Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2017 Páx. 25500

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento PR809A).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e as desigualdades, precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e a equidade, en prol da configuración dunha cidadanía global. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos estatais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, aprobados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015 seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A devandita Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, establece como prioridade en materia de sensibilización e educación para o desenvolvemento a potenciación dos axentes de cooperación para o desenvolvemento de Galicia co fin de crear unha rede de solidariedade na nosa sociedade.

Do mesmo xeito, o III Plan director da cooperación galega 2014-2017 recolle como unha das súas liñas de actuación o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación.

Con estas bolsas preténdese apoiar a formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica das persoas tituladas universitarias con estadías na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, nos proxectos que co apoio da Xunta de Galicia se executen nos países prioritarios da Cooperación Galega ou nas unidades de cooperación no exterior (UCE) dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta Axencia e a Xunta de Galicia.

Neste senso, por medio desta orde establécense as bases reguladoras para a convocatoria de seis bolsas de formación na materia de cooperación internacional para o desenvolvemento. Pola súa vez, convócase a concesión das devanditas bolsas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 e aos correspondentes para o ano 2018, de acordo coas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Bases reguladoras e convocatoria

1. Aprobar as bases reguladoras para a convocatoria de bolsas destinadas á formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento que se inclúe no anexo I desta orde (código de procedemento PR 809A).

2. Convocar a concesión de seis bolsas de acordo coas devanditas bases reguladoras. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 98.000 euros, que se distribuirá do seguinte xeito: 95.000 euros (40.000 euros para o ano 2017 e 55.000 euros para o ano 2018) que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.480.0 e 3.000 euros (1.000 euros para o ano 2017 e 2.000 euros para o ano 2018) que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.484.0, que se destinará ao pagamento das persoas bolseiras e das cotas da Seguridade Social, respectivamente.

3. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 3.000 euros en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por continxencias comúns e profesionais.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Bolseiros/as de cooperación exterior» creado pola Orde do 1 de decembro de 2010 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 238, do 14 de decembro), cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a cooperacion.exterior@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional terceira. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

A todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Estas bases, a convocatoria e cantos actos administrativos deriven delas poderán im-pugnarse na forma e nos prazos establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira terceira

De conformidade co previsto no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira cuarta

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira quinta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de seis bolsas destinadas á formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento para o ano 2017

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou no exterior, nas unidades de cooperación no exterior (UCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

b) Estar en posesión dun título universitario de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou equivalente. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2008 ou posterior.

c) Non ter gozado anteriormente doutra bolsa de formación no eido da cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

d) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa, calquera que for esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, presentar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade á aceptación da bolsa.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas para as que se convocan as bolsas.

f) Non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 xuño).

Terceira. Solicitudes, documentación e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos da persoa solicitante incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• Consulta de datos de residencia da persoa solicitante.

• Verificación de títulos oficiais universitarios.

• Verificación de títulos oficiais non universitarios.

• Consulta de condición de bolseira/o.

• Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de presentar un título estranxeiro, validación pola Administración educativa española.

b) Certificación académica persoal de carácter oficial do título universitario co que se presenta á bolsa. Deberase presentar certificación expedida pola universidade en que conste a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (ata 10 puntos).

c) Currículo da persoa solicitante, en que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados. Os ditos méritos alegados no currículo que non estean acreditados documentalmente non serán tidos en conta sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base quinta.

d) Memoria sobre a materia de cooperación para o desenvolvemento, a acción humanitaria e/ou o sistema galego de cooperación, en que a persoa solicitante reflicta os seus coñecementos e intereses neses ámbitos. A devandita memoria debe presentarse cun interliñado de espazo e medio ou dobre espazo, cun tamaño de letra non superior a 14 puntos para o corpo do texto e cunha extensión total de entre dez e vinte páxinas máis a portada. A non presentación desta memoria suporá a exclusión da persoa candidata, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base quinta.

6. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán acompañarse dunha tradución xurada.

7. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. O prazo para a presentación da solicitude e a documentación sinalada no punto cinco da base terceira será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Cuarta. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e, neste caso, deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias, así como a lista de reserva e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Quinta. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se lle terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se realizará se das certificacións obtidas, de conformidade co punto un da base cuarta das bases reguladoras, resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e/ou coa Seguridade Social.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web http://www.cooperaciongalega.org (en diante, páxina web). Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as súas causas.

Sexta. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados na seguinte base, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación das bolsas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

Secretaría: unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais:

– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Unha persoa experta en cooperación para o desenvolvemento designada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Unha persoa designada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

3. A comisión de valoración constituirase na sede do dito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. A composición da comisión de valoración farase pública na páxina web.

5. A comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Sétima. Procedemento de adxudicación das bolsas e criterios de valoración

1. Na primeira fase a comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo, ata un máximo de 15 puntos:

a) Estudos de posgrao directamente relacionados coa materia obxecto das bolsas de formación. Por ter cursado un máster universitario, curso de posgrao universitario, Diploma de estudos avanzados ou curso de experto ou especialización universitaria, específico na materia de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria, oficial ou propio e cunha duración mínima de 250 horas: 4 puntos. Para estes efectos, considerarase que o enunciado de, polo menos, a metade de horas/créditos impartidos nestes estudos debe estar directamente relacionado co dito programa formativo.

b) Outras titulacións universitarias de grao ou posgrao. Por estar en posesión doutros títulos universitarios, distintos do establecido como requisito na letra b) da base segunda: 1 punto se a titulación está directamente relacionada coas materias obxecto das bolsas de formación e 0,5 puntos por titulación se non está directamente relacionada coas materias obxecto das bolsas de formación, cun máximo dun punto.

c) Expediente académico. Pola nota media do título universitario co que concorre á bolsa: 0,5 puntos para a cualificación de notable e 1 punto pola cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra.

d) Por coñecemento da lingua galega, ata un máximo de 1 punto. A valoración do certificado de nivel superior exclúe a do/dos certificado/s de nivel inferior:

• Por estar en posesión do certificado Celga 4, titulación equivalente ou superior: 1 punto.

• Por estar en posesión do certificado Celga 2, titulación equivalente ou superior: 0,5 puntos.

e) Por coñecemento do idioma inglés, francés e/ou portugués: ata un máximo de 2 puntos. A valoración do certificado de aptitude de nivel superior exclúe a do/s certificado/s de nivel inferior da mesma lingua:

• Por certificado de aptitude de nivel C1 ou C2: 1 punto.

• Por certificado de aptitude de nivel B1 ou B2: 0,5 puntos.

• Por certificado de aptitude de nivel A1 ou A2: 0,25 puntos.

f) Por cada curso de formación na materia de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria, de 18 ou máis horas, ata un máximo de 3 puntos:

• Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

• Cursos de duración igual ou superior a 40 horas e ata 74 horas: 0,5 puntos por curso.

• Cursos de duración igual ou superior a 18 horas e ata 39 horas: 0,25 puntos por curso.

g) Por cada curso de formación en ofimática, de 18 ou máis horas, ata un máximo dun punto.

• Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

• Cursos de duración igual ou superior a 40 horas e ata 74 horas: 0,5 puntos por curso.

• Cursos de duración igual ou superior a 18 horas e ata 39 horas: 0,25 puntos por curso.

h) Pola participación en proxectos de cooperación para o desenvolvemento ou acción humanitaria, calquera que fose a relación xurídica do participante coa entidade executora do proxecto: 0,25 puntos por cada mes, ata un máximo de 2 puntos.

A acreditación dos estudos/titulacións realizarase mediante copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante o correspondente certificado oficial expedido pola Escola Oficial de Idiomas ou institucións ou centros recoñecidos oficialmente, segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa (MCERL). Valorarase nesta epígrafe o título universitario oficial de grao ou equivalente dos idiomas referidos no punto 1.e) desta base.

Nos puntos referidos a idiomas, ofimática e cursos de formación relacionados co obxecto destas bolsas non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

A participación en proxectos de cooperación para o desenvolvemento e/ou acción humanitaria acreditarase mediante certificación expedida pola correspondente entidade onde se realizaron ou fotocopia compulsada do contrato ou contratos de traballo e certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, se é o caso.

A comisión non valorará aqueles méritos das persoas candidatas que non estean acreditados documentalmente, os cursos que non acrediten as horas de duración e os inferiores a 18 horas lectivas, os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares e aqueles que teñan data posterior á de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Unha vez avaliados pola comisión de valoración os méritos acreditados documentalmente, exporase na páxina web unha lista provisional ordenada polas puntuacións outorgadas. Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte á exposición na páxina web. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Despois de resolverse as reclamacións, publicarase na páxina web a lista definitiva coa puntuación obtida na fase de avaliación dos méritos xunto coa puntuación mínima para acceder á segunda fase.

