Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 7 de abril de 2017 Páx. 16578

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de marzo de 2017 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Carlos Velo.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Carlos Velo con domicilio no camiño da Igrexa, en Cartelle (Ourense).

Feitos:

1. O 1 de decembro de 2016, María del Carmen Leyte Coello, presidenta do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Carlos Velo foi constituída en escritura pública outorgada en Celanova (Ourense) o 17 de outubro de 2016, ante o notario Ángel Manuel Rodríguez Dapena, co número de protocolo 2.451, polo Concello de Cartelle que actúa representado pola súa alcaldesa-presidenta, María del Carmen Leyte Coello.

Esta escritura foi emendada por outras dúas outorgadas tamén en Celanova o 29 de decembro de 2016 e o 9 de febreiro de 2017, ante o mesmo notario, co número de protocolo 3.069 e 399, respectivamente.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, centrarase na investigación e na difusión da obra do cineasta e no estudo, difusión, formación e promoción das artes da imaxe, no seu máis amplo espectro, así como na organización de actividades culturais e científicas de carácter xeral e relacionadas cos fins sinalados.

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola alcaldesa-presidenta do Concello de Cartelle, María del Carmen Leyte Coello, como presidenta; Miguel Ángel Fernández Fernández, como vicepresidente; María Dolores Villar Álvarez, como secretaria, e Laura Gardós Velo, Armando González López, José María Paz Gago, Antonio Piñeiro Feijóo, Xosé Manoel Rodríguez González, José Enrique Acuña Rodríguez e o concelleiro do Concello de Cartelle con competencias en materia de cultura, Daniel Fernández Carril, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Carlos Velo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 13 de marzo de 2017.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Carlos Velo e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza