Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 5 de abril de 2017 Páx. 16230

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de marzo de 2017 pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante no Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Mediante a Orde do 22 de febreiro de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 44, do 3 de marzo, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo do Fogga que se detalla no anexo desta orde.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, que aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da mesma lei e o artigo 17.4 do citado decreto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Resolver a convocatoria pública efectuada pola Orde desta consellería do 22 de febreiro de 2017 e designar a persoa funcionaria, cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, para ocupar o posto que tamén se especifica.

Segundo. De conformidade co establecido nos artigos 14 e 16.2 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo, o cesamento no actual destino efectuarase no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo para a toma de posesión da praza adxudicada será de tres (3) días hábiles seguintes ao do cesamento, se non implica cambio de residencia, ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte (20) días hábiles.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde a dita data.

O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, se é o caso, lles fosen concedidos ás persoas interesadas.

Nos supostos de baixa temporal ou transitoria, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.

Con independencia do establecido nos parágrafos anteriores, a persoa titular da consellería onde obteña novo destino o/a funcionario/a poderá conceder unha prórroga de incorporación ata un máximo de vinte (20) días hábiles se o destino implica cambio de residencia e así o solicita o interesado por razóns xustificadas.

Terceiro. A xefatura de persoal do centro en que cause baixa o/a funcionario/a, así como a daquel en que obteña destino, consignarán no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e de toma de posesión, das cales se dará traslado, mediante copia, á Dirección Xeral da Función Pública.

Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2017

A conselleira do Medio Rural
P.D. (Orde do 17.11.2015; DOG núm. 223, do 23 de novembro)
María del Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural

ANEXO

Apelidos e nome: Leis Mol, Pablo.

NRP: 4691281002 A2086.

Grupo: A1.

Corpo/escala: superior da Administración da Xunta de Galicia/superior de finanzas.

Denominación do posto: secretario/a.

Código: MR.O12.00.000.15770.020.

Nivel: 30.

Centro de destino: Secretaría do Fogga.

Localidade: Santiago de Compostela.