3. A segunda fase consistirá nunha entrevista que será valorada de 0 a 5 puntos. As persoas preseleccionadas serán convocadas, mediante a publicación na páxina web, a participar na entrevista persoal coa comisión de valoración, na sede da Dirección Xeral, na que se valorará a defensa do/a aspirante da memoria sinalada no punto 5.d) da base terceira, o coñecemento da materia obxecto das bolsas e a súa capacidade de resposta, madurez, motivación e iniciativa. Para acceder a unha das bolsas convocadas será necesario acadar unha puntuación mínima de 2,5 puntos na dita entrevista.

4. A comisión valorará, unha vez realizada a entrevista e tendo en conta a formación e o perfil dos/as aspirantes e o coñecemento dos idiomas dos países en que o español non sexa a lingua predominante, a idoneidade de cada un/unha dos/as candidatos/as en función dos destinos propostos.

5. Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación na primeira fase.

b) A maior puntuación na segunda fase.

c) A maior antigüidade na data de obtención do título.

d) A maior idade da persoa solicitante.

Oitava. Resolución e notificación

1. A comisión emitirá un informe coa relación das persoas propostas entre as solicitantes que acaden unha maior puntuación, indicando os destinos propostos para cada unha delas, facéndoa pública mediante a inserción na páxina web. Incluirase unha listaxe de reserva, integrada polas persoas solicitantes valoradas cun mínimo de 2,5 puntos na fase de entrevista, segundo a orde de puntuación consecutiva, que se terán en conta para os supostos de renuncias ou baixas dos/as adxudicatarios/as.

2. O órgano instrutor, de acordo co informe da comisión de valoración, elaborará a proposta de resolución e elevaraa ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que ditará resolución, de acordo co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de catro meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Novena. Aceptación e renuncia

1. Recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, as persoas adxudicatarias das bolsas deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de dez días hábiles.

Transcorrido o dito prazo, se as/os beneficiarias/os non se declaran en ningún sentido, entenderase que aceptan a bolsa.

2. No suposto de que as persoas adxudicatarias non acepten a bolsa, ou renuncien unha vez aceptada, esta poderá ser adxudicada á/ao seguinte aspirante que figure na listaxe de reserva en función da súa puntuación, procedéndose, do mesmo xeito, no caso de renuncias sucesivas.

3. De non presentarse solicitudes, ou de non acadar as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos ou na fase de entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

4. A renuncia durante a vixencia da bolsa, que deberá comunicarse con, polo menos, un mes de antelación á data en que desexa facela efectiva, mediante escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Décima. Duración das bolsas, obrigas das persoas beneficiarias, plan formativo e contía da bolsa

1. Duración das bolsas.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2017 e 2018 cunha duración máxima de doce meses, con data de inicio prevista o 1 de setembro de 2017, logo de aceptación por parte da persoa solicitante que resulte seleccionada.

2. Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Achegar, xunto coa aceptación da bolsa no prazo sinalado na base novena punto un:

• Certificado médico oficial que acredite non padecer enfermidade nin estar afectada por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas obxecto da bolsa.

• Acreditación de dispoñer dun seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, con cobertura internacional para as persoas bolseiras destinadas no exterior e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da devandita cobertura.

• Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa, segundo modelo anexo III.

b) Presentar antes do primeiro pagamento e de cada un dos pagamentos mensuais:

• Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo modelo anexo III.

• Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade autónoma, segundo modelo anexo III.

c) Obter, pola súa conta, o visado necesario para o acceso e permanencia no país de destino durante o período de goce da bolsa, así como respectar a lexislación correspondente en materia de visados.

d) Presentarse persoalmente ante o responsable da súa formación no destino adxudicado, no prazo máximo de dez días naturais para as persoas destinadas no exterior e de tres días naturais para as destinadas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, a partir do día sinalado para o comezo da bolsa. No caso de atraso na súa incorporación, a mensualidade da bolsa poderá ser reducida proporcionalmente.

e) Residir no lugar de destino durante o período da bolsa e non ausentarse del sen comunicación previa e autorización da persoa responsable da formación da persoa bolseira.

f) Desempeñar as actividades de formación obxecto da bolsa, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice o responsable da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea xunto co responsable do organismo onde a persoa bolseira realice as súas prácticas.

g) Entregar mensualmente ao responsable da formación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea un informe da actividade realizada.

h) Desprazarse, cando así o acorde o responsable da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou do organismo onde realiza a formación.

i) Utilizar os medios dispoñibles no lugar onde estea a desenvolver a bolsa para a realización das actividades formativas.

j) Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

k) Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

l) Non colaborar con ningún axente da cooperación dos establecidos no artigo 23 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

m) Presentar á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, no prazo máximo dun mes desde a finalización do período de formación, unha memoria detallada resumo das actividades realizadas no seu destino.

n) Cumprir as demais obrigas que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Plan formativo.

Unha vez incorporada ao seu destino, a persoa bolseira desenvolverá o plan formativo establecido. O dito plan incluirá, polo menos, unha primeira parte en que a persoa bolseira se formará na estrutura, estratexias e programación da institución/organización de que se trate. A segunda parte do plan formativo permitiralle formarse na práctica das fases do ciclo dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento (identificación, formulación, seguimento e avaliación final).

A persoa titular do servizo de Formación e Coordinación Institucional da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea será a encargada de deseñar o plan formativo e de asesorar, orientar, dirixir e coordinar as tarefas da persoa bolseira, así como de avaliar o cumprimento dos obxectivos previstos no dito plan.

De ser o caso, as persoas beneficiarias desprazaranse á sede principal do organismo onde realicen as súas prácticas durante un período a establecer pola Dirección Xeral, co fin de coñecer aos responsables nos países onde se van realizar as estadías de formación, así como a estrutura, as estratexias e os programas do organismo correspondente.

4. Contía.

O importe da bolsa será de 1.200 euros brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan no exterior e 1.000 euros brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral, que se farán efectivos polo importe líquido tras realizar a retención fiscal e da cota obreira que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días.

As persoas bolseiras destinadas no exterior recibirán en concepto de aboamento dos gastos de viaxe, primeiro establecemento, visados, vacinación, seguros, desprazamentos internos ou calquera outro necesario no desenvolvemento da bolsa unha contía máxima de 3.000 euros para cada un dos destinos propostos, que lles será aboada con anterioridade á primeira mensualidade da bolsa.

Esta axuda de viaxe ten a consideración de pagamento anticipado, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os gastos sinalados anteriormente terán que ser realizados e xustificados antes do 15 de decembro de 2017, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Do mesmo xeito, no caso de existir dispoñibilidade orzamentaria, poderase facilitar ás persoas bolseiras a asistencia a cursos de formación ou a realización de misións específicas que a Dirección Xeral xulgue convenientes, mediante o aboamento dos gastos ocasionados con motivo desas actividades, logo de xustificación documental deles. Estes gastos deberán ser realizados e xustificados antes do 15 de decembro de 2017, no caso de cursos ou misións realizados na anualidade 2017 e antes do 30 de agosto de 2018, no caso de cursos ou misións realizados na anualidade 2018, de acordo co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Os billetes axustaranse sempre ás tarifas máis económicas.

Os gastos sinalados nos parágrafos anteriores acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, de acordo co disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Décimo primeira. Aboamento das bolsas

1. O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, tras a presentación da correspondente certificación da dirección xeral do bo aproveitamento das prácticas, de acordo coa emitida polo responsable do proxecto a que está adscrita a persoa bolseira e dos documentos que se sinalan na base décima punto 2.

2. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa beneficiaria percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

3. Os pagamentos serán xestionados pola Habilitación da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de xeito que os documentos contables sexan expedidos a favor desta para facer fronte ao pagamento das bolsas.

Décimo segunda. Natureza xurídica da relación e incompatibilidades

1. A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica ou a Administración xeral do Estado e a persoa beneficiaria, sen prexuízo da alta no réxime xeral da Seguridade Social de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

2. Estas bolsas son incompatibles co goce doutras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados para os mesmos fins, así como coa percepción de calquera retribución de carácter laboral ou da prestación por desemprego. Permitiranse, non obstante, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos ou premios).

Décimo terceira. Cláusula xeral, modificación da resolución, revogación e renuncia

1. A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

4. A revogación da bolsa obrigará á persoa beneficiaria, se é o caso, ao reintegro das cantidades percibidas, incluídos os xuros de mora, logo de instrución do procedemento de reintegro previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia, e no título V do regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

5. A renuncia á bolsa dará lugar á perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

Décimo cuarta. Control e publicidade

1. As persoas beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

2. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoas beneficiarias, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Décimo quinta. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outros posibles interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

missing image file
missing image file
missing image file