Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2017 Páx. 22408

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2017 pola que se publica a modificación da Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións, aprobada no Pleno ordinario do Consello de Goberno do 5 de abril de 2017.

A Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións da Universidade de Santiago de Compostela, aprobada polo Pleno ordinario do seu Consello de Goberno o día 15 de xuño de 2011 e contida na Resolución da mesma data que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 21 de xullo de 2011, xurdiu para adaptar as prescricións do Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario, mediante a incorporación de sistemas de avaliación acordes co, naquel momento, novo paradigma de ensino-aprendizaxe.

Transcorrido un período de tempo notable desde a entrada en vigor da dita normativa, é posible soster que a súa rixidez dificulta o remate dos estudos cando conflúen circunstancias de índole persoal nos/nas estudantes ou de carácter técnico nas materias, razón pola cal se reforman principalmente os artigos 10, 11 e 12, referidos aos procedementos de avaliación extraordinaria.

Polo anterior, o Pleno ordinario do Consello de Goberno acordou a modificación da Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións da Universidade de Santiago de Compostela, que se transcribe:

Artigo único

Un. O artigo 10 queda redactado como segue:

«Artigo 10. Actuación de oficio da Comisión de Oferta Docente e Innovación Educativa delegada do Consello de Goberno

1. A Oficina de Calidade e Mellora de Procedementos fará unha análise global do rendemento académico dos estudantes por centros e por materias en cada convocatoria, que será obrigatoriamente remitido e coa maior brevidade á Comisión de Oferta Docente e Innovación Educativa.

2. No caso de que o informe reflicta a porcentaxe de alumnos que superen unha disciplina que se desvía de xeito pronunciado por exceso ou por defecto da media establecida para cada titulación, a Comisión de Oferta Docente e Innovación Educativa solicitará inescusablemente aos profesores responsables da materia un escrito sobre os motivos do resultado académico, e porao en coñecemento do decanato ou a dirección do centro, remitindo copia do actuado.

3. Recibido o escrito dos profesores, a Comisión de Oferta Docente e Innovación Educativa poderá adoptar algunha das seguintes decisións:

a) A revisión extraordinaria das cualificacións outorgadas polos profesores a cargo doutros profesores da mesma área ou de áreas afíns da Universidade.

b) O sometemento ao Consello de Goberno dunha proposta de resolución motivada referida, entre outros aspectos, a cambios dos sistema de avaliación, de docencia, ou ao da programación.

4. A Comisión tamén actuará como se describe nos números dous e tres por queixa do alumnado ou da comisión de docencia ou de titulación do centro».

Dous. O artigo 11 queda redactado como segue:

«Artigo 11. Apoio titorial extraordinario

1. Anualmente a Universidade publicará a convocatoria para solicitar o apoio titorial extraordinario destinado a axudar os estudantes cara á superación daquelas materias que lles presenten especiais dificultades.

2. Poderán solicitar este apoio os estudantes que teñan pendentes de superación para o remate dos estudos do título un máximo de 18 créditos ou tres materias (exclúese do cómputo o traballo fin de grao ou fin de máster, as prácticas, as prácticas tuteladas e o practicum), e que esgotasen polo menos dúas convocatorias en cada unha delas.

3. Os alumnos matriculados en materias sen dereito a docencia tamén poderán acollerse ao apoio titorial extraordinario nas condicións descritas».

Tres. O artigo 12 queda redactado como segue:

«Artigo 12. Avaliación por un tribunal

1. O alumnado poderá ser avaliado por un tribunal nos supostos seguintes:

a) Se esgotou a terceira convocatoria de calquera materia e concorrese ás dúas precedentes.

b) Se existen circunstancias excepcionais debidamente acreditadas, tales como a enfermidade, o falecemento dun familiar, ou as cargas familiares que redunden nos seus estudos.

c) Se se aprecian as causas de recusación do profesor, consonte o artigo 28 do Estatuto do estudante universitario.

2. O decano designará o tribunal que estará formado do seguinte xeito:

– O decano ou persoa en que delegue, que o presidirá.

– O director do departamento ou persoa en quen delegue ou o coordinador do máster no caso de tratarse dunha materia deste tipo de título.

– Dous membros da área que imparte a materia. Excepcionalmente, poderán selo profesores procedentes doutras áreas.

– Un membro dunha área afín.

3. Inescusablemente, na designación do tribunal deberanse respectar as seguintes previsións:

a) No caso de títulos de grao, se a docencia da materia fose compartida por dous departamentos, formará parte do tribunal o director do departamento de maior carga docente.

b) Non poderán ser membros o profesor ou profesores que cualificaron o estudante nalgunha das tres convocatorias anteriores.

4. A avaliación versará sobre os contidos da programación académica establecida para a materia na última guía docente».

Tres. O artigo 13 queda redactado como segue:

«Artigo 13. Materias sen docencia

A avaliación dos estudantes sen posibilidade de docencia previa por acceder á convocatoria de fin de carreira realizaraa o profesor que impartiu a materia no curso anterior, ou quen determine o departamento, logo de modificación do POD. Os criterios de avaliación serán os do último curso con docencia e o programa deberá axustarse ao realmente impartido nese curso».

Catro. Os artigos 14 e 15 desaparecen por referirse ao apoio titorial extraordinario e á oportunidade de recuperación das materias dos antigos plans de estudos.

Cinco. O artigo 16 cambia a súa numeración e pasa a ser o 14; o artigo 17 cambia a súa numeración e pasa a ser o 15; o artigo 18 cambia a súa numeración e pasa a ser o 16; e o artigo 19 cambia a súa numeración e pasa a ser o 19.

Seis. Engádese unha disposición derradeira en substitución da anterior disposición derradeira que queda redactada como segue:

«Disposición derradeira

Esta modificación entrará en vigor coa súa publicación no DOG, tras ser aprobada polo Consello de Goberno».

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017

Juan M. Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela