Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 2 de maio de 2017 Páx. 21557

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de abril de 2017 pola que se publica o modelo actualizado de solicitude de complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/dos pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva para a súa presentación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ao abeiro do disposto no artigo 149.1.17ª da Constitución española, o Estado ten a competencia exclusiva en materia de réxime económico da Seguridade Social. No marco da dita competencia aprobouse o Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, polo que se establecen normas para o recoñecemento do complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/dos pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva.

O artigo 33.2 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que en materia de seguridade social lle corresponderá a Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado, non sendo as normas que configuran o seu réxime económico. Correspóndelle tamén á Comunidade Autónoma a xestión do réxime económico da Seguridade Social en Galicia, sen prexuízo da Caixa Única.

O Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, regula as normas necesarias para o recoñecemento, a tramitación e o pagamento do complemento anual da pensión previsto no punto IV.3 do anexo I.A do Real decreto lei 20/2011, do 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público.

O importe para o complemento de alugueiro será fixado anualmente na Lei de orzamentos xerais do Estado ou nunha norma regulamentaria no caso de que a Lei de orzamentos non se aprobe antes do primeiro día do exercicio económico correspondente.

O artigo 3 do Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, establece que a tramitación do procedemento para o recoñecemento deste complemento de pensión e a emisión da resolución que poña fin ao dito procedemento corresponde aos órganos competentes das respectivas comunidades autónomas, deputacións forais do País Vasco e Navarra e direccións territoriais do Instituto de Maiores e Servizos Sociais de Ceuta e Melilla, que teñen atribuída a competencia para a xestión das pensións non contributivas da Seguridade Social.

Na Xunta de Galicia, a Consellería de Política Social asume, de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, o exercicio das competencias en materia de asistencia social, e correspóndelle propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais incluíndo, entre outras, as políticas de benestar social e inclusión social. Especificamente, a través do órgano de dirección competente en materia de inclusión social, correspóndelle xestionar as prestacións económicas derivadas do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social, no relativo ás prestacións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.

De acordo co anterior e de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, revisouse o formulario de solicitude do procedemento BS650F «complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/dos pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva» e o procedemento de presentación na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto publicar o modelo actualizado de solicitude de complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/dos pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva para a súa presentación na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento BS650F).

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes poderanse presentar desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de cada ano.

Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A persoa pensionista, para o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 do Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, polo que se establecen normas para o recoñecemento do complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/dos pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva, deberá achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento que acredite a representación cando a solicitude a subscriba unha persoa distinta da persoa beneficiaria da pensión non contributiva.

b) Copia compulsada do contrato de arrendamento en vigor.

No caso de que xa fose presentado anteriormente non será necesario achegalo. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou o citado documento.

Se non existe contrato de arrendamento escrito, a condición de arrendatario xustificarase por outro medio de proba válido en dereito, sempre que este acredite a localización da vivenda, que debe coincidir coa residencia habitual do pensionista, a vixencia mínima do arrendamento dun ano, a identificación do arrendador e do arrendatario, con indicación do nome e apelidos, NIF e domicilio de ambos.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A través da carpeta do cidadán dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia as persoas interesadas poderán relacionarse electronicamente coa Administración competente e realizar os trámites necesarios para a tramitación do procedemento, consultar o seu estado de tramitación e coñecer os actos de trámite realizados.

5. Se a documentación achegada está incompleta, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, e arquivaranse as actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificado acreditativo de propiedades na oficina virtual do Catastro.

b) Certificado de empadroamento no Sistema de verificación de datos de residencia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Resolución e notificación

1. A resolución da concesión do complemento de pensión para o alugueiro de vivenda corresponderalle á persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Política Social que corresponda.

2. De conformidade co artigo 6.1 do Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, as resolucións ditaranse e notificaranse as persoas solicitantes no prazo máximo de tres meses, contado desde a data en que a solicitude teña entrada en calquera dos rexistros do órgano competente para a súa tramitación.

3. De conformidade co artigo 6.4 do Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, se, transcorrido o prazo máximo establecido, non se ditase e notificase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá as persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación, electrónica ou en papel. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores a presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Xestión de servizos sociais», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Actualización de modelos normalizados

O modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderá ser modificado co obxecto de mantelo actualizado e adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación deste modelo adaptado ou actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file