Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2017 Páx. 17662

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Xinzo de Limia

ANUNCIO de aprobación inicial do estudo de detalle de iniciativa pública de modificación de aliñacións nunha área delimitada no solo de núcleo rural de extensión de Baronzás.

Aprobado inicialmente por acordo da Xunta de Goberno local do 20 de marzo de 2017 o Estudo de detalle de iniciativa pública de modificación das aliñacións nunha área delimitada no solo de núcleo rural de extensión de Baronzás, deste municipio, elaborado en outubro de 2016 pola arquitecta Yolanda Blanco Ramos e que o que se propón exclusivamente é completar e reaxustar as aliñacións establecidas no PXOM de Xinzo de Limia:

1. Suprímese a aliñación oficial fixada a 3,00 m da liña de cerramento na fronte da parcela. No seu lugar, establécese un recuamento mínimo de 3,00 m respecto da liña de cerramento.

2. Suprímese tamén o fondo máximo edificable establecido en 14,00 m. Non tería sentido por tratarmos dunha tipoloxía edificatoria de vivenda unifamiliar onde non se persegue a uniformidade.

3. Mantéñense os recuamentos exixibles a lindes laterais e posterior (3,00 m).

4. Non se modifican os parámetros xa establecidos de ocupación (25 %) e de edificabilidade (0,6 m2/m2).

En cumprimento do acordo da Xunta de Goberno local do 20 de marzo de 2017 e do artigo 80.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sométese o expediente a información pública polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao de publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o período de información pública, quedará o expediente á disposición de calquera que queira examinalo, para os efectos de que se presenten as alegacións e suxestións que se consideren pertinentes.

A aprobación inicial do estudo de detalle leva unida a suspensión do outorgamento de licenzas no ámbito afectado, suspensión que se extinguirá coa aprobación definitiva do estudo de detalle.

Xinzo de Limia, 21 de marzo de 2017

Antonio Pérez Rodríguez
Alcalde