BDNS (identif.): 348687.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Obxecto
Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a subvencionar o funcionamento dos seguintes centros:
a) Escolas de música das cales sexan titulares os concellos.
b) Escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais.
Segundo. Requisitos
Poderán solicitar estas axudas os titulares dos centros de música sinalados no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2017.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 19 de maio de 2017 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música non dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (procedemento ED314E, para escolas de música das cales sexan titulares os concellos, e procedemento ED314D, para escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais).
Cuarto. Contía das axudas
Para as escolas de música dependentes de concellos a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de corenta mil euros (40.000 euros).
Para as escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de oito mil euros (8.000 euros).
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria