia Generosa Graíño Calo, o 22.11.2016; María Concepción Leira Pérez, o 23.11.2016; Anselmo Canosa Romero, o 23.11.2016; María Jesús Lema Conde, o 30.11.2016; Elsa Trasmonte Castiñeira, en representación dos herdeiros de José Grille García, o 30.11.2016; María Pilar Martínez Senra, o 28.12.2016.