Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2017 Páx. 17466

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de xaneiro de 2017 pola que se regulan as compensacións económicas ás persoas que exerzan a arbitraxe nos procedementos da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos.

A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, creada mediante o Decreto 101/2015, do 18 de xuño (DOG do 22 de xullo), é un órgano de carácter colexiado, dos previstos na Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, decisorio e de composición tripartita, integrado por representantes da Administración pública autonómica e das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten entre as súas funcións adoptar o acordo de designar unha persoa que arbitrará sobre como se vai resolver a discrepancia xurdida entre a empresa e a representación das persoas traballadoras, en canto á non aplicación das condicións de traballo pactadas nos convenios colectivos.

Esta nova posibilidade de solución de discrepancias confire a estas arbitraxes unha función de utilidade pública e interese social que impón a necesidade de compensación económica das persoas que exercen a arbitraxe.

A disposición adicional primeira do Decreto 101/2015, do 18 de xuño, dispón que a consellería competente atenderá os gastos de funcionamento da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, incluídas as compensacións ás persoas que exerzan a arbitraxe, cuxa regulación se desenvolverá mediante orde, con cargo ao seu orzamento ordinario, sen que, en ningún caso, supoña incremento de gasto público, o que se levará a cabo a través das partidas orzamentarias xa existentes para este fin.

Por outra banda, a disposición derradeira segunda do referido Decreto 101/2015, do 18 de xuño, faculta a persoa titular da consellería competente para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento e execución deste regulamento.

Á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, con base no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, que establece a súa estrutura, orgánica e a DT 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle a execución das competencias en materia de política laboral e relacións laborais.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos para a súa tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente orde é regular a compensación económica ás persoas que exercen a arbitraxe e que foron previamente designadas pola Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos nos procedementos de inaplicación das condicións de traballo dos convenios colectivos previstos no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores e no Decreto 101/2015, do 18 de xuño.

Artigo 2. Datos orzamentarios

As compensacións económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo ao programa 324A, capítulo 2, artigo 23 e concepto orzamentario 233, ou equivalentes que os substitúan.

Artigo 3. Contía

1. Polo desenvolvemento dás súas funcións, as persoas que realicen as arbitraxes percibirán, con carácter xeral, unha compensación económica de 500 euros por cada laudo emitido.

2. Non obstante, cando o número de persoas traballadoras afectadas polo laudo sexa inferior a 50 e a arbitraxe só se deba pronunciar sobre unha das materias previstas no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, a contía que percibirá a persoa que realice a arbitraxe será de 275 euros.

3. Calquera gasto en que puidese incorrer a persoa designada que realice a arbitraxe estará, en todo caso, incluído na contía da compensación que corresponda segundo o disposto neste artigo.

4. As contías recollidas neste artigo serán obxecto de actualización en virtude do incremento sufrido en cada exercicio polo índice de prezos de consumo (IPC).

Artigo 4. Procedemento

1. Unha vez recibido o laudo arbitral pola Secretaría da comisión, esta emitirá unha certificación na que se reflictan os datos da persoa que levou a cabo a arbitraxe, así como a referencia ao laudo emitido, e remitirá a dita certificación á Secretaría Xeral de Emprego para que o dito organismo leve a cabo o pagamento da compensación correspondente segundo o establecido nesta orde.

2. As compensacións económicas anteriormente mencionadas ingresaranse na conta bancaria que a persoa que arbitrou comunique á Secretaría da comisión para tal fin, logo de efectuar a retención á conta do IRPF que corresponda con carácter xeral ás actividades profesionais para o ano en curso.

Artigo 5. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación do laudo arbitral que corresponda, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lpdp.industria@xunta.gal.

Disposición transitoria única. Laudos anteriores á entrada en vigor desta orde

Para aqueles procedementos arbitrais que se levaran a cabo con anterioridade á data de entrada en vigor da presente orde, a Secretaría da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos deberá emitir a certificación correspondente no prazo dun mes contado desde a entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria