Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Begasa.
Domicilio social: Ramón Mª Aller Ulloa 9, 27003 Lugo.
Denominación: reforma e telemando CD Acea de Olga 1 (12795).
Situación: concello de Lugo.
Características técnicas:
1. Reforma do CT existente non prefabricado Acea de Olga 1, cunha potencia máxima admisible de 630 kVA e unha potencia instalada de 630 kVA, no cal se reforma o depósito de recollida de aceite, desmontaxe de aparellaxe, ferraxes e anteparos, construción dun anteparo de protección de transformador, pintado de paredes, chan, teito e porta de entrada, protección do condutor MT/BT. Realízase un circuíto de terras interior, circuíto de emerxencia e iluminación, armario de BT e ampliación.
2. Telemándanse tres celas de liña correspondentes á LMT dirección Acea de Olga 18, LMT Acea de Olga 2 e LMT dirección Veterinaria 3.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro (BOE núm. 310) do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan dos decretos 129/2015, do 8 de outubro (DOG núm. 194, do 9 de outubro) e do 175/2015, do 3 de decembro (DOG núm. 232, do 4 de decembro), polos que se crea e establece a estrutura orgánica da Consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG núm. 22, do 1 de febreiro) sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, resolve:
Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no seu proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente, independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial e outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.
Lugo, 16 de maio de 2017
Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo