Os decretos 163/2015, 172/2015, 174/2015 e 179/2015, do 29 de outubro, establecen, respectivamente, os plans de estudo das ensinanzas artísticas superiores de Música, Deseño, Conservación e Restauración de Bens Culturais, e Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia. No artigo 5.2 dos ditos decretos establécese que, para os aspirantes que non cumpran os requisitos xerais de titulación para o acceso a estas ensinanzas, a consellería competente en materia de Educación, a través da dirección xeral correspondente regulará, convocará e organizará unha proba anual que acredite que o/a aspirante posúe os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas.
Ao abeiro do anterior, as ordes do 21 de novembro de 2016, polas que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, Música, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais, establecen no seu artigo 6.4 que a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores determinará a estrutura e contidos da proba que substitúe o requisito de titulación.
En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso do alumnado que se atope en tales circunstancias, para o curso escolar 2017/18, ás ensinanzas artísticas superiores de Música, de Arte Dramática, de Deseño e de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral
RESOLVE:
Convocar a proba de acceso substitutiva do requisito de titulación á que fai referencia o artigo 6 das ordes do 21 de novembro de 2016, polas que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Música, Arte Dramática, Deseño, e Conservación e Restauración de Bens Culturais, para o curso escolar 2017/18. A esta proba poderán presentarse os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharel ou equivalente, e non teñan superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e cumpran os 18 anos no 2017, agás os aspirantes ás ensinanzas superiores de Música, para os que a idade mínima de acceso é de 16 anos.
Primeiro. Inscrición para realizar a proba
a) A inscrición realizarase na secretaría dos seguintes centros educativos entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 31 de maio, ambos os dous inclusive:
– Conservatorio Superior de Música da Coruña.
– Conservatorio Superior de Música de Vigo.
– Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.
– Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.
– Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo.
– Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.
– Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
– Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
b) Para a formalización das solicitudes de admisión, os centros superiores facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto cunha copia compulsada do DNI ou NIE ou pasaporte.
c) Os centros superiores onde se realice a inscrición deberán enviarlle á dirección xeral, a través do correo electrónico sxapere@edu.xunta.es, o día 1 de xuño, a relación de persoas inscritas para realizar a proba de acceso, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade ou do documento acreditativo.
d) A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios de cada centro o día 1 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es.
e) Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional entre os días 2 e 5 de xuño, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizou a inscrición (ou a través do correo electrónico sxapere@edu.xunta.es).
f) A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 6 de xuño no taboleiro de anuncios de cada centro, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es.
Segundo. Desenvolvemento da proba
a) A proba de acceso realizarase o día 7 de xuño, ás 9.00 horas, no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela, de acordo co seguinte horario:
– 9.00 horas: presentación.
– Das 9.30 ás 10.30 horas: Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).
– Das 10.30 ás 11.30 horas: Lingua Castelá e Literatura.
– Das 12.00 ás 13.00 horas: Lingua Galega e Literatura.
– Das 13.00 ás 14.00 horas: Filosofía.
– Das 16.00 ás 17.00 horas: Historia de España.
b) As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e copia da folla de solicitude de inscrición.
Terceiro. Tribunal e cualificacións
a) A proba de acceso será administrada e avaliada polo tribunal que se recolle no anexo a esta resolución.
b) Os membros deste tribunal terán dereito á percepción de asistencias de acordo co establecido no capítulo IV do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.
c) A proba de acceso será cualificada cos termos de apto e non apto.
Cuarto. Admisión do alumnado
a) Unha vez concluída a proba, o tribunal publicará a listaxe provisional de persoas que superaron e non superaron a proba, o día 9 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es.
b) Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 12 e 13 de xuño, ambos os dous incluídos, ante o presidente do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través do correo electrónico sxapere@edu.xunta.es, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión.
c) As cualificacións definitivas publicaranse o día 15 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es.
d) Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Quinto. Emisión de certificación
Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes que superaron a proba, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa remitirá, o día 15 de xuño, os correspondentes certificados de ter superada a proba aos centros onde os aspirantes realizaron a inscrición.
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017
Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
ANEXO
Tribunal da proba de acceso ás ensinanzas artísticas superiores
Tribunal titular |
Tribunal suplente |
||
Presidenta |
Isabel Serna Masiá |
Presidente |
Manuel Guerra Fernández |
Secretaria |
Rosa Giao Sánchez |
Secretaria |
Mª Luz Ares Fandiño |
Vogal 1º |
Noemí Álvarez Villar |
Vogal 1º |
Sofía Viña Díaz |
Vogal 2º |
Mª Jesús Lorenzana Lamelo |
Vogal 2º |
Mª Teresa de Jesús Rey Rey |
Vogal 3º |
Carmen Meiriño González |
Vogal 3º |
Marta Coria Blanco |
Vogal 4º |
Manuel Ángel García Gómez |
Vogal 4º |
Manuel Mira Martínez |
Vogal 5º |
Julita Taboada Martínez |
Vogal 5º |
Esteban Calviño Louzao |
Vogal 6º |
Ricardo Pita Fernández |
Vogal 6º |
Victoria Cerviño Ferrín |