Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2017 Páx. 26889

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2017, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica LAT soterrada 20 kV, evacuación parque eólico Canedo, no concello de Mondoñedo (expediente 020/2011 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Galfor Eólica, S.L., con enderezo para os efectos de notificación no parque empresarial Alvedro, R/E 8, 15180 Culleredo, A Coruña, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 24 de xuño de 2011, a citada empresa presenta o proxecto de execución da instalación eléctrica LAT soterrada 30 kV. Evacuación parque eólico Canedo e solicita a súa autorización administrativa e aprobación do proxecto. Posteriormente, o 10 de novembro de 2011 solicita á Dirección Xeral de Industria e Enerxía a modificación da distribución do parque eólico Canedo, Airas e Figueiras, que a autoriza por Resolución do 8 de marzo de 2012.

De acordo coa dita modificación, o 19 de xuño de 2012 a empresa solicita a autorización administrativa e aprobación dun novo proxecto de execución e o 28 de decembro de 2015 solicita a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica LATS 20 kV. Evacuación parque eólico Canedo. Co preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, presentouse a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 22 de novembro de 2016. Esta resolución foi publicada no xornal El Progreso e no BOP de Lugo, do 29 de decembro de 2016, e no DOG do 22 de decembro de 2016, así como no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Mondoñedo. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronse separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento nos decretos 129/2015, do 8 de outubro, e 175/2015, do 3 de decembro, polos que se crea e establece a estrutura orgánica da consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. A disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, sobre a normativa que resulta de aplicación no presente expediente, ao ser anterior á dita lei.

Terceiro. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997 e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a empresa Galfor Eólica, S.L. o establecemento da instalación eléctrica denominada LATS 20 kV. Evacuación parque eólico Canedo, no concello de Mondoñedo, coas seguintes características técnicas principais:

– LAT soterrada a 20 kV con orixe nunha cela de media tensión situada no aeroxerador C1 do parque eólico Canedo e final nunha cela de media tensión situada na subestación do parque eólico Airas, cunha lonxitude de 1.184 metros en condutor tipo DHZ1 16/20 kV. 3(1x400 mm²).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica LATS 20 kV. Evacuación parque eólico Canedo, visado o día 15 de xuño de 2012 co número CO121304 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado número 1898.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no xornal El Progreso e no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 29 de decembro de 2016 e no Diario Oficial de Galicia do 22 de decembro de 2016, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Mondoñedo. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito ante esta Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LATS 20 kV. Evacuación parque eólico Canedo presentado pola empresa Galfor Eólica, S.L.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán con carácter permanente as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, polo incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 60 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben cando, tentada a notificación, non se puidese realizar, e así dirixir ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de acordo coa súa disposición transitoria terceira, alínea c).

Lugo, 27 de marzo de 2017

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo