Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 2017 Páx. 23250

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 3 de de maio de 2017 pola que se establecen as bases do programa Deseñando o teu futuro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, establece que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da xuventude.

Mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

O artigo 7 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, dispón que a Xunta de Galicia, cara á planificación xeral dos programas relacionados coa educación e coa execución de políticas transversais de educación a favor da mocidade, coordinará accións e medidas de apoio dirixidas á educación formal e á non formal. E constitúe un obxectivo prioritario, entre outros, desta planificación o apoio da educación non formal da xuventude como complemento da educación regrada, co obxecto de contribuír á aprendizaxe permanente.

A Consellería de Política Social considera prioritario apoiar a formación da xuventude para que adquira coñecementos e habilidades que axuden a completar o seu desenvolvemento persoal e futura formación, facilitando un primeiro contacto coa realidade laboral do seu contorno. Deste xeito, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado leva a cabo a promoción e organización de actividades no ámbito da educación non formal entre as cales se inclúe un programa de aproximación dos mozos e mozas galegos de entre 14 e 18 anos ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estadías-visitas en distintos sectores das empresas e entidades públicas ou privadas, facilitando, deste xeito, unha experiencia que lles permita decidir a súa traxectoria formativa profesional.

Así mesmo, esta convocatoria sométese ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, así como a Lei 1/2017, do 8 de febreiro de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión de axudas enmarcadas no programa Deseñando o teu futuro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento BS326A).

2. A finalidade das axudas é financiar os proxectos dirixidos a que os mozos e as mozas entre 14 e 18 anos realicen estadías-visitas non remuneradas nos distintos sectores das empresas/entidades públicas ou privadas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de que adquiran competencias, habilidades e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e a súa formación.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán solicitar estas axudas, ao abeiro destas bases reguladoras:

A) Entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que presten servizos á mocidade, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das entidades que as conforman.

B) Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituíren mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que non se atopen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Serán excluídas as persoas e entidades solicitantes que se atopen nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Os proxectos para os cales se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:

a) Deben ter como persoas destinatarias mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos con autorización do pai, da nai ou titor/a legal.

b) O período do proxecto será de dous meses e terá como data límite de realización o 15 de novembro de 2017.

c) A duración das estadías-visitas será entre 5 e 15 días hábiles. As xornadas diarias nas empresas serán de 4 horas como mínimo.

d) O número de mozos/as participantes non poderá ser superior a 15.

2. Os proxectos constarán de tres fases:

a) Organización e planificación, que inclúe entre outros, o proceso selectivo e a busca de empresas de acollida para as estadías-visitas.

b) A realización das estadías-visitas non remuneradas nos distintos sectores das empresas/entidades públicas ou privadas radicadas en Galicia que incluirá a titorización e o seguimento das estadías.

c) Avaliación e seguimento posterior que inclúe a visualización que se dará ao proxecto en particular e ao programa Deseñando o teu futuro en xeral.

3. No proxecto expresarase con claridade o número de participantes, a duración das estadías-visitas, a xornada diaria de cada estadía e a estimación do número de horas de actividades complementarias se as houber, ademais doutros aspectos que serán obxecto de baremación segundo o que establece o artigo 14.

4. Só se poderá presentar un proxecto por entidade solicitante.

5. Deberase ter en conta, á hora da redacción do proxecto e cara á súa posterior xustificación, o disposto no artigo 18.

6. Calquera das actividades desenvolvidas serán de carácter gratuíto para as persoas beneficiarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas, etc.

7. A entidade beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2005, do 8 de xaneiro. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas ditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda o cincuenta por cento do proxecto subvencionado.

Artigo 4. Orzamento

1. A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A distribución inicial de créditos farase do seguinte xeito:

a) 42.820,00 euros para entidades locais a cargo da aplicación 12.05.313A.460.0.

b) 24.485,00 euros para entidades sen ánimo de lucro, a cargo da aplicación 12.05.313A.481.0.

3. De producirse remanentes de crédito nunha das partidas indicadas no número anterior, reasignaranse as contías sobrantes na outra.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

A cantidade subvencionable a cada entidade calcularase a razón de:

a) 6 euros por participante día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza.

b) 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas, entre os cales se inclúen os preparativos da organización, proceso selectivo, busca de empresas de acollida, información tanto ás empresas como ás distintas asociacións e ás persoas participantes, titorías antes, durante e despois das estadías-visitas, asistencia e supervisión dos participantes; adopción de acordos específicos para garantir a calidade das estadías-visitas e gastos de seguros de accidentes e de responsabilidade civil dos/as mozos/as participantes.

Artigo 6. Incompatibilidades das axudas

Estas axudas son incompatibles con calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, destinadas a actividades similares, durante o período de realización do proxecto.

Cando o órgano instrutor teña coñecemento de que algunha entidade beneficiaria percibiu outra ou outras axudas incompatibles coa outorgada sen efectuar a correspondente renuncia, poderá exixir o reintegro desta axuda.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electróncia da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

3. No caso das entidades locais a solicitude poderá formalizala:

a) O/a alcalde/sa presidente/a ou a persoa en quen delegue;

b) O/a presidente/a da mancomunidade ou a persoa en quen delegue;

c) O/a representante legal da entidade resultante da fusión de municipios ou a persoa en quen delegue;

d) O/a representante que se estableza no acordo de cooperación, para os supostos previstos no artigo 2.1.B) desta orde, soamente un/unha deles/as en representación dos/as demais, logo da autorización de cada un dos concellos.

En calquera dos casos, a persoa solicitante deberá ser autorizada e designada polo pleno, pola xunta de goberno local da entidade peticionaria ou por un decreto da alcaldía.

4. Se é o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local deben indicar expresamente cal destas entidades debe considerarse como representante ou a cal deben dirixirse as actuacións administrativas. En ausencia de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar.

5. As entidades locais sinaladas nos puntos anteriores non poderán:

a) presentar a solicitude de subvención se o fixo unha entidade local en que estean integrados ou da cal dependan.

b) figurar en máis dunha solicitude colectiva.

c) figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.

O incumprimento destas normas dará lugar á inadmisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta. No caso de figurar en máis dunha solicitude conxunta, non será admitida ningunha delas.

6. Aquelas solicitudes conxuntas presentadas en calquera das modalidades previstas nos puntos anteriores nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta do proxecto obxecto de subvención e que supoñan realmente actuacións independentes de cada entidade local non serán admitidas a trámite.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Todas as entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxecto de actividades.

b) Cando se dispoña deles, presentaranse os acordos específicos con centros educativos, ANPAS e asociacións empresariais ou de comerciantes para garantir a calidade das estadías-visitas.

c) Cando se dispoña deles, presentaranse os acordos cos distintos sectores das empresas ou entidades públicas ou privadas onde se realizarán as estadías-visitas. Os acordos estarán asinados tanto pola entidade que presenta o proxecto como pola empresa ou entidade pública ou privada, e neles constará o compromiso para realizar as estadías visitas.

2. As entidades sen ánimo de lucro, ademais, deberán presentar:

a) Acreditación da súa lexitimación como presidente ou presidenta e representante da entidade, mediante a certificación do secretario ou secretaria da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a composición do órgano de dirección no momento da presentación da solicitude.

b) Documentación xustificativa de que ten sede permanente ou domicilio social en Galicia.

3. Os concellos, mancomunidades, agrupacións de concellos ou entidades resultantes da fusión de municipios:

a) Certificado do secretario ou secretaria que recolla o acordo do órgano competente de solicitude da subvención e se nomee un/unha representante se procede.

b) Certificación do secretario/a de ter remitido ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio da entidade local.

c) Para os municipios que se acollan á fórmula de solicitude regulada no artigo 2.1.B) desta orde, o documento en que se acorde a colaboración dos concellos, no cal se incluirá o nomeamento da persoa que actuará como representante e o certificado dos/as secretarios/as dos acordos do pleno ou da xunta de goberno en que autorizan o concello para que actúe como representante de todos eles para a petición da subvención.

d) No caso de entidades locais que presenten a solicitude mediante a fórmula de mancomunidade ou agrupación de concellos, debe achegarse declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma por parte de cada un dos concellos integrados nela (neste caso, empregarase o modelo que se inclúe na convocatoria como anexo II).

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

4. A documentación complementaria presentarase electronicamente. Os interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

d) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado tanto no anexo I como no anexo II, segundo corresponda.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Requirimento de documentación

A Consellería de Política Social poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aquela que, de acordo co artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xa se atope en poder da Administración actuante.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado requirirá a entidade solicitante para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fixer, considerarase que desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico teufuturo.ctb@xunta.gal

Artigo 13. Comisión de avaliación e órgano instrutor

1. A comisión de avaliación estará integrada polos/as seguintes membros:

a) Presidenta: a subdirectora xeral de Programas para a Xuventude ou persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

c) Vogais:

1º. A xefa do Servizo de Programas e Mobilidade Xuvenil.

2º. A xefa de Sección de Programas Europeos.

3º. Un/unha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/as compoñentes non puider asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

3. A comisión de avaliación poderá solicitar das persoas interesadas a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación dos proxectos.

4. Unha vez avaliados todos os proxectos admitidos a trámite, a comisión de avaliación correspondente emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación e a prelación dos proxectos por orde decrecente de puntuación.

No mesmo informe determinaranse os proxectos que non foron admitidos a trámite e a causa da dita inadmisión.

5. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Programas para a Xuventude.

Artigo 14. Criterios de avaliación

A concesión da subvención realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva, atendendo aos seguintes criterios:

Puntuación máxima

1. Adopción de acordos específicos entre centros educativos, ANPAS e asociacións empresariais ou de comerciantes para garantir a calidade das estadías-visitas.

1 acordo .................................... 8 puntos

2 acordo .................................. 10 puntos

3 acordos ................................ 12 puntos

4 ou máis acordos .................. 14 puntos

14

2. Dispoñer de empresa/s de acollida das estadías-visitas, no momento de realizar a solicitude.

1 empresa .................................. 4 puntos

2 empresas ................................ 6 puntos

3 empresas ................................ 8 puntos

4 ou máis empresas ................. 10 puntos

10

3. Número de mozos/as participantes nos proxectos.

De 1 a 4 participantes ................ 1 punto

De 5 a 8 participantes ................. 2 puntos

De 9 a 12 participantes ............... 3 puntos

De 13 a 15 participantes ............. 4 puntos

4

4. Duración das estadías.

De 5 días hábiles ....................... 1 punto

De 6 a 8 días hábiles ................. 2 puntos

De 9 a 12 días hábiles ............... 3 puntos

De 13 a 15 días hábiles ............. 4 puntos

4

5. Número de horas da xornada diaria.

De 4 a 5 horas ........................... 2 puntos

De 5 a 6 horas ........................... 4 puntos

4

6. Número de sectores do mercado laboral que comprende a actuación.

2 sectores .................................. 2 puntos

3 sectores .................................. 3 puntos

Máis de 3 sectores .................... 4 puntos

4

7. Actividades complementarias ás estadías-visitas que contribúan a mellorar a preparación dos/das mozos/as na busca de emprego ou na iniciativa emprendedora.

15

8. Sistemas de titorías e supervisión das persoas participantes que inclúan información e apoio aos mozos/as.

15

9. Emprego da lingua galega na preparación, desenvolvemento, execución e visualización do proxecto, nos materiais escritos e audiovisuais que se elaboren e nas canles de difusión utilizadas para dalo a coñecer.

5

I. Presentación da solicitude por unha mancomunidade ou agrupación de concellos, excluíndo a modalidade de fusión municipal.

1. Pola presentación da solicitude conxunta nos termos e requisitos recollidos no artigo 2.1.B) desta orde de convocatoria.

10

20

2. Por cada un dos concellos que se asocien para formular a solicitude, 2 puntos adicionais.

10

II. Ás entidades resultantes dos procesos de fusión de municipios a través da alteración de termos municipais a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, que presenten a solicitude conxunta para obter a axuda a través desta orde de convocatoria outorgaránselles 40 puntos adicionais. Esta puntuación é excluínte da reflectida no punto anterior.

40

Artigo 15. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución das axudas.

2. Ditaranse dúas propostas de resolución, unha para as entidades sen ánimo de lucro e outra para as entidades locais, e cada unha delas constará de:

a) As entidades solicitantes para as cales se propón a concesión da axuda, coa axuda máxima concedida. Esta concesión efectuarase, consonte a orde de prelación establecida no informe da comisión de avaliación, ata esgotar o crédito orzamentario correspondente en cada caso.

b) As entidades solicitantes cuxas solicitudes non foron admitidas a trámite ou foron excluídas e a súa causa.

3. As entidades solicitantes que non sexan propostas como adxudicatarias inicialmente por terse esgotado o crédito orzamentario correspondente pasarán a conformar unha lista de reserva, que formará igualmente parte da proposta de resolución, coa finalidade prevista no punto 5.

4. A relación provisional de entidades excluídas, a de admitidas e mais a lista de espera, coa puntuación obtida e a cantidade adxudicada, serán publicadas na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado http://xuventude.xunta.gal

As persoas interesadas terán o prazo dos 10 días hábiles posteriores á data da exposición pública da relación provisional para efectuaren as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da resolución definitiva na mesma páxina web.

5. No caso de se producir renuncias a estas axudas por parte das persoas e entidades beneficiarias, o órgano instrutor poderá realizar, se o considera oportuno, novas propostas de resolución de concesión destas aos beneficiarios e beneficiarias incluídos na lista de reserva prevista no punto anterior, con atención rigorosa á orde establecida nela.

6. Desde o 1 de agosto de 2017, malia a existencia das listas de espera, non se realizarán novas propostas de resolución para que se poidan rematar os proxectos das estadías-visitas no prazo máximo previsto do 15 de novembro de 2017

Artigo 16. Resolución

1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, quen, por delegación do conselleiro de Política Social e logo da fiscalización da intervención, ten a competencia para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución, que se notificará ás entidades solicitantes no prazo de cinco meses desde a publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

2. A notificación da resolución realizarase de acordo co establecido no artigo 11.

3. A resolución comprenderá o acto de outorgamento da axuda, que será efectiva desde o día seguinte ao da súa publicación.

4. Malia o anterior, para a efectividade da resolución, as entidades beneficiarias das axudas deberán presentar:

a) O anexo III cuberto aceptando ou renunciando á axuda, no prazo de 10 días hábiles, contados desde o seguinte á publicación da resolución de concesión, en calquera dos lugares e rexistros indicados no artigo 7.

Se a entidade beneficiaria acepta a axuda, marcará o cadro correspondente.

Cando se queira solicitar o pagamento anticipado do gasto previsto no artigo 19.2 terá que xustificalo no mesmo anexo III marcando o cadro previsto para o efecto.

b) O/s acordo/s coa/s entidade/s ou empresa/s públicas ou privadas, cando non se presentasen xunto coa solicitude, no prazo de vinte días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da resolución de concesión. Os acordos estarán asinados polas dúas partes e neles constará o compromiso para realizar as estadías-visitas. Estes acordos pódense enviar mediante correo electrónico dirixido a teufuturo.ctb@xunta.gal

5. As entidades beneficiarias que non presenten en prazo a documentación indicada no número anterior, necesaria para a efectividade da resolución, decaerán no seu dereito e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado declarará a perda do dereito á axuda sen que esta declaración dea lugar a ningún tipo de dereito indemnizatorio para a persoa ou entidade interesada, logo de resolución ditada nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. A resolución que declare a perda do dereito publicarase na páxina web http://xuventude.xunta.gal

6. A Consellería de Política Social reserva para si o dereito de controlar e comprobar a execución do proxecto de actividades cando o considere conveniente, así como de divulgar e de dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

7. En todo caso, a concesión das subvencións quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

8. As entidades solicitantes que resultasen inadmitidas ou que renunciasen á axuda disporán dun mes de prazo, desde o día seguinte ao da publicación da resolución, para retirar a documentación presentada, logo de solicitala por escrito dirixido ao órgano instrutor. Transcorrido este prazo, arquivarase o expediente.

Así mesmo, a partir do 1 de agosto de 2017, as entidades en lista de espera que non fosen propostas como beneficiarias tamén poderán retirar a documentación presentada, logo de presentar a solicitude e no mesmo prazo dun mes.

9. A resolución ditada neste procedemento pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se o acto for expreso; se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, ou impugnalas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución ou do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto (artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Realizar a totalidade do proxecto que fundamenta a concesión da axuda por si mesmas ou, en todo caso, respectar os límites que para a subcontratación establece o artigo 3.7 desta orde, posto en relación cos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a realización do proxecto, nos termos establecidos no artigo 18.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información se lles requira no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o proxecto subvencionado. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

9. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social; non ser debedor/a de acordo coa resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.

10. Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as cales se pide a axuda. Esta comunicación realizarase preferentemente a través do enderezo electrónico teufuturo.ctb@xunta.gal

11. Subscribir unha póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil para dar cobertura ás persoas participantes durante as estadías-visitas.

12. Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado as modificacións substanciais do proxecto concedido, sobre todo no que incida na minoración do número de participantes, os días da estadía-visita e o número de horas da xornada diaria.

13. Cumprir a obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de decembro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 18. Xustificación da axuda

1. Unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, as entidades beneficiarias procederán, ata o 30 de novembro de 2017, a xustificar a totalidade do proxecto avaliado pola comisión presentando a seguinte documentación:

a) Anexo IV debidamente cuberto e asinado, que consta de:

1º. Gastos de manutención e desprazamento da mocidade participante, con relación detallada de:

1º.1. Nome, NIF, sexo, idade e localidade onde reside a persoa participante.

1º.2. Nome do centro educativo e estudos que cursa, cando proceda. Noutro caso, estudos rematados.

1º.3. Nome do centro de traballo onde se realizan as estadías-visitas e sector do mercado laboral a que pertence.

1º.4. Número de días de duración das estadías e número de horas da xornada diaria.

1º.5. Total importe por participante.

2º. Gastos derivados da organización do proxecto, incluídos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes, con relación detallada do número, data e importe da factura, nome do acredor, concepto do gasto e data do pagamento.

b) Certificado emitido pola empresa/entidade pública ou privada en que constará a efectiva realización das estadías-visitas, así como o período en que se desenvolveron, o número de horas por día e as actividades levadas a cabo.

c) Autorización dos/das titores/as legais ou pais/nais da mocidade participante menor de idade para efectuar as estadías-visitas non remuneradas.

d) Memoria das actividades realizadas no proxecto de Deseñando o teu futuro que constará de:

1º. Resumo explicativo da realización efectiva do proxecto nas súas 3 fases: preparación, execución e avaliación de resultados. Deberá incluír unha reportaxe fotográfica ou audiovisual do desenvolvemento das actividades e unha mostra dos carteis empregados, se for o caso. Nestas reportaxes só poderán identificarse aquelas persoas participantes menores de idade para as cales os seus pais ou súas nais ou titores/as legais prestaran a debida autorización.

2º. Nome da persoa ou persoas encargadas de desenvolver o proxecto indicando nome e apelidos e funcións ou tarefas que desenvolveu.

3º. Explicación de como se fixo a difusión das actividades e a visibilidade do proxecto. Indicación das páxinas web e/ou redes sociais utilizadas para a súa difusión pública e, de ser o caso, achegarase a referencia das aparicións do proxecto nos medios de comunicación social.

4º. Xustificación do emprego da lingua galega no desenvolvemento das actividades do proxecto, nos materiais escritos e audiovisuais que se elaboren e nas canles de difusión utilizadas para dalo a coñecer.

5º. Calquera outra información que considere preciso incluír para obter unha visión global da avaliación do proxecto e que describa as dificultades e os apoios que se presentaron na execución do proxecto.

e) Declaración complementaria de non ter percibido outras axudas para a mesma actividade, das administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos entes ou sociedades.

f) Declaración de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non ser debedor/a de acordo coa resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegar a declaración de estar ao día no cumprimento das obrigas.

2. No caso de entidades sen ánimo de lucro, presentarán, ademais, a seguinte documentación:

a) Memoria económica en que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.

b) Acreditación dos gastos e pagamentos efectuados, mediante:

1º. Facturas orixinais dos gastos realizados ou documentos equivalentes. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario, polo que todas as facturas se deberán presentar xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse, ademais, acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade.

2º. Respecto dos gastos de manutención e desprazamento que fosen satisfeitos directamente ás persoas participantes, as entidades sen ánimo de lucro deberán presentar copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do pagamento onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu NIF/NIE e o concepto polo cal se retribúe.

3º. Respecto dos seguros, as entidades sen ánimo de lucro deberán presentar copias compulsadas dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil, dos/as mozos/as participantes no proxecto das estadías-visitas.

4º. Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal, achegarán necesariamente as copias compulsadas das nóminas, xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111. En canto ás partidas que se refiran a colaboracións de carácter temporal, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu NIF/NIE, o concepto polo cal se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.

5º. Cando se trate de persoas que colaboren en programas a cambio dunha gratificación, deberán presentarse as copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do gasto, nas cales constará o nome do programa ou actividade, así como os datos persoais que identifiquen a persoa colaboradora.

3. As entidades locais beneficiarias deberán presentar o custo real do proxecto realizado mediante unha conta xustificativa expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, na cal se faga constar, como mínimo, de forma detallada o seguinte:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) O informe da intervención da entidade local ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade, dos gastos realizados e que figuran na conta xustificativa da subvención, polos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación:

1º. Identificación do/a acredor/a.

2º. Número de factura ou documento equivalente.

3º. Importe e data de emisión.

4º. Data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5º. De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Para os efectos, e de acordo co artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, considerarase gasto realizado cando teña contabilizado o recoñecemento da obriga o órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas. Non obstante, no caso de realizarse pagamentos anticipados como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

4. Os órganos competentes da Consellería de Política Social poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a entidade beneficiaria non os remita dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 19. Pagamento da axuda

1. Unha vez recibida e comprobada a documentación, poderase proceder ao pagamento da axuda concedida.

2. De acordo co previsto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, faranse anticipos de pagamento do 80 % como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención a aquelas entidades que, unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, o soliciten expresamente, da forma e no prazo establecido no artigo 16.4.a) desta orde de convocatoria.

Artigo 20. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial nos termos e supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas no artigo 17.

b) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente, incorrecta ou fóra de prazo, tendo en conta neste caso os prazos adicionais outorgados pola lei ou dos requirimentos efectuados. Todo isto nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nesta orde.

c) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedirían.

d) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, así como dos compromisos asumidos por estes, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, en que se realiza a actividade, en que se executa o proxecto ou en que se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da axuda ou daqueles distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Reintegro proporcional ata un máximo dun 10 % do gasto subvencionable da epígrafe de gastos de organización no caso de incumprimento parcial das condicións establecidas no proxecto concedido.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 47 e 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 21. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES 82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 22. Incumprimentos e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes serán incluídas nun ficheiro denominado «Relacións coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través do enderezo electrónico sxt.politica.social@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social na directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional terceira. Ampliación dos créditos

A concesión das axudas e subvencións previstas para o ano 2017 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file