Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 2017 Páx. 24098

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 28 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2017.

BDNS (Identif.): 346195.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse desta prórroga aquelas persoas que obtivesen unha subvención ao abeiro da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 pola que se convocaron as subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016, e que gozasen desta axuda ata o 31 de decembro de 2016, así como aqueloutras persoas ás cales se lles recoñecese con posterioridade unha prórroga desta axuda en virtude da Orde do 18 de xullo de 2016. Será preciso que nun e noutro caso non perdesen o seu dereito ao cobramento da axuda mediante a oportuna resolución.

Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Que sexan titulares, en condición de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda e, pola súa vez, esta constitúa a súa residencia habitual e permanente.

2. Que o límite de ingresos da súa unidade de convivencia non exceda 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

3. Que as persoas membros da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Que non estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Que a renda mensual da vivenda que teñen alugada non supere os seguintes límites:

1) 600 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

2) 500 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo; Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro; Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

3) 400 euros, se a vivenda está situada en calquera outro concello de Galicia.

Segundo. Finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión da prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016, código de procedemento VI432A.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria da prórroga destas axudas.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras para a concesión das prórrogas do Programa de axuda ao alugamento de vivendas son as establecidas por esta orde.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.480.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, por importe de 2.600.000 €.

2. A concesión da axuda estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Plan estatal 2013-2016, prorrogado polo Real decreto 637/2016, do 9 de decembro.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse dentro dos 30 días naturais seguintes ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda