Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2017 Páx. 18372

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 342430.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte.

Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que teñan nacido en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos, con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as que teñan nacionalidade española e que estean vinculados con calquera concello galego no Padrón de residentes no exterior (PERE) ou no Censo electoral de residentes no exterior (CERA).

Excepcionalmente, para o caso de que estas persoas teñan que realizar unha viaxe e non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.

Segundo. Obxecto

A concesión de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega residentes no exterior, que carezan dos recursos económicos necesarios para atender unha situación sobrevida de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, que precisen dunha actuación urxente, para evitar ou paliar unha situación de necesidade ou exclusión social, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar por razón destas características.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de abril de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 20.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2017, ambos os dous incluídos.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración