Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2017 Páx. 27009

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2017 pola que se aproba a proposta motivada do Concello do Grove de declaración dese municipio como zona de grande afluencia turística.

Vista a solicitude presentada polo Concello do Grove para a determinación do dito concello como zona de grande afluencia turística de acordo co disposto no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en consideración os seguintes

Feitos.

1º. Con data do 8 de marzo de 2017 ten entrada un escrito do Concello do Grove polo que remite á Consellería de Economía, Emprego e Industria o acordo adoptado na sesión plenaria do 27 de febreiro de 2017, no cal se solicita a declaración de zona de grande afluencia turística para o concello do Grove na súa totalidade, durante os períodos de Semana Santa, tempada de verán (do 1 de xuño ao 31 de agosto) e o período coincidente coas datas de celebración da Festa do Marisco, na franxa horaria comprendida entre as 9.00 e a 01.00 horas, para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais.

Xunto co acordo plenario, adoptado por maioría absoluta, o Concello do Grove achega os informes favorables da Cámara Oficial de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos do Grove, da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Grove (Emgrobes), da Federación Comarcal de Empresarios de Arousa (Feca), da Unión de Consumidores de Galicia, da Asociación de Amas de Casa e Consumidores O Noso Lar (comarcal do Salnés) da Delegación Comarcal do Sindicato UGT de Arousa, e a audiencia dada á Confederación Intersindical Galega (CIG, Unión Comarcal de Pontevedra).

2º. Con data do 17 de marzo de 2017, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria achega á Axencia Turismo de Galicia copia da documentación, ao mesmo tempo que solicita informe sobre o devandito expediente de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

3º. Con data do 19 de abril de 2017 ten entrada o informe da Axencia Turismo de Galicia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de autorización comercial autonómica, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. A determinación das zonas de grande afluencia turística realizarase conforme o procedemento e requisitos establecidos no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, no cal se sinala:

«Artigo 9. Determinación das zonas de grande afluencia turística

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano aos que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á que deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellaría competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta á que se refire a alínea 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido na alínea 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta á que se refire a alínea 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo».

Terceiro. O artigo 5.4 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, sinala con carácter básico:

«4. Para os efectos do establecido no apartado 1, as comunidades autónomas, por proposta dos concellos correspondentes, determinarán as zonas de grande afluencia turística para o seu respectivo ámbito territorial. Consideraranse zonas de grande afluencia turística aquelas áreas coincidentes coa totalidade do municipio ou parte del nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen residencia habitual.

b) Que teña sido declarado patrimonio da humanidade o no que se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

c) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

d) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

e) Proximidade a áreas portuarias nas que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

f) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sea o turismo de compras.

g) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen».

Cuarto. A proposta motivada do Concello do Grove, aprobada por maioría absoluta polo Pleno da corporación local, sinala como xustificación da solicitude as seguintes razóns:

– Que segundo a Resolución do 7 de outubro de 1999, publicada no DOG do 3 de xaneiro de 2000, o municipio do Grove se declara municipio turístico.

– Que o concello do Grove posúe un importante e amplo tecido empresarial no cal se encontra un gran número de hoteis de diversas categorías, restaurantes, bares e comercios.

– Que existe unha afluencia contrastable todos os anos de turismo no municipio grovense en épocas de Semana Santa, verán (1 de xuño a 31 de agosto) ou na festa de interese nacional denominada Festa do Marisco.

– Que as elevadas ocupacións de turismo no municipio do Grove son un piar básico en todo o tecido socioeconómico da vila e inflúen positivamenre en toda a comarca do Salnés.

Quinto. O informe para a determinación do Concello do Grove como zona de grande afluencia turística, do 7 de abril de 2017, emitido pola Axencia Turismo de Galicia sinala:

«(...) Ademais da súa privilexiada situación xeográfica, O Grove conta cunha grande variedade de recursos turísticos entre os cales destacan os espazos naturais protexidos –como o complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada ou Punta Carreirón–, a variedade de praias e pequenos areais, a illa da Toxa ou a gastronomía.

Conta tamén cunha ampla e importante oferta de produtos vinculados ao mar –deportes náuticos, rutas e visitas temáticas, paseos en barco, museos e centros expositivos como o acuario e sobre todo a gastronomía– así como ao termalismo e spa –con cinco establecementos de referencia neste ámbito–. A importante oferta de aloxamento de categoría alta xunto coa presenza de equipamentos e servizos asociados fan tamén do Grove un destino atractivo e importante para o turismo de reunións e congresos.

A notable presenza do mar como eixe da oferta turística do Grove reflíctese tamén na celebración de eventos. Destaca neste sentido a Festa do Marisco, que desde o ano 1963 se celebra no mes de outubro. Declarada festa de interese turístico nacional en 2013, constitúe un evento de referencia no ámbito gastronómico-cultural non só no Grove senón no resto da comarca e en toda Galicia pois conxuga e pon de relevo os piares básicos da economía local: o turismo e a pesca. Acolle fóra de tempada alta un importante volume de visitantes e consegue desta maneira ampliar o período de afluencia turística máis alá da Semana Santa e o verán.

A ampla variedade de recursos e produtos turísticos de diversa índole fan que O Grove sexa un destino de referencia no ámbito das Rías Baixas e tamén de Galicia. Reflíctese isto non só no importante volume de turistas que visitan e pasan a noite nel senón tamén no notable número de visitantes que recibe doutros destinos do seu contorno.

Consideramos que os parámetros da proposta da zona de grande afluencia turística e, por tanto, da aplicación do horario comercial son apropiados xa que se enmarcan na dinámica turística do concello e conta, ademais, co informe favorable da maioría das asociacións de comerciantes do concello, da Cámara de Comercio, asociacións de consumidores e sindicatos máis representativos.

Con base no exposto nos puntos anteriores, este centro directivo emite informe favorable á declaración do concello do Grove como zona de grande afluencia turística».

Vistos os precedentes citados e os demais de pertinente e xeral aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a proposta motivada do Concello do Grove de determinación de todo o municipio do Grove como zona de afluencia turística, durante os períodos de Semana Santa, tempada de verán (do 1 de xuño ao 31 de agosto), e o período coincidente coas datas de celebración da Festa do Marisco, na franxa horaria comprendida entre as 9.00 e a 01.00 horas, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Se desapareceren as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á súa revogación, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas); ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigo 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
P.D. (Orde do 10.6.2016; DOG nº 131)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria